Cultura en rexeneración permanente

Queremos Culturgal 2009Córtanlle un brazo e o brazo volve xurdir como se a forza que latexa no seu interior precisase dunha agresión para se rebelar. A Cultura galega é indestrutible. O noso goberno, porque falamos do goberno galego, insiste na súa teima homicida. Naceu Culturgal durante o bipartito. Se cadra por tal simple motivo, talvez polo éxito da convocatoria, este ano a Consellería de Cultura dixo que nanai, que a gadaña non se ía deter nun “quítame aquí este culturgal”. E quitouno malia o movemento a prol da súa celebración. Mais ese brazo tamén se rexenerou. A Consellería de Cultura do Concello da Coruña tomou a remuda e naceu Achegarte, irmá de sangue do Culturgal. Tivo lugar a fin de semana pasada. Darei unhas cifras, aínda sen coñecer a principal, o do número de asistentes, pois a cantidade tamén é importante (trátase da masa crítica): 28 entidades relacionadas co libro en galego, 21 vencelladas ó teatro e artes escénicas en xeral, 18 de natureza diversa (entre elas, Blogaliza!), 13 institucións ou compañías do sector da música e 8 galerías de arte; e máis: 28 concertos ou audicións durante a fin de semana, 26 proxeccións audiovisuais, 19 funcións de teatro, contacontos ou similar, 15 obradoiros creativos e 10 representacións de danza, así como múltiples presentacións e lecturas compartidas.

Entre tanta manifestación, gustaríame subliñar, polo seu significado, dous dos proxectos presentes. Un, o da editorial Urco, que se lanzou ó mercado do libro cando a maioría das compañías galegas conxelaron as súas publicacións. Diríxense a un público específico, cunha oferta de obras escollida con intención e utilizando fórmulas novedosas que lle agoiran tempos de moita satisfacción. O outro, a Central folque, proxecto que sufriu un dos ataques máis furibundos deste goberno ó retirárenlles as axudas anuais e expulalos da sede que ocupaban. Nunha nova lección de orgullo e supervivencia, a Central Folque conseguiu continuar as súas actividades que perseguen tornar a música tradicional galega nun espazo de innovación e futuro a partir da súa fonda raigame.

Unha conclusión final: chamarase Cultural, chamarase Achegarte, o que podemos garantir é que no ano 2010 tamén haberá Feira das Industrias Culturais galegas. Que será mellor cá do 2009 pero peor cá do 2011.