Klásicos, unha parodia social

xaneiro 27, 2010 · Publicado en literatura galega · 5 Comentarios 

A Editorial cualifícaa de “crítica social e humor negro”. Así será, seguramente. Morgante, selo de Rinoceronte para a edición de obras de autores galegos. Crítica social e humor: parodia social, xa que logo. A.G.B. pregunta “de que vai” na anotación anterior onde aparecía un presidente humillado. Un enxeñeiro e escritor puntualizou ó respecto: “Que vén sendo a historia de Galicia senón unha cadea infinita de humillacións? Ese presidentiño só é un elo máis da cadea.” Puntualizouno acertadamente, como (case) sempre. (Quen acerta sempre?). Dicía que A.G.B. pedía información sobre Klásicos, a novela. De que vai?, preguntaba. Non é fácil. Debería eu esperar ó martes, 2 de Febreiro, para contestar. O martes, 2 de Febreiro, ás 8.00 do serán, farase a presentación de Klásicos, a novela, na libraría Couceiro de Compostela. Na alegórica Praza de Cervantes, para máis datos. Nunha nova demostración de xenerosidade, intervirán Chisco Fernández Naval e Rafa Cuíña. Aproveito para recomendar “Para seguir bailando”, o último en narrativa do Chisco, e para louvar o activismo do Rafa a prol das súas convicións, que son en boa parte tamén (creo) as nosas. Entre os tres tentaremos levar a cabo a presentación de Klásicos, a novela. Martes, 2 de Febreiro, na Libraría Couceiro de Compostela, ás 8.00 do serán. Estades, como non!, invitados.

“De que vai?”, insistirá A.G.B. Pois vai (coido eu) da percepción persoal (do autor) sobre unha sección desta sociedade, unha sección, se cadra, pequena (pero ben visible) desta sociedade. Horacio pertence á clase alta, fillo dun empresario de éxito e amigo doutros fillos de pais burgueses de suposto éxito. De vello, como o monárquico Alexandre, ou acabados de chegar, coma Xerome, o tuno da bandurra. De vello ou acabados de chegar, os fillos dos pais burgueses. Tamén vai da estupidez humana. Aristóteles deixara esta idea (entre algunha outra, calcúlolle). Deixara: “é imposible chegar ó fondo da estupidez humana.” Algo así. Eu pensei que, de haber fondo, localizaríase, ese tal fondo, nalgún curruncho do espazo ocupado polo grupo social ó cal pertencen Alexandre e Xerome, e Horacio tamén (ben pensado, seguramente non sería de Aristóteles, a frase).

Por seguir co fío da historia… Horacio levaba unha vida extraordinaria: ingresos elevados que recibía a cambio de nada, praceres doados de acadar e gozar, alta estima social sen maiores responsabilidades; xuventude, saúde, benestar… Mais un día, ese o seu mundo vénse abaixo estrepitosamente. O pai cúrtalle as vías de ingresos. Cabreado (cabreadísimo), chega á casa, na casa Manuela (que sempre lle recordara a Marilyn) pasa a aspiradora, el pretende abusar de Manuela (a chacha, a doncela), e Manuela resístese. Foi un accidente, o que ocorreu, pero non para Horacio. Horacio non sabe como interpretalo. Só sabe que está na rúa, sen un can, e non pode regresar ó seu apartamento. Porque no seu (luxoso) apartamento quedou Manuela, pendurada do gancho dun colgadoiro africano, de Kenya. E Horacio que treme coma unha vara verde, coma un gong.

A partir de aí, Klásicos, a novela. Unha parodia social (crítica e humor negro). Unha historia a encaixar na categoría dos thriller psicolóxicos, disque. E da parodia. Unha historia sobre a estupidez humana. E sobre a capacidade de resistencia e rexeneración das familias hexemónicas, algo así.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google