Feijóo humillado

xaneiro 21, 2010 · Publicado en Política · 7 Comentarios 

Disque 60.000 persoas se xuntaron en Compostela desta vez. Comentándoo coa miña nai, dáme ela unha clave ben suxestiva: "Feijóo intenta humilla-los galegos pero Galicia está humillándoo a el." Tal cal. De feito, Feijóo leva humillándose dende a propia campaña electoral, argallada nos sucios sotos da indecencia. Seguiu humillado cando houbo recorrer á terceira bancada para poder compoñer ese grupiño de indocumentados que chama goberno. Humillouse ante Iberdrola, que leva secando o Sil dende entón, ante Endesa que fai o mesmo co Eume, e ante Pescanova que vai estragar o marabilloso litoral de Touriñán. Humillado ha facer fronte ás críticas tallantes das institucións galegas mentres el teima na aniquilación da nosa estrutura cultural. Humíllase cando, intentando acurrunchar o galego, bota man do inglés que el nin fala nin entende. Patéticos grupúsculos atrévense a humillalo reclamándolle o que entenden foron promesas electorais a prol do asoballamento lingüístico. É humillado cada vez que os medios de comunicación radicais, extremistas, para nos entender, a extrema dereita mediática madrileña, o requiren para que aplique o garrote vil ós nosos sinais de identidade. Será humillado sen remedio polo seu propio partido cando queira cobrar o que lle deben e se encontre con que ninguén apuntou ningunha desas tales débedas. Que nada lle reservan porque, por máis empeño que lle puxo á cousa, non conseguiu domesticar a grea galaica. Así que, se te viron, xa non o recordarán, Feijóo, Mr. Bean. E finalmente serás humillado pola historia: as enciclopedias falarán dese político galego que, tras boicotear o Estatuto que precisaba o seu País, procurou o seu empobrecemento espiritual eliminando os riscos identitarios a través dos cales ocupa un lugar no mundo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Mordaza informativa

xaneiro 16, 2010 · Publicado en Política, medios comunicación · Comentario 

Non é esta a primeira vez na que destacamos o labor de Tempos Novos. Nesta ocasión, será para subliñar o excelente artigo de Manuel Barreiro recollido no último número e no que, baixo o título "Política cero", analiza as esencias da política comunicativa do goberno (anti)galego do Partido Popular. Xa as referencias ó político priísta Laureano Vidal da presentación anuncian contido digno de degustar: "O poder gáñase, non para facer cousas, senón para non perdelo. Un goberno non produce nada, agás antigüidade. O único que teño que ofrecerlles é a idea de que teño algo que ofrecer."

O ideal deste goberno, sinala Barreiro, "é a cancelación da política, unha sorte de expropiación difusa dos dereitos de cidadanía para impoñer a primacía do goberno como simple administración e un xogo clientelar, sen marxes maiores de participación, co que satisfacer demandas brandas e concesión de favores... A hiperpolitización é sempre un dos compoñentes da estratexia de asalto ao poder do PP. Daquela todo vale, forme parte ou non da axenda política, para maximizar os réditos electorais. No goberno, a idea dos tecnoconservadores é outra. Unha sociedade eficiente ha de ter un abaixado perfil político. O seu resumo é unha máxima de democracia mínima: os cidadáns queren solucións, non debates. Achicarlle espazos á política é un obxectivo principal da Nova Política Informativa do goberno do PPdeG. Reparemos nos boletíns informativos da CRTVG: os únicos debates que se subliñan son os da política do Estado e, singularmente, os temas desvantaxosos para o PSOE... A política -e o que pasa por ser o seu núcleo duro, a economía- é un asunto do Estado que se acouta ao xogo antagonista entro o mal goberno e a boa oposición... A Nova Política Informativa de Feijóo está ao servizo dun goberno sen discusión, dunha política en nada interactiva e do formatado da mediasfera galega como factoría de consensos obrigados e como negación, en definitiva, dunha cidadanía que unicamente é tal se se constrúe sobre a base da información de calidade, da participación plural, da deliberación esixente e da discusión libre de pareceres, intereses e políticas. O obxectivo: unha Galiza monolítica, obediente, submisa e eternamente conservadora."

Coido que o artigo de Manuel Barreiro representa unha descrición traxicamente atinada da realidade do País e, incluso, un bo punto de partida para analizar e deseñar unha estratexia de neutralización da mutiladora política informativa do goberno do Partido Popular.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Castelao afeado

xullo 28, 2009 · Publicado en Galicia diversa, Política · 2 Comentarios 

image001 A ousadía deste home que chegou por pura potra a presidente non coñece límites. Coxo no partido dos cegos, feliz na súa infinita ignorancia, cómplice entusiasta da tradición xerárquica, usa e abusa das consignas deturpadas á fin de acada-lo seu obxectivo de tornarse líder intocable. Non lle abonda a este home en postura permanente de superheroe con adoutrinar a concorrencia para lle facer crer o carácter limitativo da cultura galaica, para lle facer renegar da súa historia propia, para lle facer desprezar a súa lingua nacional. Este home, campión da ambigüidade e do simplismo, acaba de cualificar de "rexionalista" a Castelao. Afonso Daniel Rodríguez Castelao, pai da Nazón e da Patria galega, afeado pola groseira audacia deste homiño, aldraxado por quen debería ter prohibido menciona-lo seu nome. Núñez, que inopinado exemplo de galego tolleito e inculto! Xa o dicía a miña avoa: que atrevida resulta case sempre a ignorancia!

Información sobre as declaracións de Núñez

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A evolución do idioma

xullo 16, 2009 · Publicado en Lingua, medios comunicación · Comentario 

Algúns témo-la sorte de contar con espazos nos que verque-las nosas opinións e puntos de vista, con maior ou menor acerto, verbo do asunto que en cada momento máis nos pete. E hai cidadáns que non dispoñen de altofalante ningún malia demostrar un salientable sentido crítico e un sobranceiro talento expositivo. É o caso do lector auto-alcumado "Lucente" quen publica en Xornal.com a seguinte opinión entre os comentarios do artigo de Pilar Rego "A teima de Feijóo". 

Iso é o que ten, complexo de ser "gallego". Consciente ou inconscientemente. Efecto do secular prexuízo e mala consideración de todo o "galego" -e maiormente das notas máis características ou típicas dos habitantes de Galicia perante os non galegos- que se estendeu e mantivo non só en Castela e en Portugal, senón tamén no interior de Galicia. Secularmente tamén, ante eses prexuízos e mala imaxe, a resposta de moitos galegos e galegas foi a de disimularen canto podían eses trazos característicos. Tentar de perder o "acento", do que tanta burla se fixo, foi unha das consecuencias. Perder os xiros máis propios e enxebres, aínda falando galego, foi outra. Renegar da propia lingua, non llela transmitindo aos fillos ou netos, foi outra. E con estas outras perdas e renegamentos dunha maneira de ser. Todo isto veuse producindo moi a modiño desde o século XVI polo menos, mais sen que chegase a afectar fondamente á gran masa popular, reducíndose máis ben á escasa pequena burguesía e ao funcionariado. Porén o proceso comezou a coller moita forza a finais do XIX e, xa no XX, rompeu os bordes de clase e comezou a a afectar tamén á poboación dos barrios baixos urbanos e comezou a se estender tamén contra o ámbito rural. Que lle pasa a Feijoo? El é simplemente un produto e un axente do fenómeno ata aquí descrito. E non lle dá vergoña por varias causas, das que por mor da brevidade só apuntarei dúas. Unha, que hai bastantes galegos e galegas que, vítimas tamén e axentes do proceso, comprenden e aproban o que fai. Outra, que a política lingüística e a ideoloxía do seu partido van hoxe en día nesa liña, con máis claridade e medios en xogo do que nunca desde a súa fundación. En resumo, que é vítima e reprodutor dos prexuízos "antigallegos" sostidos ao longo de moitos séculos na Península Ibérica e en Hispanoaméríca, asumidos por riba polos propios galegos na mesma Galicia, conscientemente ou non. Vítimas e reprodutores renegan do "gallego" do mesmo xeito que se renega de ser pobre ou parvo, que eran dous significados da palabra en castelán e poida que o siga sendo, aínda que xa se suprimiu -non foi sen tempo- no dicionario da Real Academia de la Lengua."

Lucente merecería unha páxina en calquera xornal do País.

 

 

 

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google