Archivos en la categoría Lingua

Estambul entre linguas

Como naquela canción de Paco de Lucía, “Entre dos aguas“, Estambul espállase entre o Mar Negro e o Mármara. Quizais é algo máis, talvez o seu labor sexa conectar esas dúas grandes masas salgadas que ficarían illadas sen a franxa de trinta quilómetros que é o Estreito do Bósforo, Europa nunha beira, Asia na outra. Si, Estambul vive entre dous mares e entre dous continentes, igual ca entre dúas culturas e dous xeitos de crer. Hai barrios nos que o hiyad resulta tan raro como sería un traxe de neopreno mentres ca noutros a súa presenza faise habitual. Unha visión dinámica animaríanos a afirmar que Estambul camiña cara ó progreso; unha óptica estática levaríanos a defender o equilibrio da súa situación.

Estambul exprésase tamén entre dúas linguas, o turco evidente e o inglés maioritario para a relación cos turistas omnipresentes. Escóitase ademais bastante castelán, e catalán nunha frecuencia moi próxima. Sentiamos envexa cando un mercader turco, sempre cordiais e correctos, pronunciaba unhas palabras en catalán como demostración de hospitalidade. Rendímonos á evidencia dos nosos riscos faciais cada vez que identificaban a nosa procedencia, 100% de acerto. Por fin, no Grand Bazaar, dannos o trato que agoirabamos.

  • Españoles?
  • Bueno, a sort of.
  • De Madrid?
  • No, por favor!
  • De dónde entonses?
  • Gallegos, somos gallegos.
  • De Galicia?
  • Sí, claro.
  • Ah, eu tamén falo un pouco galego.

E así principiamos un anaco de, breve e precaria, conversa en galego en Estambul con aquel home que tan só nos ofreceu un intento de comunicación na nosa lingua. E deste xeito volvemos comprobar o valor identitario do idioma e a certificar que sen a lingua galega non seriamos ninguén, nin en Estambul nin no resto do mundo.

Por que LVG se anuncia en castelán na TVG?

É unha pregunta que chimpa á cabeza, non si? Que razóns pode haber para que un medio de comunicación galego rexeite o uso da lingua galega na Televisión pública galega? Son realidades que custa entender… ou non. Eu cismei un anaco e saíronme un lote de posibles respostas. Velaquí:

  • Porque o xefe de publicidade é de Valladolid
  • Por se un día, facendo zapping, Feijoo ve un anuncio deses
  • Porque ABC e La Razón tamén o farían así
  • Por elementais razóns de mercado
  • Porque como idioma lírico que é, o galego debe reservarse para a poesía
  • Porque ó inimigo, nin auga
  • Porque pensan que a TVG debería emitir en castelán, como as demais
  • Por chulería madrileña
  • Porque aínda non se descubriu o tradutor automático de anuncios
  • Para facer méritos na asignación das subvencións ós medios 

Son dez posibles motivos. Mesmo podería haber algún máis…

O futuro da lingua (e algunhas preguntas)

Celebráronse estes días os XII Encontros de Normalización Lingüística no seo da mostra Proxecta organizada na Facultade de Xornalismo da USC (precisábase contratar a Siza para tal edificio?). Se xa semella un anacronismo andarmos a estas alturas con tales eventos, pensar que resultan cada día máis necesarios por mor das accións anormalizadoras do propio goberno galego, podería mergullarnos nunha fonda depresión colectiva.

Tocoume participar na Mesa convocada baixo o título “Acción Colectiva pola Lingua” e nela intervimos Valentina Formoso, Xabier Docampo e Carlos Callón, ademais de Goretti Sanmartin quen fixo de moderadora, e eu mesmo. Cada un expuso a xénese motivacional das distintas organizacións (Equipos de Normalización, Prolingua, Queremos Galego e GalegoLab) así como as súas ideas sobre o futuro da lingua.

Na presentación do acto, Goretti Sanmartin denunciou a campaña de difamacións artellada polos poderes, fácticos e formais, do País contra dous dos participantes na Mesa polo exclusivo motivo de cumprir coa misión de defensa da lingua propia (cabe máis mesquiño proceder?). Valentina Formoso, pola súa banda, formulou a necesidade de unirmos esforzos e recursos e organizarmos a acción a prol da lingua sobre a base dunha planificación conxunta de tódolos axentes atinxidos (seriamos realmente capaces de tal aparente utopía?). Xabier Docampo advertiu sobre a trampa que supón o chamado Pacto do Courel no cal o goberno galego non propón outra cousa có xa recollido no Estatuto de Autonomía de Galicia e pediu á oposición unha postura firme e intelixente ata conseguir mudar a nefasta política lingüística actual (alguén cre na “pax lingüística” que arteiramente propón Feijóo?). A seguir, Carlos Callón preguntouse se unha lingua que non se esixe ós funcionarios públicos podía considerarse oficial ou se un idioma no cal se prohibe impartir determinadas materias no ensino ou vetado en determinadas idades pode considerarse oficial. A acción da Xunta do PP, inspirada en ben dotados despachos madrileños, persigue o desmantelamento práctico da oficialidade da nosa lingua.

Na miña quenda, deixei unhas reflexións sobre o futuro das linguas nun mundo que superou hai tempo a dimensión oral cara a outra multicomunicacional. “O uso e forza dunha lingua non se debe medir exclusivamente pola evolución dos seus falantes. É indispensable considerar, cando menos, outros tres eidos: Internet e as redes sociais, os medios de comunicación e a creación. En Internet, a lingua galega ten unha presenza robusta. Malia os peches de proxectos senlleiros, os datos de páxinas no web, facebook ou twitter, de bitácoras ou de artigos na Wikipedia, demostran que a lingua galega está moi viva no mundo virtual. Cuestións a termos en conta:

  • Os galegos falantes teñen un perfil máis activo e de vangarda en termo medio que os castelanfalantes
  • Hai castelanfalantes no mundo real que tornan galegofalantes no virtual
  • En que lingua se comunican os rapaces galegos nas redes sociais?

Os medios ofrecen a versión contraria: nin responden á realidade social do País nin participan en absoluto na galeguización da comunicación. Son cómplices da política lingüística actual e, en troques, reciben subvencións. Avanzaremos grandemente cando rompamos esta ecuación (mais como facelo?).

A creación revélase o ámbito cunha implantación maior da lingua galega confirmando a asociación entre idioma e cultura: a cultura dun País faise na súa lingua. Graos distintos en función do tipo de manifestación: literatura, banda deseñada, música, teatro, cine e audiovisual (pode virar en tendencia a situación de retroceso actual?).

Os problemas da lingua galega son tan variados e de tal fondura que provocan unha desacougante sensación de misión imposible. Sen un diagnóstico preciso, non hai solución. Dous son os problemas que deben concentrar tódolos esforzos, iniciativas e recursos: a minusvaloración social da lingua galega e o desprezo maioritario por parte da xente nova. Se, como solicitaba Valentina Formoso, fosemos quen de organizármonos e planificarmos a acción cara a eses obxectivos, o futuro da lingua veríase con máis esperanza. Queda para o final o desexo de Carlos Callón, o de que algún día, o idioma galego sexa hexemónico en Galicia (verémolo nós?).


A eficacia comercial das linguas

Permítanme que lles relate unha conversa mantida durante un xantar de hai poucos días. Principiou tras amosar un dos presentes unhas pezas de olería de Buño que viñan acompañadas dun texto ilustrativo en clave de lenda, escrito en castelán. Outro dos comensais, home culto e veterano, alegou que cando menos debería estar en bilingüe sendo a olería do Buño un produto tradicional galego. Estendeuse o debate cara ó uso comercial da lingua poñendo eu coma exemplo unha nova marca de leite galego que igualmente utilizaba o castelán en exclusiva. Entón foi cando un empresario vinculado ó sector primario emite a frase clave: “Lechera Asturiana é a empresa máis forte que distribúe en Galicia e faino sempre en castelán. Cuestión de eficacia comercial. A eficacia comercial é a que manda na empresa”.

A frase soa lóxica pero resulta xustamente contraditoria respecto do marketing, a comunicación e, se me apuran, ata das matemáticas...” No resto do artigo, publicado hai un par de días en Xornal, procuro explicar o porqué desta afirmación. Fixádevos no comentario dun lector que malinterpreta o contido da colaboración da man da manipulación e a carraxe… Esta é a ligazón.

Sen resposta de Madrid

O pasado 8 de Xuño, mandei ó Servizo de Atención ó Cliente de El Corte Inglés unha carta co título “Especialistas en comunicación” que dicía o seguinte:

Prezados señores: onte pasei polo seu hipermercado da Casa da Auga na Coruña e durante a compra no seu establecemento, mantiven tres breves conversas: co encargado de Atención de Clientes no mostrador da entrada, cun home con fasquía de responsable de algo nun corredor, e máis coa caixeira. Nas tres ocasións, expreseime claramente no meu idioma, oficial na miña cidade, e nas tres ocasións recibín resposta en castelán. Fun mercar uns iogures da Casa Grande de Xanceda que estaban marcados cunha bandeiriña onde se imprimira a curiosa expresión “Producto regional”. E non lles digo que, xa que é “rexional”, poderían utilizar na sinalética a lingua galega, non. Simplemente quería preguntarlles de que rexión proceden os iogures: se do Courel ou da Terrachá, se da Costa da Morte ou do Baixo Miño. E que se de tal xeito tratan de identificar a súa orixe galega, pois ben poderían dicir “Producto galego”, que por certo, pouquísimos ofrecen vostedes no seu hipermercado. Mesmo poderían utilizar “Producto autóctono” ou incluso “Producto local”. Mais o de “regional”, créanme, ademais de ser impreciso, transmite unha impresión que seguramente non queiran trasladar. A cousa vén de atrás. Resulta que no último mes, houben acudir en dúas ocasións á súa tenda de deportes localizada no mesmo edificio có hipermercado do parágrafo anterior. Da media ducia de empregados que me atenderon, só un utilizou comigo a lingua galega. E hoxe conecto o ordenador e que atopo? Pois unha mensaxe anunciando a Semana Fantástica de El Corte Inglés. Xa lles digo que por min, máis ca “fantástica” pode ser “chiripitifláutica”, que non lle vou prestar atención ningunha ata que non se dirixan a min na miña lingua. E sendo vostedes “especialistas en mi”, deberían saber que esa é a lingua galega. Moi agradecido pola súa atención. Por certo, pensei en mandarlles tamén unha segunda versión en castelán pero seguro que atopan algún galego traballando nas súas oficinas para lles resolver as posibles dúbidas. Un saúdo,

Despois, o 10 de Agosto, houben enviar a seguinte nota ó diario El Economista por motivo do tratamento inadecuado e ofensivo do topónimo galego Sanxenxo. Velaquí o texto:

Estimados Srs: disculpen en primer lugar si no son ustedes los destinatarios naturales de este mensaje, en cuyo caso les ruego que lo reenvíen a quien corresponda dentro de su compañía. Me dirijo a Vds. con motivo de un reportaje sobre lugares de veraneo que publicaron ayer en su diario, concretamente en la página 28. En ese artículo, se incluye la mención a “Sangenjo” añadiendo en algún momento la innecesaria frase “Sangenjo que no Sanxenxo”. No voy a entrar en consideraciones sobre el tono, intencionalidad y oportunidad del tratamiento dado al topónimo gallego en su periódico, pero sí sobre la cuestionable profesionalidad que implica. Me explico brevemente: Saben Vds. que los topónimos se han generado a partir de factores como rasgos paisajísticos, accidentes naturales, circunstancias locales u homenajes a personajes históricos, por ejemplo. Su origen data de muchos siglos atrás y, por lo tanto, debe localizarse en un contexto lingüístico determinado. Cuando la mayoría de municipios, parroquias, aldeas, lugares… de Galicia adquirieron su nombre identificativo, el único idioma existente en Galicia era el gallego, quizás con alguna incursión residual de otras lenguas como el latín. Por tal motivo, la gran mayoría de topónimos gallegos parten del idioma autóctono aunque alguno presente una procedencia distinta como la germánica (sueva) o árabe e, incluso, en casos muy raros, franca o castellana. Por otro lado, deben saber que la Lei 3/1983, promulgada al amparo del Estatuto de Autonomía de Galicia, en su artículo 10, establece: “…Corresponde a la Xunta de Galicia la determinación de los nombres oficiales de los municipios, territorios, núcleos de población, vías de comunicación interurbanas y de los topónimos de Galicia… Estas denominaciones son las legales a todos los efectos.” Esa ley estableció las bases de la toponimia gallega las cuales se habrían desarrollar en posteriores reglamentaciones. En conclusión, el único nombre válido del municipio que Vds.incluyen en su reportaje es Sanxenxo. Utilizar el topónimo vigente en pretéritas legislaturas no parece lo más aconsejable en un medio de comunicación serio; regodearse en la irregularidad supone caer en el desprecio a un cuerpo jurídico y a una cultura. Para su información, el topónimo del municipio busca la identificación de la villa con San Xenxo, circunstancia que llevaría a asociar un pueblo castellano a la figura de San Ginés. Por lo tanto, forzar el uso de “Sangenjo” resulta absurdo, tanto como llamar “Bueymuerto” a Boimorto, “Estuario” a Esteiro o “La Carretera” a A Estrada. Sin más, reciban un cordial saludo,

Pois ben, despois de tres meses de espera no primeiro caso e un mes no segundo, non recibín nin unha liña de resposta, non xa desculpa, nin por parte do Servizo de Atención ó Cliente de El Corte Inglés nin pola banda dos directivos de El Economista. Entendo que o respecto á lingua galega non entra nas súas pautas de xestión nin nos seus principios de comunicación. Hoxe leo o artigo de Xavier Alcalá Tecnoloxías con marisco e todo termina de explicarse.

Lingüibreves

Se aínda lle botas un ollo de cando en vez a esta bitácora, talvez recordes esta anotación, Galego na notaría. Daba conta dun trámite administrativo que se estaba a complicar polo noso empeño de artellalo nun idioma distinto ó habitual. Hoxe volvéronme chamar para concertar a data da sinatura. Publicara aqueloutra anotación o 3 de xullo pasado o cal significa que a xestión demorouse dous meses por mor da lingua. Alguén podería pensar que demandáramo-lo uso do mandarín, do islandés ou do tamazigue mais non. A demora debíase a ter solicitado a escritura en galego, dentro de Galicia e con tódolos interviñentes nados nesta mesma terra. Hai dous meses, a empregada da notaría principiara a conversa en galego e mudara ó castelán polo medio. Hoxe, ben máis simpática e fandangueira, iniciouna en castelán pasar pasar ó galego na metade. A min gustoume máis así.

Como me toca menos de preto, o baleiro resulta máis pequeno. Tamén a repetición, o feito de non se-lo primeiro, resta gravidade ó asunto. Axiña me decato de tal reflexión ir por mal camiño. Trátase do mesmo baleiro, inmenso daquela, hoxe aínda meirande. O 25 de Xullo apagábase Vieiros. Onte canceláronse as rotativas de A Nosa Terra. Queda en versión dixital e diaria, desexamos que por moito tempo.  Podemos consolarnos pensando que segue unha tendencia natural, certa seguramente, pero noutros idiomas aínda non se deu manifestado.

Quenda de fisioterapia. Esta muller usa o castelán. Demostra profesionalidade, boa preparación e atención eficaz e correcta. Na clínica anterior, as linguas alternábanse en función do facultativo. A min tocoume un que manexaba con soltura o idioma propio. Traballaba arreo, pero precipitado, repetitivo e sen concentración. Fica demostrado: a lingua de comunicación nada ten que ver coa habilidade na aplicación dun tratamento fisioterapéutico.

Estou a ler A Estrada, The Road no orixinal, do escritor ianqui Cormac McCarthy. Marabíllame que se poida facer unha película con ese material. Unha cousa é segura: en escenarios non houberon empeñar moito presuposto. Tamén me congratula observa-lo empeño de Kalandraka a través do seu selo Factoría K do cal xa lera Cuspirei sobre as vosas tumbas e Lolita. As editoriais galegas dedicadas á tradución dirixen boa parte das miñas lecturas. A maioría do publicado por Rinoceronte lino sen referencias anteriores das obras ou dos seus autores. Reclameilles as dúas últimas e hoxe atópoas no medio duns paquetes.  Glup! Bulín para emenda-lo torto. Espero que o entendan, un despiste teno calquera.

Galego na empresa

Se cadra coñecéde-lo proxecto Deleite desenvolvido por cooperativas luguesas. É desas iniciativas nacidas dende as mesmas entrañas do País que merece todo o apoio para acada-lo seu éxito; sen dúbida ningunha, o rural galego está necesitado de experiencias coma Deleite. Malia ser un produto galego, dun sector tradicional galego, e dirixido principalmente ó mercado galego, o uso da lingua propia semella marxinal. Por tal motivo, eu decidín enviar ós seus responsables un texto que preparei para Prolingua e que formará parte dunha acción a prol do uso do noso idioma na empresa galega a desenvolver en próximas semanas. Este é o texto completo:

Incorporar a lingua galega viralle ben á súa empresa

1. Razóns polas que debería implantar a lingua galega na organización da súa empresa

Mellora das vendas

Para a gran maioría dos clientes de Galicia, o uso da lingua galega inflúe de xeito positivo nas súas decisións de compra. Ademais, a lingua galega representa un elemento facilitador para a entrada nos mercados lusófonos –Brasil, Portugal, Angola–

Diferenciación da súa oferta

Nuns mercados tan belixerantes coma os actuais, a diferenciación da oferta constitúe un elemento clave de competencia. O uso da lingua galega transmite un factor de autenticidade, orixinalidade e confianza valorado favorablemente tanto polo mercado propio como polos clientes foráneos.

Aumento da rendibilidade

A implantación dun factor de diferenciación fai que os consumidores estean dispostos a pagar unha contía extra nas súas compras ou contratacións. O prezo superior do produto ou servizo que contemple a lingua galega achegará á súa empresa unha maior rendibilidade.

Creación de barreiras á entrada

O uso da lingua galega pode erguer unha barreira –non insalvable, naturalmente– á entrada de novos competidores que haberían asumir a implantación do idioma local para colocarse en igualdade de condicións respecto das empresas galegas que xa incorporen a lingua propia.

Crecemento de beneficios

O conxunto de argumentos anteriores desencadea unha conclusión rotunda: a introdución da lingua galega potenciará a xeración de beneficios da súa empresa. Casos como o operador de cable R  así o confirman.

Elemento de identidade

O uso da lingua galega representa tamén un factor de identidade e autoestima que influirá de maneira positiva na disposición competitiva da súa empresa. Non estará defendendo unicamente os valores dos artigos da súa compañía senón os do produto galego en xeral.

2. Ámbitos onde implantar a lingua galega dentro da organización da súa empresa

Comunicación cos seus clientes

Tanto na relación persoal como na telefónica, postal ou electrónica, moitos dos seus clientes agradecerán o uso da lingua galega.

Publicidade e merchandising

Nas rúas, nos xornais, nas televisións e radios que funcionan en Galicia, as mensaxes en lingua galega adquiren unha maior e máis favorable visibilidade. Así mesmo, na sinalización e carteis dos seus centros de vendas e produción.

Sitios web

A maioría dos usuarios galegos de Internet esperan que a presenza online das empresas galegas ou con oferta en Galicia incorpore o idioma propio do País.

Rotulación e etiquetaxe dos produtos

A aplicación da lingua galega, en versión monolingüe ou plurilingüe, nas etiquetas dos artigos fabricados e/ou distribuídos en Galicia é a mellor maneira de identificar a procedencia do produto.

Normas, procedementos e comunicación interior

A mellor forma de interiorizar o idioma propio é levalo á operativa e á comunicación interna da empresa. Así funcionan a maioría das empresas catalás, por exemplo, con magníficos resultados.

3. Servizos e institucións que poden facilitar a implantación da lingua galega dentro da súa organización

Confederación de Empresarios de Galicia http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1488

Foro Enrique Peinador. Ref. www.galeguizargalicia.com

Servizos municipais de Normalización Lingüística

Incorporar a lingua galega viralle ben á súa empresa

Galego na notaría

Trinta anos de normalización e segue todo do máis anormal. Trámite nunha notaría: solicito a redacción en galego; en principio, sen problema; semanas despois, recibo unha chamada cuxo contido relevante reproduzo:

  • A escritura xa está lista, só quería confirmar que a quere en galego.
  • Si, claro.
  • Para facela en galego, temos que mandala á Xunta para a tradución.
  • Se ten que ser…
  • Non lle importa que a mandemos á Xunta?
  • Por que habería de importarme?
  • Porque ten datos persoais.
  • Pois non, non me importa.
  • Es que nosotros no solemos hacer las escrituras en gallego (curiosa mudanza lingüística no medio da conversa)
  • Va a tardar dos semanas más.
  • Non teño présa.
  • Y están de acuerdo el resto de firmantes?
  • Non llelo preguntei pero eu son quen vos pediu a escritura.
  • Deberían de estar de acuerdo.
  • E para facela en castelán tamén hai que poñerse de acordo?
  • Bueno, yo sólo se lo comento. Entonces, se la mandamos a la Xunta, no?
  • De acordo, moitas gracias.

E agora, a seguir esperando…

Quitade as vosas sucias mans da miña lingua

Quitade as vosas sucias mans da miña lingua

Metédeas no cu

ou facede con elas un vurullo.

Cortádeas e tirádeas ó vertedoiro

co resto do cargamento de prea.

Quitade as vosas mans e as vosas gorxas

Non a faledes.

Non a invoquedes.

Non a soñedes sequera.

Non

a

toquedes.

Tocade os vosos membros corruptos

Sobádeos con saña

ou facede con eles carne de canón.

Cortádeos e tirádeos ó vertedoiro

co resto de cargamento de prea.

Quitade as vosas sucias mans derriba dela

Para firmardes novas condenas

E lavádeas despois coma Pilatos.

Sodes cans que miañan.

Sodes gatos que ladran.

Galego lonxe dos cativos

A páxina web “Participa con nós, polo ensino infantil en galego”, acaba de publica-lo seguinte texto que paga a pena coñecer:

“A Xunta do PP non quere que se lles fale en galego aos nenos e nenas nas garderías ou escolas infantís. Queren eliminar o galego como lingua da infancia.

O obxectivo do Partido Popular de España en Galicia contra do galego era claro: retirar de feito o idioma galego na educación infantil. Os señores impositores do castelán, contrarios ao galego e á diversidade, saben que eliminando do ensino infantil o galego, este vai á morte segura.

Coa súa persistencia (do PP) de que as familias escollan a lingua da educación infantil, queren utilizar de xeito perverso, os prexuízos lingüísticos, as campañas de desinformación e uniformadoras, para xustificar unha decisión tutelada, disfrazada como libre, das nais e pais en discriminar (apartar, desautorizar) e mesmo de feito prohibir o uso da lingua galega aos educadores no ensino infantil. Os responsables do PP na Xunta non queren que se lles fale en galego aos nenos e nenas nas garderías ou escolas infantís. Queren eliminar o galego como lingua da infancia.”

Ás moreas de iniciativas que inzan o País a prol da nosa lingua e contra a feroz campaña desde goberno negacionista, é preciso sumar outra que se dedique a preservar e impulsar o galego como lingua da infancia. De entrada, suxiro sumármonos a esta páxina aberta con tal intención.