Archivos en la categoría Novela A trenza

A trenza en Ferrol

As Escolas de Idiomas non se adoitan incluír entre os axentes difusores de literatura. E sen embargo, nelas xúntanse linguas e lectores, os dous elementos básicos. Con frecuencia, ademais, estes centros de ensino e cultura, organizan actos de divulgación como o que ven de convocar a Escola de Idiomas de Ferrol para a semana do 9 de marzo. Entre os actos variados que se van celebrar, teremos un debate en torno a A trenza. Será o xoves 12 de marzo, ás 6 da tarde. Na súa convocatoria, tivo moito que ver o interese amosado dende a Librería Central ferrolá, co cal engadimos o terceiro eixo do feito literario: o libreiro.

Velaquí a información completa sobre o acto.

Diario Cultural da Radio Galega

Á literatura galega gústanlle os currunchos. Abéirase en calquera recanto, calquera furado lle vale de expositor. Un diría que ten vocación de anonimato. Así o deben entender os libreiros (algúns), e os xornais (a maioría), e as propias bibliotecas, etc. Neste etcétera poderiamos incluí-las emisoras de radio, inda que con excepcións (sempre benvidas).
A Radio Galega ten un programa que sae ás ondas de luns a venres entre as tres e as catro da tarde. Un programa para acompaña-la sobremesa, ou ó regreso ó traballo, ou incluso a soneca que botamos no sofá do salón. E nese programa, senlleiro por estraño, emiten anacos de novelas, ou de relatos, ou de poemas, breves parágrafos lidos polos narradores e polos poetas. Entre o 1 e o 5 de decembro, soarán fragmentos d’A trenza no dial da Radio Galega. Recorremos ás ondas hertzianas para saírmos dos currunchos, para nos facermos escoitar, naturalmente.
Tres hurras pola Radio Galega!
(Velaquí a ligazón ó blogue do programa. Porque Internet, xa o sabemos, tamén é unha alternativa. http://blogs.crtvg.es/mu/diariocultural/narrativa/)

Na capital da República

Da República das Letras, tal como cualificou Xoán Antón o espazo ocupado pola literatura dentro dunha colectividade. Xoán Antón chegaba de Barcelona, voando raso entrou na magnífica Libraría Couceiro de Santiago e compartiu con nós a súa visión –sempre analítica, perspicaz e culta– sobre A trenza. Xoán Antón Pérez Lema, eixo fundamental da conexión actual entre Goberno e sociedade, volve amosar a súa capacidade de entrega e amizade nunha intervención na que falou da galeguidade nun contexto de universalidade.
Quince minutos antes, Lois Rodríguez, fundador e editor de Vieiros, ofreceunos unha perspectiva persoal e, xa que logo, emotiva, sobre a novela. Coido que, moito mellor que resumir o contido das ben pensadas palabras de Lois, cómpre trasladar aquí os seus parágrafos centrais:
“En todas partes definiuse (A trenza) como unha novela social e éo, claramente: homes que se aproveitan das mulleres, que as enganan e explotan, que as ameazan, nenos separados dos pais, cregos e monxas, a lingua, os barrios, A Coruña, o país, os cárceres, lúmpen, ladróns, prostitución… Pero eu vina chea de achegas intimistas que nos van mergullando nas psicoloxías dos personaxes por medio da propia narración ou, repito no meu caso, na interacción entre o que o autor escribe e eu intúo.
A obra, ao igual que indica o acertado título, vainos levando de nó a nó da trenza. Imos de cruce en cruce, de casualidade en casualidade, e ás veces de fatalidade en fatalidade.
Hai amor, está a sorpresa terrorífica de non recoñecer a persoa que é a túa parella, descubrimos a perplexidade fronte ás reaccións non habituais dun mesmo, percíbese a teimosía enferma de crer que un acto nimio pode condicionar toda unha vida, asusta a fráxil parede entre a seguridade e a desestabilización psicolóxica do personaxe, mellor, de varios personaxes (quen non colleu medo de verse nesa situación?). Tamén está a superación, a afouteza, a seguridade recuperada, a constancia de que ninguén coñece máis a unha persoa que el ou ela mesma. E hai un final de tranquilidade morniña que dá o equilibrio.
En fin, é unha obra complexa, rica, con miserias e valentías que engancha e te vai levando de cadro en cadro en moitos intres coa respiración contida, agardando o seguinte lance. Ás veces, a mente vai máis rápido que as letras, e vas imaxinando os desenvolvementos, que logo non son e sorprenden e hai que reencaixar, hai que volver trenzar e a trenza que é cada vez máis longa, cada vez máis real, vai desacougando e facendo que teñas que lembrar para saber se o que imaxinaches tamén se trenzou ou forma parte da paranoia do personaxe. Así a lin eu.”
Así a leu Lois, o “pai da Internet galega”.

Implicados dende Vigo

Son estes uns tempos para recuperarmos o protagonismo das humanidades, das artes, da literatura, das actividades dalgunha maneira opostas á vaga de materialismo e monetarismo que trouxo consigo a política ultraliberal ianqui e o seu contaxio ó resto de economías do planeta. O peso da economía na nosa sociedade é, sen dúbida, excesivo. Magnitudes económicas, variables financeiras, índices dos mercados… son conceptos sobrevalorados nunha sociedade que debe recuperar, como táctica de supervivencia, os valores de comunicación interpersoal, de creazón intelectual, de imaxinación, de concordia e de complicidade dentro dunha especie, a humana, que debe aspirar a algo máis que a ratios de crecemento ou rankings de beneficios.
Dende Vigo emitimos unha recomendación: CONTRA A CRISE, LITERATURA, e se non é demasiado pedirmos, literatura galega. Emitimos esa consigna en parella, María Reimóndez, presidenta de Implicadas no Desenvolvemento, e eu mesmo.
En Vigo fundimos Solidariedade e Literatura. Solidariedade que vén significando implicación. Implicadas no Desenvolvemento é unha ONG que dende Galicia chega a Etiopía ou a India e alí, con técnicas occidentais, consegue o que parece un milagre: devolver a esperanza de vida a integrantes daquela especie, a humana, que noutras partes do planeta anda tentando recuperar ratios de crecemento e rankings de beneficios. A súa presidenta, muller única e autora, ademais, de obras como O Club da Calceta, estivo con nós en Vigo. A través da súa mirada aprendemos que o concepto de SOLIDARIEDADE pouco ten que ver con esporádicas axudas económicas ou con dádivas televisivas. Solidariedade, que procede do latín “in-solidum”, significa a unión das causas de dúas ou máis persoas, implica comprometerse ata compartir os propios destinos.
A trenza comparte a súa causa con Implicadas no Desenvolvemento e amósase completamente orgullosa dese nó, dese cruzamento de destinos.

CO ALCALÁ EN VIVEIRO

Viveiro, a Feira do Libro entre as actividades das Festas de San Roque. As casetas ateigadas de lectores, viveirenses ou turistas, ávidos de historias para encher o seu tempo de lecer. Na carpa habilitada ó efecto, Carlos Nuevo oficia coma mestre da cerimonia. Tódalas cadeiras ocupadas e xente, ao fondo, de pé. Xavier Alcalá imparte un obradoiro express de literatura, transmite os códigos, recorda as claves de estrutura, sintaxe e gramática. E falamos d’A trenza en Viveiro, a terra de Lois Tobío e Vilar Ponte, pais da Patria, e tamén a terra de meu pai. E en Viveiro postulamos a defensa dunha lingua, trenza principal da nosa historia, a través da publicación de obras literarias. Onte e hoxe.

Encontro na Feira

Unha Feira do Libro é, ante todo, unha feira. Unha feira, si, esa sorte de tradición medieval que implica levarmos o comercio á rúa, os feirantes expoñeren as súas mercadorías á vista dos viandantes, dos que rúan. Unha feira do libro, xa que logo, non é máis ca unha exposición pública de palabras para a súa venda, de palabras amoutadas, fiadas, grampadas e encadernadas.
Entre o 1 e o 10 de Agosto, a palabra encadernada (laica e encadernada) toma a rúa na Coruña. O día 1 de Agosto inaugúrase a Feira do Libro da Coruña nos Xardíns de Méndez Núñez. Unha Feira para o tópico, para tornarse punto de encontro entre os libreiros, os escritores e os lectores: a escrita, a lectura e, no medio, os intermediarios, claro!, os libreiros na rúa, os comerciantes da palabra (laica) na Feira.
Na Feira do Libro da Coruña xuntaranse 52 expositores (así os cualifican oficialmente), 14 editoriais e “máis de sesenta autores”, entre eles, este que escribe; a Feira do Libro da Coruña, ben se ve, é cousa seria, non porque asista este que escribe, senón porque xuntar 14 editoriais e 52 expositores de libros non está ao alcance de calquera…
O martes 5, de 7 a 8 do serán, tócame a quenda. Non sei o número da caseta pero entre 52 malo será que non nos atopemos. Falamos de algo serio, si, pero tampouco non convén esaxerar, que isto é pouco máis ca unha aldeíña evoluída. Así que, se vos presta, achegádevos á Feira. Chámano “firma (ou sinatura) de exemplares”. Eu volvo ao tópico; chamareino “encontro”.
Se queredes falar un anaco sobre A trenza, ou sobre libros, ou sobre feiras e feirantes, ou sobre Fenosas e Fadesas, ou mesmo sobre o poemario que Reixa presenta á mesma hora, aló me atoparedes. Nunha caseta calquera da Feira do Libro da Coruña. O martes, 5 de Agosto, ás 7 do serán.

As palabras de Yolanda

Yolanda falou e detívose o mundo. Cando menos, parou ese cativo universo de 90 persoas que nos xuntamos na presentación d’A trenza na Coruña e que quedamos suspendidos das palabras e da voz da Castaño. Palabras coma estas:
“…(A trenza) suxírenos un velado e ambiguo xogo entre realidade e fición. Marcelino anda ás xoguetas a respecto dos factores ficionados e os potencialmente baseados en feitos reais. Cánto de novelado hai nesta abraiante historia? Ese misterio sen dúbida alimenta a tensión da trama… Ao fin e ao cabo, o noso mundo máis próximo está acugulante de historias diminutas e enormes das que todos poderiamos aprender e tirar conclusións ou sinxelamente sobrecollernos…”
“…Este é un libro cun potente fondo social. Un testemuño no que o responsable aproveita para ir depositanto retazos do seu –adiviño- propio pensamento nos recantos e nas marxes das páxinas, nos fíos da encadernación, no satinado do lombo.”
“…calquera imaxe é ben aproveitada para avasallarnos co gusto dunha comparativa enxeñosa, unha metáfora suxerente, unha figura con alta carga poética. El (o autor) vai sementando pequenas doses de poesía coma en pingas de rocío que salfiren o texto, intres para a áxil filigrana…”
“…a clave está en se os acontecementos aparentemente azarosos da vida son destino fortuíto ou son sinais. ¿Ámase a quen se coñece? ¿Coñécese a que se ama?”
“E así é o movemento da trenza: cada un de nós unha febra diferente e agora xuntámonos, agora separámonos para despois volvernos xuntar. Sucesión das mesmas coincidencias e de similares comportamentos ao longo dos distintos anacos do que se vai compondo. E o azar como factor determinante desa sucesión (…). Porque no fondo todos estamos conectados entre nós, todos unidos (auténtica tese base do humanismo, da tolerancia, da solidaridade e do encontro social) como por febras invisibles. Todos e todas cinguidos na mesma trenza que nos vai xunguindo por circunstancias azarosas, fortuítas, resplandecientes…”

Presentación da novela

A Trenza trata a tumultuosa traxectoria vital do seu protagonista, Mario Quintela, cuxa vida como funcionario eficiente e esposo amante parece estar condenada á tranquila felicidade típica dunha familia galega de clase media. Porén, a novela comeza co seu protagonista ingresado no cárcere de Teixeiro á espera de ser entrevistado pola psicóloga da prisión. A partir da entrevista, vanse coñecendo os detalles que levaron a Mario Quintela ata unha tan indesexada situación. Aparecen así Roberto, traficante alcumado o Coronel, Eva, presidiaria na mesma cadea onde agarda Mario, Helena, avogada da ONG Portas Abertas e esposa do protagonista, e o padre Marcos, empeñado en rebaixar a condena de Eva.
As traxectorias dos personaxes de “A trenza” ocupan mundos e espazos diverxentes e crúzanse en repetidos momentos provocando, con cada cruzamento, a alteración do rumbo das distintas existencias. O peso das circunstancias sitúase por riba das decisións persoais, mesmo por riba das identidades, das familias e das institucións. “A trenza” constitúe un relato brillante e intenso dende os primeiros compases e que se vai enriquecendo a medida que os personaxes clave da historia acumulan experiencias vitais, en moitos casos completamente inesperadas.
“A trenza” é, ademais, unha novela cun salientable fondo social. Confirmando este carácter, o 8% das vendas que se acaden irán parar á ONG galega “Implicadas no Desenvolvemento”.