Archivos en la categoría Política

O inevitable, canto antes

Xantabamos nunha casa de comidas en Peiro, as miradas da maioría de comensais dirixidas non ós pratos senón á televisión, afortunadamente silenciada, que eu mantiña ás costas. Polas facianas, polos murmurios, mesmo por algunha frase solta, seguía ó detalle a marcha do partido, o cal me importaba bastante menos cás patacas e os grelos que estaba a degustar. Así todo, sabía que os acenos de ilusión celebraban os puntos de Nadal e os xestos de fastidio maldicían os tantos do serbio. Por fin gañou este último e os ollos regresaron, decepcionados, ó cocido. Disque seis horas pasaron a golpe limpo mais total, para gañar o mesmo de sempre. E non lles tería sido mellor rematar canto antes, en tres rápidos sets?

De seguro coñecedes o Manifesto Cluetrain. Temo que non o coñezan no BNG. A súa tese 29 di, máis ou menos: “non podemos seguir xuntos se sospeitamos o un do outro”. Fixádevos na 57: “as empresas (organizacións) intelixentes deben saber que o inevitable ha suceder canto antes”. Esta é boa, se a tivesen considerado hai un par de anos, a situación agora sería distinta, o trauma estaría superado e contaríamos con dúas forzas co discurso centrado en Galicia. Na casa de comidas de Peiro deberían ter retransmitido o cónclave nacionalista, bastante máis transcendente para os que aló estabamos có partido de Nadal. Porque ou Galicia recupera de vez o pulso político, ou o devalo no que leva estes tres anos prolongarase por décadas. Somos expertos en afundirnos no lameiro da autocompracencia e a resignación. Por iso é tan importante para o País o renacer do nacionalismo galego. E tralo resultado do último Congreso, este só pode conseguirse coa escisión. Canto antes.

 

Tralas eleccións

Unha semana tampouco non dá para moito inda que nese tempo si poden albiscarse os efectos duns resultados electorais. Para min a consecuencia transcendente é que a economía española amosa por fin sinais esperanzadores. Iso cando menos afirmaba o suplemento dominical de El Mundo que caeu, non recordo por que estraño feitizo, nas miñas mans. Para o subitamente magnánimo xornal madrileño –e moi, moi español– a economía que 24 horas antes se asomaba perigosamente ó abismo, descubrira ate dez motivos sólidos e asentados para pensar nunca factible recuperación inmediata. E todo por obra e arte das eleccións, supoño eu, pois doutra maneira non se entendería tan estentóreo cambio de opinión.

Outro efecto: non hai tantas coma cincuenta e unha españas pero si cando menos dúas. Sempre foi así, nobreza e campesiñado, pobo e caciques, turnistas e alternativos, monárquicos e republicanos, dereitas e esquerdas, vítimas e verdugos, xacobinos e progresistas. Tras estas eleccións, emerxen dous novos grupos enfrontados: os indignados e os indignantes, aqueles saciados de tanto abuso, manipulación, capitalismo incontrolado e política de medio pelo, e aqueloutros instalados felizmente na ignominia. Eses dous grupos e ademais os vascos, lanzados cara á independencia. Tras eles virán os cataláns. Os galegos? Non, os galegos seguiremos apoiando os indignantes.

Unha semana dá tamén para troca-la perspectiva sobre os líderes saíntes, e onde antes había un Zapatero ensumido e apaiolado, agora temos un gobernante a quen a Historia fará xustiza; e onde antes se vía un Pepe Blanco iletrado e paspallán, agora enxergamos un político coherente con sentido do Estado. Non se libra o político lugués da ecuanimidade daquel xornal amentado, e cando o resto da prensa informaba sobre a súa retirada da dirección do PSOE, El Mundo subliñaba o feito de conserva-la acta de deputado mantendo así a inmunidade parlamentaria: ricas as variantes que nos achegan os medios.

E a semana aclarou de vez cal será a oposición dominante a Rajoy nun espectro político tan fragmentado. O auténtico líder –ou lideresa– da oposición será Esperanza Aguirre. Nin un día de tregua lle concedeu ó presidente in pectore. Que calculado tiña o movemento a política madrileña, iso é planificación e o demais son trapalladas. E que ben leccionados mantén os seus mariachis, todos eles caladiños, coas mans nos petos, ata a comandanta ordena-la destitución de Granados, o home en Madrid de Rajoy.

Un par de liñas para Feijóo, non merece máis: o presidente do goberno galego (cantas veces esquece o seu posto e función!) declarou que aquel era o día para o cal tanto traballara… Sen comentarios. Días despois, demostrando esa calidade visionaria que o caracteriza, anuncia os buracos que atopará Rajoy… Sen comentarios bis.

Deixamos para o final o noso BNG, ese partido ou grupo de partidos ancorado no post-franquismo, empeñado en mante-los vellos logos e os termos que unicamente eles utilizan, ninguén máis no País, e anicándose e xibarizándose convocatoria tras convocatoria para ledicia dunha bancada cada día máis insignificante. Recordo cando o BNG era a opción da mocidade, cando aspiraba a formar grupo propio no Congreso, cando o obxectivo non baixaba do 20% dos votos. Hoxe, satisfeitos co exiguo 10% inda sabendo que está tan preto da nada. Houbo durante algún tempo un degoiro en Galicia que hoxe, tralas pasadas eleccións, se confirma quimérico, inalcanzable…

Feijóo: 10 motivos para un fracaso

O diario El País publica hoxe un magnífico artigo analizando a evolución da economía galega dende o regreso do Partido Popular á Xunta de Galicia. Motiva a elaboración do traballo a insistencia de Rajoy en poñer o goberno de Feijóo coma modelo a seguir dende La Moncloa a partir do 20-N. A conclusión do artigo resulta desoladora: fronte ás promesas previas ás eleccións galegas, a realidade evidencia o fracaso incuestionable da Xunta do PP cunha evolución negativa tanto en actividade produtiva como en emprego respecto ó conxunto da economía española.

Detrás de todo efecto, adoita haber unha causa. Neste caso, identificamos ata dez:

  1. A política económica de Feijóo resúmese nunha expresión: impresión de austeridade. Mais a austeridade nada amaña nunha recesión por moito que o Partido Popular repita a cantarela apelando máis ós instintos do votante cós principios de teoría económica.
  2. A pasividade do goberno en termos de promoción económica e industrial. O dogma liberal recomenda a impasibilidade do executivo na crenza de os axentes do mercado ser autosuficientes na activación económica dun territorio determinado, feito sempre contradito en economías subdesenvolvidas como a galega.
  3. A teimuda insistencia no sector inmobiliario como motor produtivo sen entender que a construción nunca vai recuperar o desproporcionado peso que ocupou no PIB da economía galega (e española) dos últimos anos. É preciso conseguir que sectores emerxentes como ecoloxía, enerxías renovables, reciclaxe, biotecnoloxía, etc. tomen o relevo urxente dos sectores en devalo, nomeadamente a construción.
  4. O enredo do goberno Feijóo arredor do concurso eólico que supuxo a cancelación do reparto enerxético e dos proxectos industriais comprometidos.
  5. O retroceso do goberno Feijóo nas políticas medioambientais nunha involución estratéxica que implica a desprotección do territorio a prol da obtención doada de rápidos beneficios, o cal implica a renuncia á ecoloxía como valor económico de futuro.
  6. Como consecuencia do punto anterior, proxéctase sobre o empresariado galego a idea de que as fórmulas a promover en Galicia poden ser aquelas vinculadas á explotación do medio natural e non a competitividade e a diferenciación vía innovación.
  7. A rendición do goberno galego ó respecto do papel estratéxico que debe xogar o rural e os sectores agroalimentarios na recuperación económica de Galicia.
  8. O abandono, total ou parcial, dos programas de I+D e dos plans de captación de persoal científico así como o estancamento dos fondos dedicados a innovación e á transferencia tecnolóxica.
  9. O ataque sistemático contra a cultura e sinais identitarios de Galicia no obxectivo de reducir o País ó concepto de rexión subordinada ós intereses superiores da nación española, unha concepción que propicia a falta de confianza nas capacidades propias e a contención de proxectos e iniciativas ambiciosas e de dimensión internacional.
  10. Por último, a falta dunha política emprendedora e de saídas á mocidade galega altamente cualificada que perde a esperanza de atopar un traballo gratificante na súa terra e adopta a emigración como saída natural para o seu desenvolvemento profesional.

O modelo Feijóo resulta un fiasco monumental que debemos emendar en Galicia á primeira oportunidade a risco de perder calquera opción de revitalización e progreso. Se o futuro goberno español adopta ese tal modelo, a economía española terminará por perder ademais o paso, mesmo cambaleante, dos seus socios europeos.

Que modelo nos propoñen?

Estes dous están debatendo pero a min nunca me gustaron as artes marciais, nin sequera a esgrima. De ter que elixir unha disciplina para o momento actual, escollería a medicina. O que lles pedimos ós médicos é que fagan un bo diagnóstico, algo que lle importa pouco a un karateka pero resulta fundamental para salva-lo enfermo.

Quen dos dous, Rubalcaba ou Rajoy, emitiu o seu diagnóstico? Á vista dos programas electorais, ningún deles. As receitas do PSOE son novos parches, ningún tratamento cirúrxico, tan so xaropes paliativos para ir tirando ate que se aclare o ambiente xeral, isto é, o contexto internacional. O caso do PP é moito peor como veremos: prescriben basicamente seguir furgando na ferida.

Cales son os males da economía española? Porque non nos enganemos: nestas eleccións o único factor en xogo é a economía. Os males, ou sexa, o diagnóstico: por unha banda, unha estrutura produtiva claramente descompensada, cun peso da construción e sectores afíns que duplica a media da Unión Europea. O novo modelo económico español habería identificar e promover os sectores que deben encher ese baleiro do 10% do PIB que deixa, para sempre!, o sector da construción.

Un segundo mal económico é a diferenza entre as rendas altas e as rendas baixas. España pasou en pouco máis de dez anos de ser o país da Unión cunha fenda máis estreita entre ricos e pobres a ser o cuarto cunha diferenza maior. Canta meirande sexa esta fenda, menos estabilidade económica pois os ciclos incidirán na demanda interna con superior virulencia cá nos países de renda mellor distribuída. E unha terceira eiva fundamental está no desequilibrio da balanza comercial de perniciosos efectos no resto de variables económicas e que propicia unha forte dependencia do exterior.

Diciamos que o PP propuña seguir furgando na ferida. Así é se atendemos ó primeiro factor: como compensar a atonía do sector da construción? So hai dúas medidas: incentivando a obra pública e promovendo sectores alternativos vinculados a actividades emerxentes como medioambiente, enerxía (o hidróxeno, entre outros) e as tecnoloxías emerxentes (bio, nano, etc.). A proposta do PP: austeridade (din que a austeridade crea postos de traballo!!!) e recuperación da dedución para compra de vivenda. Unha demostración de non teren comprendido nada e así se amosan dispostos a volver ceba-la burbulla. Inconcebible!

Que dicirmos sobre a necesidade de reduci-las diferencias de rendas? No canto de aumenta-la fiscalidade sobre os tramos superiores de ingresos e equipara-la imposición do capital coa do traballo, o PP propón elimina-lo imposto do patrimonio, reduci-la imposición ás empresas (con beneficios, evidentemente) e rebaixa-la fiscalidade do capital!! Iso atendendo á política tributaria. Habería que engadir agora a reforma laboral prevista e da cal se coñece nada máis un aspecto: adeus á negociación colectiva, cada empresa pode face-lo que lle praza. Dito doutro xeito: menor capacidade negociadora para o traballador, xa que logo menores salarios e maiores beneficios empresariais.

Respecto do equilibrio da balanza comercial, para que propor ren se coas anteriores medidas, o enriquecemento das clases hexemónicas queda sobradamente garantido? Ese é o seu obxectivo. En realidade, sempre o foi, en Galicia e en España (quizais algo menos, pero tamén).

En dirección contraria

Saberedes ese chiste no cal un tipo se queixa de o resto de coches iren en dirección prohibida. Colocando a economía no lugar desa autoestrada, eu síntome coma o pobre condutor consternado. Porque na miña opinión, cada unha das decisións adoptadas contra a crise económica resultou contraproducente. Falar agora é doado. Mais se Xornal non tivese borrado os seus arquivos virtuais, velaí habería probas de telo advertido no seu momento.

No comezo do período recesivo, o goberno español, inspirado na onda keynesiana que daquela dominaba o G-20, verqueu moreas de cartos nos concellos para manter a actividade. Aqueles fondos deberían ter sido destinados a obxectivos de medio prazo, en incentivos á competitividade e na promoción dos sectores que haberían –e haberán– substituír o buraco que deixa (para sempre!) no PIB a construción. Porén, os fondos dirixíronse a obras de nulo impacto económico alén do trimestre no que se acometeron. Tamén se tentou estimular o consumo tratando de crise conxuntural o que era unha clara depresión estrutural (e ollo, que na teima do consumo continúan as mentes económicas da dereita!).

Asemade, o sector financeiro foi obxecto de múltiples rescates de dubidoso efecto e dunha transformación propiciada antes por intereses políticos ca por motivos de eficiencia económica. No cumio do despropósito, aprovéitanse os abusos na dirección das Caixas de Aforros para desmantelar un sector clave para o desenvolvemento económico e social dos seus territorios ó tempo que se premia a eses xestores malbarateiros e corruptos.

Novamente se adoptan políticas nocivas para a recuperación na administración das contas públicas. Após o período de gasto inxustificado, o mundo económico faise eco da alerta dos mercados financeiros sobre os déficits públicos. E no canto de procurar a consolidación dos ingresos fiscais, os gobernos e institucións lánzanse a unha carreira pola redución do gasto á busca dun equilibrio imposible sen crecemento da actividade. Poderíase ter atacado o fraude fiscal (é sinxelo: eliminación dos paraísos fiscais e uso das facturas no canto das deducións sen xustificar), elevado as taxas tributarias dos tramos máis altos e equiparado as rendas do capital –hoxe sumamente beneficiadas– e as do traballo. Nada diso se fixo. En cambio, atácase o sistema de benestar e redúcese a capacidade de manobra do Estado.

Chegamos a estas últimas semanas. Insisto: sen recuperación da actividade, non hai maneira de controlar o déficit e, xa que logo, tampouco a débeda. Un dos elementos críticos para a reactivación resulta o crédito, hoxe en día en franca e universal restrición. Os gobernos e institucións poderían tomar unha medida: reducir as esixencias de capital derivadas da concesión de crédito das entidades financeiras. Sen embargo, fan xustamente o contrario: aumentan os requisitos de recursos propios da banca sobre a base da perda de valor da débeda soberana nos seus balances. Para aclarármonos: debido á crise, a débeda pública perde valor polo que as entidades financeiras son obrigadas a captar ou xerar novos recursos que cubran esa minusvaloración, unha esixencia que supón interpretar que os países europeos nunca se van recuperar. O requirimento procede dos mercados financeiros: no canto de reformar o funcionamento de tales mercados, prefírese seguir os seus designios malia nos conduciren ó desastre total.

Para min, que todos van en dirección contraria. Que se os gobernos e institucións tivesen adoptado as medidas xustamente opostas ás que aplicaron, as economías non estarían, como agora están, a piques de estrelarse.

Gravata branca, gravata negra

Seguramente coñezades a historia da gravata, hoxe en día, veredes, de plena actualidade. A gravata naceu no século XVII coa chegada de mercenarios croatas a Francia. Os croatas usaban un anaco de tea branca anoada que chamaban Hrvatska (Croacia na súa lingua). O termo croata derivou en cravate e así quedou bautizada a nova prenda. Durante a Revolución Francesa, a gravata utilizouse en clave simbólica: os revolucionarios levábana negra, os contrarrevolucionarios branca.

A figura do contrarrevolucionario é, para min, unha das máis odiosas entre as existentes no contexto político e social. A Restauración do século XIX revélase o período contrarrevolucionario por excelencia. Trala derrota de Napoleón, os monarcas europeos lanzáronse a recuperar os seus anteriores privilexios e a restaurar o status imperante nos seus reinados. Representou o regreso ó Antigo Réxime, a consideración das monarquías coma designios divinos, a abolición dos avances democráticos e xurídicos, a represión e a inquisición relixiosa.

España foi un dos Estados onde se viviu a Restauración cun maior dramatismo. O regreso do exilio de Fernando VII trala caída de Napoleón supuxo o esvaecemento das expectativas dos liberais españois que gobernaran durante a Guerra de Independencia. O rei Fernando anulou cada punto da Constitución de Cádiz e restableceu o absolutismo. Cando os liberais conseguiron recuperar o poder –o Trienio Liberal–, permitiu a invasión do exército francés (os Cen Mil Fillos de San Luís) para recuperar novamente o trono, nun dos episodios máis ignominiosas (e xa houbo!) da Historia de España.

Os cinco continentes foron escenario de movementos reaccionarios de efectos similares á Restauración: intentos por democratizar as sociedades, por espallar os principios de xustiza e ecuanimidade, por implantar economías baseadas no respecto ó traballo, por gobernar para o común beneficio dos pobos, que se truncaron pola reacción das clases hexemónicas empeñadas en conservar as prebendas derivadas do manexo do poder. En América, tiveron un efecto singular o Golpe de Estado de Pinochet, que supuxo un golpe demoledor para as arelas democráticas en Iberoamérica, e o fraudulento triunfo de George Bush sobre Al Gore nas eleccións USA de 2000 tralas cales o capitalismo máis daniño e corrosivo se fixo coas rédeas do sistema económico mundial.

En España, Francisco Franco eríxese no símbolo máis cru do reaccionario. El e o seu golpe militar acabaron de vez coa liberdade, coa cultura, coa sensibilidade, coa concordia e coa diferenza. Arrasou a Segunda República, democrática, e restaurou, tras corenta anos de tiranía, a monarquía que, nesta ocasión, pasaba a ser parlamentaria (tal como pretenderan os liberais do século XIX).

En Galicia, coma sempre, ofrecemos un estilo propio. En Galicia, non restauramos monarquías senón réximes ancestrais. Levan séculos gobernando as forzas chamadas conservadoras, as que privilexian o capital fronte á terra e ó traballo, o beneficio propio fronte ó sentimento colectivo, os clans fronte á comunidade, o caciquismo fronte á igualdade de oportunidades, a submisión ó goberno central fronte ó desenvolvemento das propias capacidades. Por fin puidemos formar un goberno para a esperanza e soamente nos durou tres anos. Axiña as forzas reaccionarias, con nome e apelidos, dispuxeron os seus recursos –mediáticos, económicos, financeiros– para restaurar o status quo. E así sucedeu que renegados coma Rueda e Feijóo accederon ó poder.

En Novembro pode volver ocorrer. O Partido Popular que, nalgún momento pareceu liberarse dos lazos que o ataban ós capítulos máis sinistros da historia española, recuperou eses riscos nacionalcatólicos e, como aquela Santa Alianza que formaran Prusia, Rusia e Austria baixo a advocación da Santísima Trindade para a reinstauración absolutista, tamén eles invocan os sagrados principios de Deus, a Patria e o Rei para recuperar o poder. Quizais ignoren que, máis tarde ou máis cedo, a liberdade volve imperar. Ó cabo, os reaccionarios nunca trunfan. Polo momento, eu penso levar estas semanas, unha gravata negra. Para que quede claro, curiosamente.

O Rei e o déficit público

Seica hoxe o Rei referendou a reforma da Constitución trala cal o Estado español renuncia á posibilidade de recorrer ó déficit público na súa xestión. Eu conservaba esperanzas no monarca e pensei que, quizais, o home tivese dúbidas e que, tentando clarificalas, terminase por negarse a asinar o novo papeliño. Imaxinei que lle preguntaría a Zapatero, por exemplo:

Oíches, e se resulta que o Estado español leva anos con excedente orzamentario e decide investir os cartos sobrantes en recompoñer as desfeitas arquitectónicas dos pasados decenios e rehabilitar edificios estragados ou abandonados, pero para iso necesita ese ano tirar do déficit público, podería? E Zapatero contestaríalle que non, que inda que o Estado tivese fondos abondos para restaurar a fasquía das nosas castigadas vilas e cidades, non podería facelo porque ese ano superaría o 0,35% de déficit público; e entón preguntaríalle, sigo a imaxinar…

E se o Estado español decidise construír a vía férrea de mercadorías ó longo do Cantábrico, da cal se beneficiarían a partir de entón tódalas empresas do noroeste peninsular e, xa que logo, tamén os seus cidadáns, inda que esa tal obra implicase superar o 0,35% de déficit sobre o PIB, podería facelo? E Zapatero contestaríalle que non, que inda que o Estado puidese financiar obra tan beneficiosa para a prosperidade desas rexións, non podería levala a cabo por non superar o amentado límite de gasto público; e daquela preguntaríalle, insistindo na súa matinación…

E se o Estado español houbese renovar por completo o sistema de depuración de augas malia que tal proxecto implicase superar o 0,35% de déficit público, faríao? Ante o cal Zapatero, novamente, contestaríalle que non, que inda que manter o mal funcionamento do sistema de depuración de augas provocase un gran desastre ecolóxico e un grave risco para a saúde, o Estado non podería abordar esa tal empresa para non superar a magnitude constitucional de gasto público; e entón o Rei, que non terminaba de conformarse, preguntaríalle…

E se unha crise económica propiciase, por poñer unha cifra, cinco millóns de parados en España, o Estado podería pagar o seguro de desemprego a tanto traballador sen ingresos? Pregunta que de novo Zapatero tería que responder negativamente pois, por moita miseria que trouxese a recesión, os parados haberían ter que apañarse como puidesen para o Estado non superar o fatídico teito de gasto. E xa medio desesperado, o monarca preguntaríalle a Zapatero…

E se en caso de unha pandemia, o Estado español houbese gastar en medicamentos, equipamentos e outros moitos mentos os cartos que noutras ocasións meteu no Tamiflú de Ramsfeld, en tales casos os poderían volver gastar? E ben, ante caso tan singular, Zapatero contestaríalle que, quizais, puidesen aquelar unha solución. Máis animado, por fin o Rei chegou á cuestión principal…

Oíches Zapatero, e se o Estado xa gastou o 0,35% que pode gastar de máis, e a min aínda non me fixeron a transferencia esa anual que metedes nos Presupostos cada ano e que chamades Casa Real, daquela que fariades? E trala resposta de Zapatero, o monarca, pensei eu, se negaría rotundamente a asinar a norma. Por republicana, como é natural.


Apostasía constitucional

Renego da miña cidadanía española. Devolvo o pasaporte, recuperareino só para marchar. A calquera sitio ou a tódolos sitios. A Alemaña, xa o diciamos, o centro do Imperio. Con súbditos así, para que quererán mandar! Gustaríame escribir a Biblia dos apóstatas, o Libro Branco dos desencantados, quizais o novo manual dos indignados. Eu renego deste País que troca unha burbulla inmobiliaria por outra constitucional. Merkel e Sarkozy felicitan a Zapatero. Sobre que mesa colocaría este os seus góticos pés? Tantos medos coa soberanía e a autodetermi-nación e sempre dispostos a ceder competencias a outras nacións.  Este morre matando. Berrou, canda min, canda vós, NON Á GUERRA. Agora berro eu: NON Á CONSTITUCIÓN. Aquel cando menos foi fiel á súa ideoloxía fascistoide. Pero este, non era este socialista?

Aquela Constitución costou 40 anos, en realidade 43; esta de agora, 40 minutos. Naquela puideron votar vinte millóns de cidadáns; esta de agora, votárona Merkel e Sarkozy. Aquela foi unha vitoria colectiva; esta de agora, unha derrota individual e unha aldraxe nacional. Aquela foi motivo de celebración e esperanzas; esta de agora de vergonza e humillacións. Aquela abriu a porta a unha reconciliación; esta de agora, pecha un período de decrepitude porque máis baixo non se pode caer: os mercados (ou sexa, principalmente os Bancos) e Merkel e Sarkozy redactan a nosa Constitución. Eu case prefiro que nos goberne directamente… Napoleón.

Berlín 2011

Calquera cidade admitirá, seguramente, moi variadas perspectivas, distintos xeitos de mirala e avaliala. Por simplificarmos, unha cidade pode ser apreciada dende un punto de vista urbanístico ou dende unha óptica representativa, algo así coma o que se ve fronte ó que se sinte. Se tal ocorre en calquera vila, en Berlín a diferencia preséntase de modo hiperbólico.

Berlín non é bonita. Gañaría un concurso de popularidade entre as capitais europeas pero non é unha cidade, digamos, estética. Un visitante neutral que busque monumentalidade ou xenio arquitectónico, sentirase defraudado. Fóra de Uter del Linden e a Illa dos Museos, a capital xermana non loce como adoitan os resto das principais urbes europeas. Tampouco os novos proxectos urbanísticos, dos que salienta a Potsdamer Platz, agasalla ós sentidos; as rúas comerciais,  Kurfürstendamm a máis nomeada, tamén non destaca por brillantez ou gusto; as zonas de bohemia, que as ten como Savigny Platz, nin sequera namoran. Diríase que Berlín continúa en construción, que non termina de recuperarse do duro castigo que lle aplicou a Historia. Incluso quen desexe admirar vestixios imperiais, debería achegarse a Postdam, esta si unha vila marabillosa, antes que quedar en Charlottenburg por máis ca o Palacio de verán de Sofía Carlota resulte de notable esplendor.

Un preguntarase, xa que logo, o porqué deste momento cimeiro que experimenta Berlín. Normalmente, o visitante dunha gran cidade recibe estímulos de presente. No entanto, na capital alemana percibirá unha desconcertante loita entre pasado e futuro. En calquera recanto, un atopará sinais da Segunda Guerra Mundial ó final da cal a cidade quedou pulverizada. Encontrará por onde vaia memoriais do Holocausto e exercicios de contrición. Topará por onde pise pegadas da Guerra Fría e da separación brutal entre o Este e o Oeste que o Muro tanxibilizou. Berlín, máis ca unha cidade, representa a Historia “viva” do Século XX.

Mais tamén é un gran espazo de liberdade e de espontaneidade, de cultura e de tolerancia. Compórtase coma o recluso que, condenado a cadea perpetua, é indultado inesperadamente. Por iso, talvez, goza da civilización que lle foi lurpiada durante corenta e cinco angustiosos anos, e valora as expresións artísticas de calquera disciplina, e atrae os espíritos creativos coma antes o fixera París ou Milán, e proxecta os valores que, como a ecoloxía (que escura está a cidade pola noite!), deberán modelar o noso futuro xa inminente.

Pero Berlín mudará de fasquía, quizais xa a partir de 2012 ano en que se inaugurará o “máis moderno aeroporto de Europa”. Berlín, creo eu, síntese incómoda nese papel de paradigma da transformación. Berlín prefire adoptar o rol ó que aspira como capital do novo imperio xermano. Porque esa é a condición que sempre perseguiu Alemaña, dunha maneira ou doutra. Case mil anos se estendeu o Sacro Imperio Romano Xermano que inaugurara Carlomagno e finiquitara Napoleón. En 1871 volve tentalo, por iniciativa e propósito do canciller Otto von Bismark, a partir da reunificación dos Estados alemáns en torno a Prusia. Mais o proxecto de expansión deste Segundo Imperio trúncase pola derrota na Primeira Guerra Mundial, que se salda cunhas durísimas sancións no Tratado de Versalles contra o considerado causante da contenda: Alemaña. A patética República de Weimar, durante a cal o país apalpa a miseria, e a maior inflación coñecida no mundo occidental, conclúe coa suba ó poder de Adolf Hitler. Como convence este monstruoso personaxe a todo un país? Recuperando a idea de Imperio. Iso mesmo significa “Reich” (o Reichstag é a “sede do imperio”). Hitler non se pode nomear Kaiser así que une as figuras de presidente e  canciller nunha de nova creación: a do Führer, o líder e guía cuxa palabra é lei! O III Reich terminou como terminou. Entre outras consecuencias, Alemaña ficou dividida en catro sectores ou protectorados, que poucos anos despois deron lugar ás dúas Alemañas, a República Democrática e a República Federal. En 1989 caeu o Muro (na imaxe, grafiteado) e hoxe, en 2011, Alemaña volve tentalo pero dun xeito distinto. Hoxe pretende ser o líder dos Estados Unidos de Europa, un obxectivo que conseguirá, máis cedo ou máis tarde. Nese momento, Berlín será a capital do Imperio, novamente. Por iso recoméndovos visitala canto antes, agora se pode ser, tal como fixemos nós hai uns días.

Millán, Bóveda, Lorca

Quixo o azar, que talvez vestía onte de branco e paseaba en papamóbil polas rúas afervoadas de Madrid, que se xuntasen entre o 17 e o 19 deste morno mes de Agosto, as figuras diverxentes, un diría máis ben disonantes, de Millán Astray, Alexandre Bóveda e Federico García Lorca. Resulta curioso, un diría incluso triste, que nunca se teñan unido as memorias destes dous emblemas de honestidade e talento, Bóveda e Lorca, Lorca e Bóveda, asasinados con a penas dous días de diferencia, o 17 Alexandre, o 19 Federico. Millán probablemente xustificaría as súas mortes, xulgaríaas necesarias, falaría de xustiza e patria e cancros da nación e ese tipo de conceptos destinados a anestesiar as concencias dos miserables.

Pois xa saben que o alcalde da Coruña, o Sr. Negreira, quen afirmara sobre Millán que era un coruñés de pro, acaba de restituir o nomeamento de tan funesto militar como fillo predilecto da cidade. Os argumentos, neste caso dirixidos a anestesiar as opinións (o anestesista non era o alcalde anterior?), mellor nin amentalos por irrelevantes. O caso é que este novo alcalde fervía de ganas por recuperar o recoñecemento ó fundador da Lexión, ó instigador do levantamento contra a República elixida democraticamente, ó creador do mito de Franco como Caudillo, ó gran pensador que berraba “Viva la Muerte” e ameazaba coa “muerte a la intelectualidad traidora”. É como para sentírmonos orgullosos deste paisano.

Bóveda e Lorca non ficaban na banda contraria, nin sequera. Eles só estaban, só vivían, só traballaban, só amaban, só creaban, só despregaban humanidade. Cúmpriuse estes días o 75 aniversario do seu asasinato, daquela felonía sen igual, o 17 para Alexandre, o 19 para Federico. Lorca, finado ós 37 anos, escribiu algúns versos en galego. Un deles principia así: “Imos silandeiros orela do vado / pra ver o adoescente afogado. / Imos silandeiros veiriña do ar, / antes que ise río o leve pro mar. / Súa i-alma choraba, ferida e pequena / embaixo os arumes de pinos e d’herbas. / Ágoa despenada baixaba da lúa / cobrindo de lirios a montana núa.”

Da inabarcable grandeza moral de Bóveda, finado ós 33 anos, hai diversos testemuños. Cando é “condenado” no seu xuízo farsa, manifesta, en castelán porque non o deixan expresarse na lingua que sempre falaba, que se o tribunal entendía que polo amor entrañable que sentía cara a Galicia, debía ser aplicada a pena capital, el recibiríaa coma o último sacrificio por ela, a súa Patria. Entre as cartas que deixa para a muller, irmáns e amigos, salienta novamente a súa infinita capacidade de comprensión e amor. Na que dirixe ó seu irmán Vicente, escribe: “Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fágoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República, e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debemos perdoar) condéname.

Pregúntome que pensaría Millán Astray, finado ós 75 anos, destas palabras. Tamén me gustaría saber que pensarán delas algúns políticos de hoxe.