Archivos en la categoría Galicia diversa

Amancio Ortega e Edgar Keret

Seica Amancio Ortega vai mercar a Torre Picasso de Madrid por 400 millóns de euros. Disque cancelou as SICAVs para concentrar os seus investimentos no sector inmobiliario. Normal: non ten moito apuro financeiro así que mantense fiel á máxima básica de mercar barato e agardar tempos mellores. Namentres, vai tirando co alugueiro das instalacións, ateigadas mesmo en pleno ciclo recesivo.

Rosalía Mera investira hai uns meses outros 600 millóns de euros nun hotel gran luxo en Londres. Estima, xa que logo, que a capital inglesa acentuará o seu carácter de meca do business europeo de xeito que a demanda de recantos de luxuria naquela capital incluso medrará de modo salientable. No mesmo parágrafo citemos a Manuel Jove (seguramente Xove nalgún ancestro), posuidor do 6% de BBVA e dun diminuto x% do Banco que pretende conservar a súa condición de galego (en grandes dificultades causadas polos investimentos fóra de Galicia, casualmente).

Penso en Suíza, e tamén en Estados Unidos, e en Dinamarca… Penso neses lugares de grandes empresas que devolven á sociedade en forma de proxectos, parte dos beneficios que obteñen en comuñón coa súa terra; que comparten o destino da súa comunidade asumindo o papel motriz do seu progreso.

E comparo con Galicia, e lembro esas declaración esperpénticas, alucinadas, dunha conselleira de traballo que nega a tráxica emigración dos mozos galegos ante a falta de alternativa no País. E afirmo que cunha decidida aposta das fortunas galegas, poderiamos saír adiante. Troquen a Torre Picasso, o hotel de 6 estrelas e as accións do BBV polos sectores agrogandeiros, pola innovación biotecnolóxica, pola enerxía limpa e a industria medioambiental. O País sería outro e vostedes, créanme, serían máis felices (tamén máis admirados!).

Por que será? Venme á cabeza agora un relato de Edgar Keret, autor (crítico, alternativo) israelí. Busco no libro o ítem que me presenta a memoria. E atópoo: relato “Boas intencións” no título “Saudades de Kissinger”. Vai dun home que encarga o seu propio asasinato para rematar coa tortura da súa vida. E xustifícase… “…case non podo comer pois en canto meto o primeiro bocado na boca, penso que hai algunha persoa con máis fame ca min á que se lle acabou a comida. Polas noites non son capaz de durmir. Como pode un pensar en durmir tranquilamente en Nova York cando a vinte metros da túa casa hai xente morrendo de frío nos bancos da rúa?”

 

Feijóo culpable

Feijóo acaba de declarar a Galicia zona catastrófica. Di que o País –el chámao Comunidade– vive unha situación crítica (etimoloxicamente incuestionable, por certo) á vista do estado da súa economía e do seu emprego. Fai estas manifestacións a modo de canto auto-exculpatorio e tal cal o recollen os medios, balsamicamente. Feijóo recoñece a gravidade e, así logo, xa expiou as culpas que, en calquera caso, tampouco son del senón da propia crise.

Mais si, Feijóo é culpable. Non, naturalmente, da recesión en Europa –o home non dá para tanto– mais si do nivel de desafiuzamento que acadou o País que el chama Comunidade. É culpable por inoperante, a súa inacción advertida xa nada máis chegar ó poder (33 medidas propostas e nin sequera exploradas). É culpable por gregario dunha estratexia de austeridade indiscriminada imposta polos seus visionarios xefes madrileños. É culpable por asfixiar os provedores da administración con graves demoras nos pagamentos con tal de presentar unhas décimas menos. É culpable por indutor ó retraemento do investimento e o consumo interno derivado da súa actuación baseada nos recortes como único argumento. É culpable por dilución das claves de identidade propia que prexudican a diferenciación dos produtos e servizos galegos e mesmo reducen a visibilidade do País e da súa oferta ante consumidores externos. É culpable como fiel colaborador daquela política inmobiliaria irresponsable que puxo en práctica o seu partido nos anos 90. E é finalmente culpable como axente activo na práctica de dispendio brutal de recursos públicos promovida pola Xunta con el de vicepresidente e da cal a Cidade da Cultura representa o máximo expoñente.

Feijóo recoñece a situación crítica de Galicia. Agora só lle falta admitir a súa directa responsabilidade.

Reflexionando

Reflexiono, si, tal como mandan os canons, mais non sobre as eleccións de mañá. Ben sei (creo saber) o que lle convén ó País, a Galicia quero dicir, e o que pode terminar de afundilo. Seino (ou creo sabelo) en canto a actitudes, vacilo un chisco cando tendo pensar en partidos. A dúbida dura pouco, non obstante, pois as opcións seguen claras malia todo.

Non reflexiono sobre as eleccións de mañá senón sobre a xuntanza de onte. Vinme cun grupo de xente entusiasta e inconformista que queren contribuír ó progreso de Galicia dende a potenciación dos seus valores propios, o que en economía poderiamos chamar factores endóxenos. Queren cortar, sobre todo, a sangría dos mozos galegos que han busca-lo futuro lonxe do País. E atopan como única saída a cultura do emprendemento e a confianza nos propios valores. A min paréceme unha combinación perfecta.

Na procura de lles botar unha man, lembro e pescudo. E atopo unha chea de iniciativas baseadas neses dous factores que me fan recupera-la esperanza. Só teriamos que expandi-la experiencia. Fixádevos que mostrario fermoso:

Salvo erro de apreciación, todas elas empresas creadas no século XXI ou nos seus albores. Agardemos a súa expansión e multiplicación. E mañá que gañen… os equipos galegos!

Lume, malaria e roupa limpa

Folleo a revista de outono de ADEGA e sinto desexos de saír á rúa a conseguir socios para esta asociación tan imprescindible. Gustaríame preguntar a berros: É que non pensa vostede facer nada para salvar o noso medioambiente?  É que non lle importa a destrución paulatina que está a sufrir o noso territorio? Cre que, alén de crises de toda índole, teremos algún futuro se continúa a desprotección do noso medio natural?

Nestas datas de lumes devastadores que o goberno galego tenta agochar, ADEGA denuncia a Lei de Montes próxima a entrar no Parlamento. Manifesta que a norma “retrotrae a xestión forestal de Galicia á época de Fraga, desprotexe o monte comunal, introduce ferramentas especulativas a prol da industria forestal e enerxética e rebaixa a capacidade de intervención da Administración fronte á lóxica dos mercados… esquece a importancia do monte como vertebrador social e territorial e os seus aspectos agrarios, sociais, patrimoniais, paisaxísticos e ambientais”; subliñan, ademais, “o feito de que se abran novas vías para forestar terreos de cultivo”. O goberno do PP segue a demostrar en cada xuntanza, en cada iniciativa, a súa ideoloxía neoliberal de tan funesto impacto económico e social, a súa conivencia cos intereses únicos da industria e a nula visión estratéxica que permitiría o progreso do País sobre bases sustentables, entre elas, necesariamente, a recuperación do agro.

Libéranme do desencanto dúas iniciativas que, como a acción continuada de ADEGA, son fillas do altruísmo e a boa vontade que aínda queda no mundo. Fálanme da onegué SETEM, organización contra os abusos e inxustizas dos sectores e os países menos escrupulosos e promotora de accións de concienciación e denuncia. Comprobo no seu sitio web que teñen delegación en Galicia a través do proxecto Amarante. Moitos son os seus programas en marcha. Chámame a atención o que titulan “Campaña Roupa Limpa”, realmente estarrecedor. Seica os pantalóns vaqueiros “gastados” acadan ese aspecto falso de avellentamento a través dun proceso, denominado sandblasting, que require 100 litros de auga por peza e utiliza un composto químico, o permanganato, que á súa vez provoca a enfermidade e posible morte dos traballadores expostos. Fálase de 5.000 afectados. Disque o proceso está prohibido en Europa dende 1966, pequeno atranco que se resolve a golpe de deslocalización produtiva.

A outra iniciativa corresponde a unha boa nova, a unha grande boa nova. Seguramente non abra os xornais de mañá pero cando menos pechará este modesto blogue por hoxe: o laboratorio GSK, constituído pola Iniciativa para a Vacina da Malaria PATH e a Fundación Bill e Melinda Gates, vén de anunciar que as súas investigacións para erradicar a malaria, esencialmente en África, deron froitos. Os ensaios sobre nenos ofrecen resultados de protección do 50%. Unha nova así cada día e salvamos o mundo.

Voitres e ovellas

En Graz, onde os teclados de ordenador non inclúen o enhe, souben da venda do Banco Pastor. Alguén preto comentou: “o do Popular é un auténtico voitre”. Falso, contestei eu: neste mundo, cada un busca o seu negocio e o do Pastor non é máis ca unha adquisición de accións a un prezo negociado libremente entre dúas partes. Mais quedei cismando ate concluir que, se cadra, algo de voitrismo había na parte adquirente pois así debe xulgarse a postura de quen anda á busca de prea, carronha na súa acepción castelá. Esa tal catalogación podería xustificarse de ser certo o acordo que seica tinha o Popular Banco con algúns directivos da outra entidade residente no recanto atlántico (co permiso do Etchevarría) dado o carácter moribundo daquela da devandita entidade.

Alén de hipóteses sobre sucesos e posibles conspiracións que a nada conducen, e mantendo a dúbida sobre a condición de voitre da católica organización, o que si poderiamos confirmar é o carácter de ovella -ou anho- degolada (ben paradoxal no caso do Pastor) das entidades financeiras galegas sen mediación de matarife ou lobo famento ningún. O caso foi de autodegolamento. Tres entidades empenhadas en colocar os aforros galegos en terras queimadas de tanto sol e tanto beneficio fácil e tanta licencia municipal e tanto pelotazo. Mediterráneas terras, maiormente. E agora, desas tres entidades financeiras galegas, nada máis fica unha tentando salvar a parte que sexa humanamente posible.

Pregúntome, entre outras moitas cuestións: se Galicia está como está tendo disponhible abondoso capital financeiro, que será dela cando os seus proxectos dependan enteiramente de decisións alleas?

Prensa e Poder

Estaba tan impaciente o BNG por saldar contas, que montou Xornal no momento peor. Non calculou que neste País, a Prensa e a Política alternan os seus postos de cando en vez, o primeiro é o segundo e, ás veces, o cuarto é o primeiro (Poder). E detrás o Partido, que é máis ca iso, é toda unha relixión, o opio deste Pobo sempre crédulo. A Prensa do País, que é a do Partido, cumpre a misión perenne de reter o Poder. Para iso, mantén o Pobo anestesiado pero alerta para activarse na precisa ocasión. É o peor da Política, deberlle tanto á Prensa, neste País como noutros tamén.

Nos casinos adoita gañar a banca. En Galicia, que non dá máis que para un bingo, sempre gaña a Prensa do Partido no Poder, que fai Política de País para vencer e convencer o crédulo Pobo. O BNG confundiu Poder con goberno e así se afundiu como Partido e esgotou as súas opcións de acadar o Poder real. Seica se confundiu tamén de País e de Pobo. E se non o credes, velaí os datos do CIS.

Entre 1997 e 2009, o sentimento galeguista (ou de nacionalismo galego) pasou do 33 ó 15%. Entre 2005 e 2009 (catro anos nada máis), os galegos en degoiro dunha autonomía maior, pasaron do 26 ó 16%. Os soberanistas representan, segundo o CIS, o 2% da poboación. Números que tamén saen nas enquisas electorais. Nas vindeiras eleccións, Galicia pode ficar sen representación parlamentaria de seu en Madrid. E iso malia ser, o BNG, o único voto útil real no País. Alguén o está a facer rematadamente mal.

Co peche de Xornal, un sinte que chegou o final. Tivemos Vieiros, o soportal, Galicia Hoxe, Xornal en papel e dixital e A Nosa Terra, o semanal. Xuntos darían para unha oferta de comunicación progresista e galeguista poderosa, de alta visibilidade e futuro garantido, fonte onde beber visións, análises, perspectivas gratificantes, de País. Tiñamos proxecto, rotativa, xornalistas e distribución. Que fallou?

Merchandising patriótico II

É que isto dos símbolos dá para moita rexouba… En xaneiro publicaramos aquel Merchandising patriótico que terminaba nun bazar chinés. E agora vén esta sorte de continuación por mor dunha serie de cativos acontecementos os cales, vistos en conxunto, permiten artellar o seguinte conto…

Se cadra foi consecuencia deste verán disfrazado de outono, quizais o aburrimento ante o deterioro xeral do ambiente, talvez a ameaza de involución medrando ate cotas insostibles, fose polo que for, eu amoseime esta tempada especialmente sensible ante un símbolo que se vai coando en cada recuncho do País a xeito de avanzada epifanía. Explícome.

Todo principiou a comezo do verán cando nos cruzamos cun compañeiro e a súa parella que avanzaban prestos e decididos polo paseo marítimo coruñés. Saudámolos cortesmente, incluso agasallámolos cun sorriso que quedou a medio camiño ante a nosa estrañada visión. Ámbolos dous lucían senllos “polos de marca” deseñados para destacar no colo e nas mangas dúas franxas vermellas e unha amarela no medio. O detalle semellaba implicar unha certa dose de exhibición. Nunha posterior xuntanza de traballo, coincido co técnico dunha empresa colaboradora que leva unha pulseira de tea coa mesma sucesión cromática cá descrita no encontro anterior. Outro individuo cuxa filiación me gardarei ben de publicar, gábase de adorno explícito na funda do móvil. Nun campionato de xoquei a patíns, no equipo contra o que se enfrontaba o meu sobriño, o porteiro presume de cobadeiras e xeonlleiras rojigualdas. No traxecto entre a casa e a oficina, sorpréndome topando cun par de bandeiras españolas penduradas, unha dunha fiestra, a outra dun balcón. Seica levan aí tempo, mesmo dende o Mundial, mais eu nunca me decatara delas ate agora. Para ir rematando esta azarosa serie de imaxes charramanduscas, nun xantar celebrado hai dúas semanas en Viveiro, tócame xusto en fronte un tipo que, ó erguerse (o cal fixo varias veces, xa penso que a mantenta!) deixaba á vista un cinto que de novo reproducía a popular (sen dúbida, popular) combinación de cores. No aparcadoiro á saída, a carón da matrícula dun fermoso Audi, o emblema destaca sobre o fondo negro. Mais o que me animou finalmente a redactar esta anotación foi o de hoxe á mañá. Un tipo máis ben enxoito levaba a pasear o seu can, deses diminutos que meu pai asignaba á raza común dos “ratos”, suxeito cunha correa decorada xa sabedes (xente espelida!) de que xeito. Seguinos de preto para comprobar se o animaliño estiraba nalgún momento a pata dianteira por orde do seu dono e señor, o cal non sucedeu…

Non entendo ben esta vaga de ostentación xacobina e patrioteira. Menos aínda na terra que habitamos. E sen embargo, velaquí unha recomendación para coitados e pusilánimes: mercade un reloxo de correa bicolor, ou unha cinta para o pelo, ou unhas cobadeiras como as do porteiro de xoquei. De seguro, viviredes máis cómodos nos tempos que veñen. E nunca se vos ocorra buscar peza branca ningunha cruzada por liña azul: en tal caso seriades acusados, xustamente, de basculleiros e provocadores.

Millán, Bóveda, Lorca

Quixo o azar, que talvez vestía onte de branco e paseaba en papamóbil polas rúas afervoadas de Madrid, que se xuntasen entre o 17 e o 19 deste morno mes de Agosto, as figuras diverxentes, un diría máis ben disonantes, de Millán Astray, Alexandre Bóveda e Federico García Lorca. Resulta curioso, un diría incluso triste, que nunca se teñan unido as memorias destes dous emblemas de honestidade e talento, Bóveda e Lorca, Lorca e Bóveda, asasinados con a penas dous días de diferencia, o 17 Alexandre, o 19 Federico. Millán probablemente xustificaría as súas mortes, xulgaríaas necesarias, falaría de xustiza e patria e cancros da nación e ese tipo de conceptos destinados a anestesiar as concencias dos miserables.

Pois xa saben que o alcalde da Coruña, o Sr. Negreira, quen afirmara sobre Millán que era un coruñés de pro, acaba de restituir o nomeamento de tan funesto militar como fillo predilecto da cidade. Os argumentos, neste caso dirixidos a anestesiar as opinións (o anestesista non era o alcalde anterior?), mellor nin amentalos por irrelevantes. O caso é que este novo alcalde fervía de ganas por recuperar o recoñecemento ó fundador da Lexión, ó instigador do levantamento contra a República elixida democraticamente, ó creador do mito de Franco como Caudillo, ó gran pensador que berraba “Viva la Muerte” e ameazaba coa “muerte a la intelectualidad traidora”. É como para sentírmonos orgullosos deste paisano.

Bóveda e Lorca non ficaban na banda contraria, nin sequera. Eles só estaban, só vivían, só traballaban, só amaban, só creaban, só despregaban humanidade. Cúmpriuse estes días o 75 aniversario do seu asasinato, daquela felonía sen igual, o 17 para Alexandre, o 19 para Federico. Lorca, finado ós 37 anos, escribiu algúns versos en galego. Un deles principia así: “Imos silandeiros orela do vado / pra ver o adoescente afogado. / Imos silandeiros veiriña do ar, / antes que ise río o leve pro mar. / Súa i-alma choraba, ferida e pequena / embaixo os arumes de pinos e d’herbas. / Ágoa despenada baixaba da lúa / cobrindo de lirios a montana núa.”

Da inabarcable grandeza moral de Bóveda, finado ós 33 anos, hai diversos testemuños. Cando é “condenado” no seu xuízo farsa, manifesta, en castelán porque non o deixan expresarse na lingua que sempre falaba, que se o tribunal entendía que polo amor entrañable que sentía cara a Galicia, debía ser aplicada a pena capital, el recibiríaa coma o último sacrificio por ela, a súa Patria. Entre as cartas que deixa para a muller, irmáns e amigos, salienta novamente a súa infinita capacidade de comprensión e amor. Na que dirixe ó seu irmán Vicente, escribe: “Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fágoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República, e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debemos perdoar) condéname.

Pregúntome que pensaría Millán Astray, finado ós 75 anos, destas palabras. Tamén me gustaría saber que pensarán delas algúns políticos de hoxe.

Sensacións na Reserva

Feira do Libro da Coruña, presentación dun libro-arte coa cociña do fondo. Acto brillante e divertido mais eu fico colgado dunha expresión: Galicia, país de depresivos. Así se expresa, mesmo con certo ton despectivo, un intelectual feliz que nin parece gardar vinte e catro horas de loito pola morte do derradeiro xornal. E non sei se odialo ou felicitalo.

Nese xornal virtualizado, leo o artigo Autocanibalismo en Galicia. Meritorio mais eu quedo cun comentario engadido. Este: “A nosa conciencia limpa, sana, inconsciente, equilibrada, auténtica e sinxela de povo convertiuse (ano tras ano, década tras década) en dato inversamente proporcional ao onfalismo e ao individualismo máis doente, pailán, paifoco, absurdo e corrosivo. Galicia é, simplemente, noxenta. Un simple, inútil, apaifocado e ridículo paradigma do peor e do máis cutre dun occidente putrefacto ata a médula. É realmente tráxico intentar ‘revisitar’ unha autenticidade e un equilibrio ‘outrora-natural’ que xa deixou de existir hai moito. Somos residuo de malas conciencias, propias e alleas. ‘Que os vaya bonito, gallegos’.” Lino dez, quince, vinte veces talvez. E sinto que vivo nunha reserva, que son un pobre “piel roja” acantoado no recuncho máis nostálxico ca factible que me permite o poderoso home branco.

Por se albergaba algunha dúbida, acábanma de disipar. Vou polo coche o parabrisas do cal suxeita un papel rectangular. Tómoo pensando no anuncio dunha festa rachada e atopo unha mensaxe que forma tamén parte da historia: PUTO ROJO DE MIERDA. O gracioso confundiuse, ou se cadra o seu vasto intelecto non lle dá para metáforas. Acepta unha suxestión, na próxima mellor escribe: PIEL ROJA DE MIERDA. Por precisión sobre todo.

Xalundes

Xalundes é unha palabra das que imprime carácter a unha lingua. A nosa ten carácter, instinto de supervivencia. Xalundes, termo escasamente empregado, significa lugar indeterminado, espazo indefinido, sitio de coordenadas descoñecidas. Na orixe, todos procedemos de xalundes, incluso algunhas nacións, especialmente algúns personaxes sinistros. Sempre mo preguntei: de onde saíu Baltar, do Medievo ou de Xalundes? Seica Rueda do Casino de Pontevedra, Feijoo dunha carta certificada, Camps dun peto mal cosido, Esperanza Aguirre dunha traizón…

Dende que teño uso de razón galegofalante son seareiro de Xalundes. Participo nas convocatorias que calquera entidade abra sobre léxico galego para nelas incorporar Xalundes. No meu primeiro –e único, os outros foron novelas– libro de relatos, Cabilia, un titulábase Nos eidos do Xalundes. Este era un río que ninguén sabía onde nacía. A colaboración que durante catro anos mantiven con Vieiros, agora en estado de hibernación, identificábase co lema A cerna do xalundes. E así.

Isto vén a conto por mor da presentación do autoproclamado Grupo Surrealista Galego, o cal se identifica a través deste vocábulo por nós tan valorado, Xalundes. Na ligazón vai un vídeo que é unha mostra, entendo, unha declaración de intencións. Os nosos para-béns, os nosos para-mellores, os nosos para-sempre, forever, für immer, xalundes…