Archivos en la categoría Sen clasificar

Supoño que gañarán o Mundial

Supoño que España gañará este Mundial dentro dunhas horas. Eu alegrareime e pensarei, sobre todo, no meu pai. Supoño tamén que os meus veciños de arriba volverán saír á terraza berrando coma tolos. Supoño que a xente da rúa os saudará tal que fosen amigos íntimos. Supoño que volverán recrearse no ben “que xogamos”, nos goles “que metimos” e na faciana que lles quedou “ós outros”. E volverán cantar aquilo de “yo soy español” e o “Viva España” mentres menean as bandeiras. E eu, entón, xa nos estarei tan contento. Dicía miña filla trala vitoria contra Alemania: “co ben que estabamos e agora rexurde o que estes mantiñan aí dentro e non se atrevían a sacar fóra.” Un triunfo deportivo en boa lide representa o recoñecemento ó traballo ben feito, sobre todo. Pero cando algúns pretenden darlle un significado alén da propia competición, córrese o risco de caer na mitoloxía política e na caspa social. Un amigo comentoume hai pouco: “Como España gañe o Mundial, este País vaise tornar irrespirable.” Espero que nuns días ás bandeiras regresen ós bazares chineses.

Novos formatos para o libro

O lanzamento do penúltimo aparello de Apple disque foi éxito, inda que haxa linguas mal intencionadas que xuran todo o contrario. Seica vai supoñe-la fin do e-book mesmo antes do e-book ter principiado a súa andaina. Coñecedes alguén que lera unha novela completa a través do chamado libro electrónico? Eu, de buscar substituto para ese instrumento do demo que case todos coñecemos por LIBRO, tentaría novos formatos. Eis algunhas ideas:

Unha caixa de cristal onde nada máis se puidese le-la palabra asociada ó punto onde caese a vista. Dado que unha superficie ten infinitos puntos, o crystal book acollería seis historias infinitas, unha por cada cara da caixa. Outra opción: unha elicoide pola que os textos subiren e baixaren a toda velocidade conformando as novelas máis dinámicas que calquera lector puidese agardar. Tamén o fogueira book, un libro en lapas que ciscase as palabras canda o lume creando de tal xeito as historias máis quentes e ousadas. E que dicirmos do book asociado á trituradora? Os textos serían esnaquizados tan logo fosen lidos, chimpando as letras ó aire as cales se xuntarían de novo dando lugar a historias anovadas unha e outra vez.

De cristal, en lumeirada, elicoidal ou en set esnaquizador… Pasareille as alternativas a Apple e Microsoft; eles saberán explora-la mellor opción para conseguir acabar, por fin, co anticuado libro tradicional.

Economistas – parte II

O longo artigo anterior aínda agochaba unha sección ou separata titulada “Unha economía en crise” que ben se podería ter chamado “Unha profesión en crise… de identidade.” Velaquí o seu contido:

Unha economía en crise

O mundo en crise: Estados Unidos en recesión, Europa en depresión, España á valga, Galicia á tenza dos demais. O PIB decrecendo, o desemprego disparado, empresas pechando, a banca a velas vir, investimento inexistente, consumo conxelado e ata os prezos semellan minguar. Os economistas, coma sempre: os dun bando, que máis desregulación, que os tipos á baixa, que menos impostos, que mercado libre, que flexibilidade laboral… Os outros, que maior normativa, que máis transparencia, que Estado forte e impostos para o financiar, que mercados baixo control, que dereitos dos traballadores… Dous modelos económicos ó servizo de dúas maneiras de entende-lo goberno. Quizais só sexa, ó cabo, un debate ideolóxico sen final.

Crise, que crise? O PIB per cápita en América do Norte é de 35.000 $; a media mundial, de 6.000 $. En África, de 750. O 60% da poboación africana sobrevive con menos de 2$ ó día. Máis do 40% dos adultos de África son analfabetos. O 20% dos nenos subsaharianos morren antes de cumprir 5 anos. Europa dispón dun médico cada 400 persoas, en África dun cada 17.000. Na África Subsahariana hai 26 millóns de persoas infectadas polo virus do SIDA, o 70% do total mundial. No mundo occidental, a esperanza de vida chega ós 81 anos; en Zambia, por exemplo, ós 34. A posibilidade de non sobrevivir ata os 40 anos é superior ó 50% en Zimbawe, Rwanda, Costa de Marfil, Malawi, Mozambique, Burundi e Serra Leoa. O 60% da poboación de Mauritania, Chad ou Etiopía non ten acceso a auga potábel.

O principal executivo de AIG, unha das compañías rescatadas polo Tesouro norteamericano o pasado ano, cobrou unha indemnización de 22 millóns de dólares. Os conselleiros delegados dos bancos alemáns intervidos polo goberno teutón gañaron o ano pasado entre 3,2 e 4,3 millóns de euros. A retribución media dos executivos das empresas do Ibex-35 foi en 2009 de 669.000 euros. Nos últimos anos, algúns directivos de empresas españolas cobraron liquidacións entre os 12 e os 108 millóns de euros. A retribución anual do presidente –galego, por certo– dun dos principais bancos españois é de 8 millóns de euros.

Para que serven os economistas?

Para gravarmos na pel

Versos para hoxe, para mañá e para sempre!! 

O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela. 

(“Da Vella Roseira”, Victoriano Taibo)