Archivos en la categoría medios comunicación

Tralas eleccións

Unha semana tampouco non dá para moito inda que nese tempo si poden albiscarse os efectos duns resultados electorais. Para min a consecuencia transcendente é que a economía española amosa por fin sinais esperanzadores. Iso cando menos afirmaba o suplemento dominical de El Mundo que caeu, non recordo por que estraño feitizo, nas miñas mans. Para o subitamente magnánimo xornal madrileño –e moi, moi español– a economía que 24 horas antes se asomaba perigosamente ó abismo, descubrira ate dez motivos sólidos e asentados para pensar nunca factible recuperación inmediata. E todo por obra e arte das eleccións, supoño eu, pois doutra maneira non se entendería tan estentóreo cambio de opinión.

Outro efecto: non hai tantas coma cincuenta e unha españas pero si cando menos dúas. Sempre foi así, nobreza e campesiñado, pobo e caciques, turnistas e alternativos, monárquicos e republicanos, dereitas e esquerdas, vítimas e verdugos, xacobinos e progresistas. Tras estas eleccións, emerxen dous novos grupos enfrontados: os indignados e os indignantes, aqueles saciados de tanto abuso, manipulación, capitalismo incontrolado e política de medio pelo, e aqueloutros instalados felizmente na ignominia. Eses dous grupos e ademais os vascos, lanzados cara á independencia. Tras eles virán os cataláns. Os galegos? Non, os galegos seguiremos apoiando os indignantes.

Unha semana dá tamén para troca-la perspectiva sobre os líderes saíntes, e onde antes había un Zapatero ensumido e apaiolado, agora temos un gobernante a quen a Historia fará xustiza; e onde antes se vía un Pepe Blanco iletrado e paspallán, agora enxergamos un político coherente con sentido do Estado. Non se libra o político lugués da ecuanimidade daquel xornal amentado, e cando o resto da prensa informaba sobre a súa retirada da dirección do PSOE, El Mundo subliñaba o feito de conserva-la acta de deputado mantendo así a inmunidade parlamentaria: ricas as variantes que nos achegan os medios.

E a semana aclarou de vez cal será a oposición dominante a Rajoy nun espectro político tan fragmentado. O auténtico líder –ou lideresa– da oposición será Esperanza Aguirre. Nin un día de tregua lle concedeu ó presidente in pectore. Que calculado tiña o movemento a política madrileña, iso é planificación e o demais son trapalladas. E que ben leccionados mantén os seus mariachis, todos eles caladiños, coas mans nos petos, ata a comandanta ordena-la destitución de Granados, o home en Madrid de Rajoy.

Un par de liñas para Feijóo, non merece máis: o presidente do goberno galego (cantas veces esquece o seu posto e función!) declarou que aquel era o día para o cal tanto traballara… Sen comentarios. Días despois, demostrando esa calidade visionaria que o caracteriza, anuncia os buracos que atopará Rajoy… Sen comentarios bis.

Deixamos para o final o noso BNG, ese partido ou grupo de partidos ancorado no post-franquismo, empeñado en mante-los vellos logos e os termos que unicamente eles utilizan, ninguén máis no País, e anicándose e xibarizándose convocatoria tras convocatoria para ledicia dunha bancada cada día máis insignificante. Recordo cando o BNG era a opción da mocidade, cando aspiraba a formar grupo propio no Congreso, cando o obxectivo non baixaba do 20% dos votos. Hoxe, satisfeitos co exiguo 10% inda sabendo que está tan preto da nada. Houbo durante algún tempo un degoiro en Galicia que hoxe, tralas pasadas eleccións, se confirma quimérico, inalcanzable…

Prensa e Poder

Estaba tan impaciente o BNG por saldar contas, que montou Xornal no momento peor. Non calculou que neste País, a Prensa e a Política alternan os seus postos de cando en vez, o primeiro é o segundo e, ás veces, o cuarto é o primeiro (Poder). E detrás o Partido, que é máis ca iso, é toda unha relixión, o opio deste Pobo sempre crédulo. A Prensa do País, que é a do Partido, cumpre a misión perenne de reter o Poder. Para iso, mantén o Pobo anestesiado pero alerta para activarse na precisa ocasión. É o peor da Política, deberlle tanto á Prensa, neste País como noutros tamén.

Nos casinos adoita gañar a banca. En Galicia, que non dá máis que para un bingo, sempre gaña a Prensa do Partido no Poder, que fai Política de País para vencer e convencer o crédulo Pobo. O BNG confundiu Poder con goberno e así se afundiu como Partido e esgotou as súas opcións de acadar o Poder real. Seica se confundiu tamén de País e de Pobo. E se non o credes, velaí os datos do CIS.

Entre 1997 e 2009, o sentimento galeguista (ou de nacionalismo galego) pasou do 33 ó 15%. Entre 2005 e 2009 (catro anos nada máis), os galegos en degoiro dunha autonomía maior, pasaron do 26 ó 16%. Os soberanistas representan, segundo o CIS, o 2% da poboación. Números que tamén saen nas enquisas electorais. Nas vindeiras eleccións, Galicia pode ficar sen representación parlamentaria de seu en Madrid. E iso malia ser, o BNG, o único voto útil real no País. Alguén o está a facer rematadamente mal.

Co peche de Xornal, un sinte que chegou o final. Tivemos Vieiros, o soportal, Galicia Hoxe, Xornal en papel e dixital e A Nosa Terra, o semanal. Xuntos darían para unha oferta de comunicación progresista e galeguista poderosa, de alta visibilidade e futuro garantido, fonte onde beber visións, análises, perspectivas gratificantes, de País. Tiñamos proxecto, rotativa, xornalistas e distribución. Que fallou?

O imposible de desatar

O día no que desaparece Galicia Hoxe, o único diario en galego, eu recomendo un libro. De literatura galega, naturalmente. É o que se me ocorre. Non sinto gaña ningunha de expoñer o que penso. De feito, coido que non penso nada. Que só teño desexos de ler literatura galega. De esquecer calquera outra lingua e pasar vintecatro horas lendo textos no meu idioma. Ata caer durmido; ou esgotado, un pouco máis. Non serán noticias pero un está algo farto de actualidade. Nunha palabra, “imposible de desatar”: nócego. Iván García Campos regálanos ese vocábulo esquecido. Por aí empezaremos, por recuperarmos o noso léxico: nócego, xalundes, maniotas, lucecú… E haberá quen o considere un triunfo, quen durmirá hoxe aínda máis satisfeito… Malditos! Diga vostede que se os amantes da lingua mercasen e lesen Galicia Hoxe no canto de calquera dos outros, tamén dese, o único xornal en galego non pecharía. E iso outrosí é verdade…

Dividida en tres capítulos… Refírome a “O imposible de desatar”, a novela de Iván García Campos. Ademais dos tres capítulos, un epílogo de colofón. Na primeira das partes, desenvólvese a modo de diario a vida cotiá dunha familia composta por pai, nai, fillo e filla. É o capítulo máis longo e tamén o que acolle as páxinas de maior brillantez. Nelas, Iván García narra os acontecementos nimios que transcorren nesa casa entre un luns e un venres. Faino cun estilo propio e arriscado que se adapta maxistralmente ó ritmo do relato e contribúe a crear a atmosfera tensa e suspicaz que o autor se propón. O lector le os episodios de cada día sentindo que algo está a piques de ocorrer, que o conflito agochado e reprimido polos catro personaxes vai xurdir abruptamente en calquera intre. Un capítulo espléndido que xustifica de seu o Premio Blanco Amor concedido á novela.

A segunda parte… seguimos falando da mesma obra, pertencente ó sistema literario galego… supón unha brusca ruptura co relato da sección anterior, quizais demasiado brusca. Por momentos, podemos pensar ter saído da historia principal para entrarmos en episodios paralelos que nalgún momento se xuntarán. Se fosen relatos independentes, cada un resultaría meritorio. Porén, tales historias ilustran as vidas dos membros da familia unha vez fóra do lar, nas cadansúas contornas laborais. É aí onde sofre a novela pois aqueles seres humanos que coñecimos en toda a súa nudez, tórnanse subitamente meras caricaturas ó servizo do efectismo. Nada hai que faga recoñecer os personaxes comúns ós dous capítulos. Certo que os escenarios son distintos mais os comportamentos extremos destas historias persoais chocan excesivamente cos caracteres rutineiros, anódinos e resignados exhibimos no espazo familiar.

A terceira parte da novela regresa ó diario. Custa un chisco retomar o curso dos acontecementos, os cales terminan por desvelar os misterios apuntados e que en realidade son traxedias, talvez demasiadas como para non poñer en dúbida a imprescindible credibilidade do relato. Hai sombras, en efecto, como en case calquera obra con independencia do sistema literario do que falemos. Mais non queda dúbida do interese da proposta de García Campos e, especialmente, do talento deste autor que, cando se libere da aparente necesidade de lucimento que exhala a súa creación, protagonizará entregas de alto nivel…

Supoño que Galicia Hoxe se faría eco da concesión do Premio Blanco Amor a “O imposible de desatar”… Estou seguro. A nosa cultura era un dos terreos que máis frecuentaba o xornal. Terminando por miudezas, a novela está inzada de frases e escenas orixinais, algunhas das cales sería doado atopar nunha antoloxía de ocorrencias populares. Coido que o autor debería evitar ese tipo de tentacións para non perder autenticidade. Non precisa tal recurso fácil, en absoluto. Tamén habería coidar o uso do complemento directo para esquivar erros como, por exemplo, en “espertou á filla” ou “ollou ao televisor”. Cousiñas sen maior transcendencia. Nócego, xalundes, maniotas, lucecú…

Galicia Hoxe editaba un magnífico suplemento de cultura, Revista das Letras. En setembro do pasado ano, publicou este o meu relato, O mendigo instruido. Velaí queda para quen desexe seguir lendo literatura en galego…

Twitter news

Post-información non significa o mesmo ca información do post. Tampouco son a mesma cousa, Lois Pereiro mediante, a poesía post-moderna e a modernidade post-poética. O post apunta, dispara, penetra e deixa, como moito, buraco de saída. A reportaxe afonda, remexe neuronas e, incluso, agranda conciencias. Un tweet son cento corenta caracteres. As sesenta páxinas de Indignádevos incluso poderían formar o carácter. Ante a crise dos xornais e as quebras das canles televisivas, Facebook valórase en 100.000 millóns de euros, tanto coma o sistema financeiro español enteiro, aproximadamente. Disque os post-modernos, isto é, os mozos da post-información, abandonarán os xornais ó seu triste destino. Informaranse en círculo, serán coma as cariocas fritidas, os uns chantando o rabo dos outros nunha espiral sen fin, a espiral da comunicación express. Eu fixen unha proba e, diaño!, non saiu tan mal. Collín os tweets recibidos nas últimas oito horas e este foi o resultado. Cada quen verao dun modo, obviamente, en dependendo do seu carácter…

Rajoy templa con Bildu para no dar miedo. America’s politicians cannot control the price of petrol, but they still try. Investigan el atropello mortal del número3 de la lista del PP en una localidad de Cáceres. Cospedal todo lo hace por duplicado: 2 sueldos, 2 cargos, llevar 2 veces a Aznar a La Mancha en campaña… Liberados dos marineros gallegos: los piratas dicen haber cobrado 3,5 millones de euros por el rescate. UPN lograría 19-20 escaños por 10-11 del PSN y entran PP y Bildu con 4-5 escaños cada uno. A elección de Lois #Pereiro marcou un imprevisto (?) punto de inflexión no Día das Letras. Bye Bye Comet!! (Cometa estrellándose contra el Sol). A estratexia dos loisistas foi moi intelixente e traballada, pero tamén hai unha modernidade de contidos difícil de igualar. “En mi soledad / he visto cosas muy claras, / que no son verdad.” (Antonio Machado). American policy does tend to follow majority public opinion. But does the public want the right things? Los diez objetos más humillantes que han encontrado en la casa de Bin Laden. Acabo de ver un vibrafonista no andén do Subway, pero un contrabaixista tocando “Guantamera” no vagón xa me supera. Un grupo de ciudadanos toma una oficina de Banco Santander en Murcia. Alcalde japonés tomado por loco, es ahora aclamado como heroe. El crecimiento de América Latina depende de lo que pase en China. Terminamos a primeira semana de rodaxe de SINBAD en Corrubedo. A película vaise encarnando. E tennos noutros mundos. Sempre posibles. Os museos do Mar, Lugo, Narla e Tor terán hoxe visitas nocturnas. Lucía Pérez, representante de España en Eurovisión: “O español é importante pero o galego, o catalán e o vasco tamén.”

Hexemonía da lingua nos concellos

Estes días atrás, Xornal de Galicia, non sei ben con que intención, abriu un debate a partir duns artigos solicitados a Pilar García Negro e a Anxo Quintana. Confeso que me sorprendeu tanto a polémica coma o contido das colaboracións. Non comprendo nin os motivos que a orixinaron nin os argumentos que algún esgrimiu. Mal andamos cando nin sequera podemos coincidir nos obxectivos básicos namentres o devalo da lingua propia continúa a súa carreira que semella imparable. Dous son os planos de análise: a sociedade civil, ou sexa, a cidadanía, por unha banda, e a política lingüística pola outra, ámbolos dous interdependentes entre si. O obxectivo debe ser común e intocable: a hexemonía da lingua galega en Galicia. O monolingüismo é imposible, cando menos nun horizonte temporal que poidamos acadar os vivos nos albores do século XXI. Mesmo antes da hexemonía, habemos alcanzar o bilingüismo porque hoxe por hoxe, a lingua galega está en franca inferioridade respecto do castelán. Galicia, afirmeino centos de veces, non é bilingüe senón diglósica.

Cando a política lingüística do goberno foxe dos seus obxectivos para perseguir xustamente os contrarios, cando utiliza a lingua como factor de loita electoral e mercadoría na partida política madrileña, a sociedade galega reacciona. Lamentablemente, a reacción civil non é abonda. Precísase a contribución pública, o apoio contundente das autoridades que son as que definen os marcos e as regras. Con frecuencia esquecemos os Concellos, o máis baixo chanzo administrativo, o máis próximo ó cidadán. “A galega, lingua hexemónica nos Concellos”, abramos ese programa agora que están aí as municipais. Rianxo ou Burela téñeno fácil: declarar o concello territorio “onde non se agocha a lingua galega” e postular pola súa presenza en tódolos ámbitos da vida municipal e cidadá, na escola, nas familias, nos bares, nas oficinas, nos comercios; falado, escrito ou telegrafado. Concellos 100% en galego. E despois virán outros porque o que precisamos son exemplos a seguir. Fixádevos que soa case a revolución e non resulta máis do que levan facendo tantos e tantos municipios cataláns dende hai décadas. O catalán, ese si é un idioma hexemónico no seu País… e non lles vai tan mal.

Outra vaca no millo

Os artigos de opinión dos xornais transcorren entre dúas liñas non sempre paralelas: a que marca a temperatura ambiental do País e a que sinala a ideoloxía predominante no periódico. Hai xornais máis ou menos coherentes igual que hai articulistas máis ou menos consecuentes. Dous días atrás presentabamos un libro no cal estas dúas variables, a coherencia do medio / a liña consecuente do colaborador, acadaron niveis máximos.

O libro leva por título “Outra vaca no millo” e correspóndese coa sección que Xosé Luís Sucasas cubriu no hibernado Vieiros durante setenta e cinco entregas. Canda Sucasas asóciase de socato a idea de retranca como humor para tempos tristes, retranca como substancia de supervivencia no medio do desalento, retranca que manca e asemade fai gozar. É a pluma (a tecla, máis ben) de Xosé Luís un arma recomendable para masoquistas, para lectores que saiban gozar co sufrimento e que poden sufrir cun aparente divertimento.

Redactamos para a contracapa de “Outra vaca no millo” o seguinte texto onde se resumen os riscos esenciais destes artigos que teñen moito de relato curto e aínda máis de crónica social da nosa Galicia contemporánea:

“José Luis Sucasas pertence á raza falsa e imprevisible dos economistas que escriben. Adoita elaborar os seus textos en clave, de modo que, para entendelos, é preciso superar un seminario previo de adestramento. O curso consta de tres leccións. Lección primeira, sobre o concepto de retranca: estudarase o estilo revirado e perverso aplicado normalmente nos artigos de José Luís. Lección segunda, sobre usos e costumes: importante para percibir a persoal visión do autor sobre este sitio distinto no cal acostuma localizar as súas colaboracións. E lección terceira, filosofía básica: existe o risco de le-los artigos de Sucasas coma meras descricións ou opinións arredor dun feito insignificante. Sería un erro maiúsculo; tales artigos supoñen un auténtico tratado de filosofía que axudará ó lector a sobrevivir neste curruncho atlántico (e cantábrico). Unha vez superado o seminario de adestramento, estarán preparados para gozar deste abraiante e irrepetible conxunto de artigos.”

Na presentación, ademais do autor e un servidor, participaron Moncho Vilar e Rafa Cuíña. Curiosamente, os tres coincidimos en subliñar o artigo “O inventor da apañadora de votos” como mellor demostración da xenialidade sucasiana. Tamén coincidimos en recomendar “Outra vaca no millo” como mellor xeito de descifrar a peculiar personalidade deste pobo singular.

Por que LVG se anuncia en castelán na TVG?

É unha pregunta que chimpa á cabeza, non si? Que razóns pode haber para que un medio de comunicación galego rexeite o uso da lingua galega na Televisión pública galega? Son realidades que custa entender… ou non. Eu cismei un anaco e saíronme un lote de posibles respostas. Velaquí:

  • Porque o xefe de publicidade é de Valladolid
  • Por se un día, facendo zapping, Feijoo ve un anuncio deses
  • Porque ABC e La Razón tamén o farían así
  • Por elementais razóns de mercado
  • Porque como idioma lírico que é, o galego debe reservarse para a poesía
  • Porque ó inimigo, nin auga
  • Porque pensan que a TVG debería emitir en castelán, como as demais
  • Por chulería madrileña
  • Porque aínda non se descubriu o tradutor automático de anuncios
  • Para facer méritos na asignación das subvencións ós medios 

Son dez posibles motivos. Mesmo podería haber algún máis…

Sen resposta de Madrid

O pasado 8 de Xuño, mandei ó Servizo de Atención ó Cliente de El Corte Inglés unha carta co título “Especialistas en comunicación” que dicía o seguinte:

Prezados señores: onte pasei polo seu hipermercado da Casa da Auga na Coruña e durante a compra no seu establecemento, mantiven tres breves conversas: co encargado de Atención de Clientes no mostrador da entrada, cun home con fasquía de responsable de algo nun corredor, e máis coa caixeira. Nas tres ocasións, expreseime claramente no meu idioma, oficial na miña cidade, e nas tres ocasións recibín resposta en castelán. Fun mercar uns iogures da Casa Grande de Xanceda que estaban marcados cunha bandeiriña onde se imprimira a curiosa expresión “Producto regional”. E non lles digo que, xa que é “rexional”, poderían utilizar na sinalética a lingua galega, non. Simplemente quería preguntarlles de que rexión proceden os iogures: se do Courel ou da Terrachá, se da Costa da Morte ou do Baixo Miño. E que se de tal xeito tratan de identificar a súa orixe galega, pois ben poderían dicir “Producto galego”, que por certo, pouquísimos ofrecen vostedes no seu hipermercado. Mesmo poderían utilizar “Producto autóctono” ou incluso “Producto local”. Mais o de “regional”, créanme, ademais de ser impreciso, transmite unha impresión que seguramente non queiran trasladar. A cousa vén de atrás. Resulta que no último mes, houben acudir en dúas ocasións á súa tenda de deportes localizada no mesmo edificio có hipermercado do parágrafo anterior. Da media ducia de empregados que me atenderon, só un utilizou comigo a lingua galega. E hoxe conecto o ordenador e que atopo? Pois unha mensaxe anunciando a Semana Fantástica de El Corte Inglés. Xa lles digo que por min, máis ca “fantástica” pode ser “chiripitifláutica”, que non lle vou prestar atención ningunha ata que non se dirixan a min na miña lingua. E sendo vostedes “especialistas en mi”, deberían saber que esa é a lingua galega. Moi agradecido pola súa atención. Por certo, pensei en mandarlles tamén unha segunda versión en castelán pero seguro que atopan algún galego traballando nas súas oficinas para lles resolver as posibles dúbidas. Un saúdo,

Despois, o 10 de Agosto, houben enviar a seguinte nota ó diario El Economista por motivo do tratamento inadecuado e ofensivo do topónimo galego Sanxenxo. Velaquí o texto:

Estimados Srs: disculpen en primer lugar si no son ustedes los destinatarios naturales de este mensaje, en cuyo caso les ruego que lo reenvíen a quien corresponda dentro de su compañía. Me dirijo a Vds. con motivo de un reportaje sobre lugares de veraneo que publicaron ayer en su diario, concretamente en la página 28. En ese artículo, se incluye la mención a “Sangenjo” añadiendo en algún momento la innecesaria frase “Sangenjo que no Sanxenxo”. No voy a entrar en consideraciones sobre el tono, intencionalidad y oportunidad del tratamiento dado al topónimo gallego en su periódico, pero sí sobre la cuestionable profesionalidad que implica. Me explico brevemente: Saben Vds. que los topónimos se han generado a partir de factores como rasgos paisajísticos, accidentes naturales, circunstancias locales u homenajes a personajes históricos, por ejemplo. Su origen data de muchos siglos atrás y, por lo tanto, debe localizarse en un contexto lingüístico determinado. Cuando la mayoría de municipios, parroquias, aldeas, lugares… de Galicia adquirieron su nombre identificativo, el único idioma existente en Galicia era el gallego, quizás con alguna incursión residual de otras lenguas como el latín. Por tal motivo, la gran mayoría de topónimos gallegos parten del idioma autóctono aunque alguno presente una procedencia distinta como la germánica (sueva) o árabe e, incluso, en casos muy raros, franca o castellana. Por otro lado, deben saber que la Lei 3/1983, promulgada al amparo del Estatuto de Autonomía de Galicia, en su artículo 10, establece: “…Corresponde a la Xunta de Galicia la determinación de los nombres oficiales de los municipios, territorios, núcleos de población, vías de comunicación interurbanas y de los topónimos de Galicia… Estas denominaciones son las legales a todos los efectos.” Esa ley estableció las bases de la toponimia gallega las cuales se habrían desarrollar en posteriores reglamentaciones. En conclusión, el único nombre válido del municipio que Vds.incluyen en su reportaje es Sanxenxo. Utilizar el topónimo vigente en pretéritas legislaturas no parece lo más aconsejable en un medio de comunicación serio; regodearse en la irregularidad supone caer en el desprecio a un cuerpo jurídico y a una cultura. Para su información, el topónimo del municipio busca la identificación de la villa con San Xenxo, circunstancia que llevaría a asociar un pueblo castellano a la figura de San Ginés. Por lo tanto, forzar el uso de “Sangenjo” resulta absurdo, tanto como llamar “Bueymuerto” a Boimorto, “Estuario” a Esteiro o “La Carretera” a A Estrada. Sin más, reciban un cordial saludo,

Pois ben, despois de tres meses de espera no primeiro caso e un mes no segundo, non recibín nin unha liña de resposta, non xa desculpa, nin por parte do Servizo de Atención ó Cliente de El Corte Inglés nin pola banda dos directivos de El Economista. Entendo que o respecto á lingua galega non entra nas súas pautas de xestión nin nos seus principios de comunicación. Hoxe leo o artigo de Xavier Alcalá Tecnoloxías con marisco e todo termina de explicarse.

Lingüibreves

Se aínda lle botas un ollo de cando en vez a esta bitácora, talvez recordes esta anotación, Galego na notaría. Daba conta dun trámite administrativo que se estaba a complicar polo noso empeño de artellalo nun idioma distinto ó habitual. Hoxe volvéronme chamar para concertar a data da sinatura. Publicara aqueloutra anotación o 3 de xullo pasado o cal significa que a xestión demorouse dous meses por mor da lingua. Alguén podería pensar que demandáramo-lo uso do mandarín, do islandés ou do tamazigue mais non. A demora debíase a ter solicitado a escritura en galego, dentro de Galicia e con tódolos interviñentes nados nesta mesma terra. Hai dous meses, a empregada da notaría principiara a conversa en galego e mudara ó castelán polo medio. Hoxe, ben máis simpática e fandangueira, iniciouna en castelán pasar pasar ó galego na metade. A min gustoume máis así.

Como me toca menos de preto, o baleiro resulta máis pequeno. Tamén a repetición, o feito de non se-lo primeiro, resta gravidade ó asunto. Axiña me decato de tal reflexión ir por mal camiño. Trátase do mesmo baleiro, inmenso daquela, hoxe aínda meirande. O 25 de Xullo apagábase Vieiros. Onte canceláronse as rotativas de A Nosa Terra. Queda en versión dixital e diaria, desexamos que por moito tempo.  Podemos consolarnos pensando que segue unha tendencia natural, certa seguramente, pero noutros idiomas aínda non se deu manifestado.

Quenda de fisioterapia. Esta muller usa o castelán. Demostra profesionalidade, boa preparación e atención eficaz e correcta. Na clínica anterior, as linguas alternábanse en función do facultativo. A min tocoume un que manexaba con soltura o idioma propio. Traballaba arreo, pero precipitado, repetitivo e sen concentración. Fica demostrado: a lingua de comunicación nada ten que ver coa habilidade na aplicación dun tratamento fisioterapéutico.

Estou a ler A Estrada, The Road no orixinal, do escritor ianqui Cormac McCarthy. Marabíllame que se poida facer unha película con ese material. Unha cousa é segura: en escenarios non houberon empeñar moito presuposto. Tamén me congratula observa-lo empeño de Kalandraka a través do seu selo Factoría K do cal xa lera Cuspirei sobre as vosas tumbas e Lolita. As editoriais galegas dedicadas á tradución dirixen boa parte das miñas lecturas. A maioría do publicado por Rinoceronte lino sen referencias anteriores das obras ou dos seus autores. Reclameilles as dúas últimas e hoxe atópoas no medio duns paquetes.  Glup! Bulín para emenda-lo torto. Espero que o entendan, un despiste teno calquera.

Contradicións “made in USA”

Está a miña muller a ler o libro de Guillermo Fesser “A cien millas de Manhattan”. Disque resulta interesante a mirada crítica, ou máis ben escéptica, que transmite o autor sobre esa “melting pot” onde nada se mestura en realidade. Tirados esta fin de semana nunha paradisíaca praia da península de Aldán, deulle por lerme uns parágrafos ilustrativos da súa opinión. Reprodúzovolos parcialmente a seguir:

…En California, conducir al tiempo que se mira la televisión pasa a engrosar la lista de delitos graves. La medida ha sido promovida por las cadenas televisivas que no quieren arriesgarse a demandas de responsabilidad civil por accidentes de tráfico. El hecho absurdo de que un conductor intente conseguir una indemnización millonaria de los productores del programa que aparecía en su pantalla en el momento de la colisión por haberle entretenido e impedirle maniobrar con destreza entra en Estados Unidos en el campo de lo previsible. En la ciudad de Nueva York, una pareja que practicaba sexo en un túnel del metro no pudo apartarse a tiempo al paso de un convoy. Uno de ellos sufrió la amputación de un dedo. Recibió una indemnización millonaria porque un juez consideró que la compañía de transporte no advertía de los peligros que pueden entrañar las relaciones sexuales encima de las vías. Un joven quedó paralítico tras sufrir un accidente mientras conducía su bicicleta por una autopista de noche, sin luces y en dirección contraria. Los fabricantes debieron de pagarle una gran suma porque en la caja de la bici no figuraba que no se pudiese pedalear sin faro… Sentencias que han convertido en tomos enciclopédicos los manuales de instrucciones de una goma de borrar. Todo se reglamenta, todo se especifica por si las moscas… Las reclamaciones se multiplican porque algunos abogados de este país hace tiempo que perdieron los escrúpulos… Cada vez que llega un herido a un hospital se lanzan a por él ¿Qué le ha ocurrido? ¿Sabe que puede obtener dinero de su desgracia?”

De volta na casa, informámonos sobre o escándalo das últimas filtracións verquidas en Wikileaks. O caso é tan singular que procuramos afondar un chisco nel. E descubrimos que este sitio web dedicado á publicación de informacións anónimas sensibles ó poder relixioso, político ou empresarial, que naceu en 2007 e cuxo servidor está domiciliado en Suecia, leva acumulados máis de 1,2 millóns de documentos orixinalmente secretos. E un pensa que o moito que se publica a diario non é máis cá puntiña do iceberg e que os factores que compoñen a realidade auténtica non son coñecidos. Mais non era iso o que quería tratar senón istoutro: O día 5 de abril de 2010, WikiLeaks publicou un vídeo no cal se ve como soldados estadounidenses asesinan o reporteiro de Reuters Namir Noor-Eldeen, o seu axudante e a nove persoas máis, a algúns cando viñan polos mortos e feridos. Vese con nitidez que ninguén fai aceno ou ameaza ningunha cara ó helicóptero Apache dende o cal saen os disparon, nin sequera miran para el. Meses despois e como é sabido, WikiLeaks fixo públicos uns 92.000 documentos sobre a chamada guerra de Afganistán que están a revelar decenas de asesinatos impunes cometidos por soldados dos Estados Unidos.

Con independencia dos intereses e intencións que se agochen tralas filtracións, resulta grotesca a comparación entre os casos expostos por Fesser e as aberracións do exércitos norteamericano. Os primeiros foron obxecto de denuncia, xuízo e condena; os segundos serán sometidos á política da intoxicación e o esquecemento.