Archivos en la categoría Galicia diversa

O Poder da Colaboración

Somos pequenos e habemos competir en mercados grandes. Somos febles e habemos sobrevivir nun mundo moi duro. Somos poucos e habemos destacar entre enormes aglomeraciones. Somentes nos queda un camiño, o da UNIÓN, o da suma de recursos e capacidades, de sinerxias e de complementariedades. Quédanos a saída da COLABORACIÓN, entre nós e mais con que sexa conveniente.

A Economía galega necesita un xiro a prol de cooperación entre as súas empresas. Velaquí o meu artigo completo publicado no suplemento de Ideas de Economía digital: O poder da Colaboración.

 

Dous artigos sobre a marca Galicia

O desprezo da marca

Eroski mercou Vegalsa hai algúns anos. Diríase que se trataba dunha mala nova para a economía galega. Non tanto como a adquisición de R por parte de Euskaltel. Ou como a do Pastor polo Popular. Ou como a de Fenosa por Unión Madrileña décadas atrás. Calquera operación que signifique perda de postos de traballo e da capacidade de investimento e xestión. Mais en contra das perspectivas, Eroski trouxo algo que nós tendemos a desprezar: o respeto pola marca Galicia. Dende o principio, aumentou significativamente os provedores galegos, sinalou de xeito inequívoco aqueles artigos producidos ou empaquetados en Galicia e utilizou con forza o idioma galego. Gadis, aínda co capital en mans de empresarios do país, podería tomar nota.

Velaquí a ligazón ao artigo completo publicado en Economia digital.

Abrollos verdes

“Diferenciación, creatividade, calidade e distribución son os elementos da fórmula de éxito. Tamén o uso da lingua propia; a maioría utiliza o galego como idioma de comunicación. Saben que as linguas autóctonas supoñen un valor engadido para o consumidor do país e un carimbo de autenticidade ante o foráneo.” Iso mesmo di o artigo publicado en Galicia Confidencial (aquí a ligazón) falando da xeira de bos proxectos que se dan cita cada dúas semanas no Mercado ecolóxico da Praza de España da Coruña. Tal como anticipaba o título do artigo: abrollos verdes, que habelos, hainos.

 

 

Un par de artículos más

Quen ía a pensar que un artigo sobre eucaliptos tería a repercusión que conseguiu este: “Galicia, de paraíso natural a inmenso eucaliptal en unas pocas décadas“. Nada menos que 4.600 veces foi compartido. Espero que sexa o reflexo da preocupación existente sobre a proliferación, auténtica invasión, desta árbore alóctona sobre a paisaxe e o desenvolvemento rural de Galicia. Asimesmo espero que o artigo sirva para empurrar sequera un chisco na dirección correcta: a de reducir a presenza do eucalipto nestas terras.

E igualmente en Mundiario, una nueva colaboración con Donald Trump de sujeto principal. El artículo tiene dos partes: la primera, que cuestiona la legitimidad del nuevo presidente USA para tomar las decisiones que se le antojen; la segunda, la resistencia de una sociedad civil que se moviliza ante tanto despropósito. Aquí queda el vínculo al artículo: La sociedad civil reacciona ante los desmanes presidenciales de Donald Trump.

 

O textil galego en apuros

A empresa coruñesa de confección Caramelo atópase en proceso de liquidación. Antes tamén quebraran Antonio Pernas, a ferrolá Unicén, a ordense Viriato, a boirense Jealfer (que tenta agora renacer) ou as lalinenses Toypes e Montoto. Outras empresas galegas do sector téxtil estiveran a piques de pechar as portas, como Selmark ou Guerral, mentres que firmas tan acreditadas como Adolfo Domínguez, Kina Fernández, Roberto Verino ou Alba Conde viviron (e algunha segue a vivir) momentos extremadamente delicados. 

No artigo que vimos de publicar en Economía digital “Os restos do textil galego” preguntámonos: “Por que hai quince anos si e hoxe non? É que as marcas Inditex barren con todo? É que o modelo, se hai un identificable, peca de erros estratéxicos insalvables? É que as equivocacións tácticas e de xestión son contaxiosas? Cal é a razón da desfeita?”

Seica unha desas razóns son os custos de distribución que implica a creazón dunha rede de tendas de marca propia. Disque dispara o efecto imaxe e incrementa o cota do mercado. Mais de que serve se afoga as finanzas das empresas? Entón é cando un apela ao espírito da cooperación, que tende a aforrar custos ao tempo que potencia a implantación no mercado. Non sería posible unha alianza entre as máis senlleiras firmas galegas de moda para lanzar unha estratexia conxunta de comercialización? Sería tan disparatado crear unha rede de tendas multimarca onde se ofrecesen as roupas de, poñamos, Adolfo Domínguez, Alba Conde, Antonio Pernas, Bimba e Lola, Caramelo, Florentino, Kina Fernández, Roberto Verino e Viriato?

Velaquí queda a proposta, que a ninguén con capacidade de manobra chegará seguramente. E velaquí deixo de novo ligazón ao texto do artigo xa citado: “Os restos do textil galego“.

 

Un sector lácteo próspero

vacaEn Setembro pasado, redactei para a revista Galegos o artigo “Un sector lácteo próspero”. Ese habería ser o obxectivo, tan lonxano por falta de vontade e de pericia, a partes iguais, dos dirixentes galegos e españois que nada semellan querer saber do “asunto”.

Un dos últimos parágrafos do artigo dicía:

Habemos ser conscientes do valor do leite para tornar o rural galego nunha contorna próspera e sustentable de características propias que aborden un futuro de progreso a partir dunhas condicións únicas e unha tradición digna de ser honrada. Galicia necesita o leite para o seu desenvolvemento e o leite precisa do compromiso de Galicia para a súa prosperidade.

O resto en: Un sector lácteo próspero

 

 

O rural galego

Hai uns días publicamos en Galicia Confidencial o artigo A industria forestal cuxa lectura recomendamos, claro! Viña a conto dunha entrevista que lle facían ao presidente do Clúster Galego da Madeira quen afirmaba cousas tremendas coma “non se pode reducir o cultivo do eucalipto por debaixo das necesidades da industria” ou “a industria transformadora está baseada no que crece en Galicia”. No artigo fomos desmontando a peculiar teoría do presidente do Clúster, que sobre todo se nos antollou autodestrutiva.

Tiramos do exemplo de Finlandia para amosar con datos a virulencia dos seus erros. Dicimos no artigo:

“En Finlandia, caso paradigmático de éxito da industria forestal, un 97% das especies que se cultivan son autóctonas, e o eucalipto que necesitan impórtano de China.”

“Finlandia… cunha poboación que nin sequera duplica á galega, exporta 11.000 millóns de euros de derivados da madeira, e conta con 49 empresas de papel ou cartón, 16 de polpa ou celulosa, 36 serradoiros, 12 fábricas de chapa e 63 de mobles, as cales en conxunto dan traballo a 52.000 persoas.”

Detrás da nefasta política forestal do goberno galego, agóchase unha estratexia no rural que conduce o país cara á súa ruina e desertización. Levamos anos denunciando esta especie de condena dictada polo Partido Popular galego e propondo políticas alternativas. Deixamos unha relación non exhaustiva de artigos sobre este asunto tan extraordinariamente esencial para o noso futuro como país.

A industria forestal, en Galicia Confidencial. 5/7/2016

Fonte de riqueza segundo o PP, en Galicia Confidencial. 7/4/2016

Ence: política miseria, en Galicia Confidencial. 9/2/2016

A paisaxe en Europa, en Galicia Confidencial. 14/5/2014

Lumes e lumes, en Galicia Confidencial. 3/9/2013

Agro miniaturizado, en Economía digital. 3/2/2016

Este país é unha ruina, en Economía digital. 18/10/2015

Sen reaccion no rural galego, en Economía digital. 28/11/2014

O rural, a solución: quen o ía dicir, en Vieiros. 11/5/2009

SOS rural galego, en Vieiros. 7/12/2007

Sen cambios na paisaxe, en Vieiros. 18/4/2007

Un sector lácteo próspero, en Galegos. Setembro 2015

Rajoy, Feijóo, Ana Pontón

Son os últimos tres artigos publicados en medios, os tres da semana pasada, dous en galego, un en castelán. Velaí van:

El Partido Popular no debería presumir de cifras de empleo en esta campaña

Claro, es que hablan de que han creado empleo y disminuido el paro pero basta rascar un poquito en las cifras para ver que tan solo han ralentizado la creación de nuevos puestos de trabajo y se han encargado de distribuir en precario y entre más personas lo que antes eran posiciones dignas y estables.

O emprego con Feijóo

A situación do emprego en España presenta un aspecto triste e descorazonador. Pero en Galicia a cousa está aínda máis fea. En Galicia, os mozos que chegan ao mercado laboral teñen a emigración como primeira opción.

O reto de Ana Pontón

“O BNG segue a constituír un instrumento necesario para a formación dunha Galicia próspera e orgullosa, esa que hoxe en día semella unha utopía. Ana Pontón ten a responsabilidade de provocar o xiro na progresión autodestrutiva da organización. Deséxote visión, pericia e sorte.” Así remata este artigo; o final permite intuir seguramente o resto do seu contido.

ENCE e o eucalipto maldito

É sabido que o goberno en funcións do Partido Popular prorrogou outros 60 anos a concesión a ENCE na ría de Pontevedra. A decisión, que supón unhas implicacións transcendentais para o desenvolvemento do rural galego, tómase por un goberno en funcións que ten as súas competencias limitadas e que recorre a unha artimaña administrativa para adoptala.

O eucalipto provoca a perda de nutrientes do solo e, xa que logo, a diminución da súa fertilidade. Propicia ademais a mineralización da materia orgánica; altos niveis de erosión sobre todo as plantacións en pendente; redución da dispoñibilidade de auga; abrupta limitación da biodiversidade; elevada vulnerabilidade ao lume; radical deterioro da paisaxe e, como agravante dos factores anteriores, un carácter invasor que potencia a súa expansión incontrolada.

De todo isto e con certo detalle falamos no artigo desta ligazón publicado en Galicia Confidencial: Ence, política miseria

O efecto da invasión do eucalipto é un factor máis da política (ou anti-política) implantada nas últimas décadas no rural galego polos gobernos do Partido Popular, concretamente ao consonte dos seus sectores agrario e forestal. A consecuencia, que atinxe tamén ao agroalimentario, é unha estrutura caduca e miniaturizada destes sectores básicos para a economía galega. Algúns datos ao respecto pódense comprobar no artigo seguinte publicado en Economía digital: Agro miniaturizado

A invasión do eucalipto so provoca o deterioro nefasto da paisaxe e a miseria para o agro galego. Resulta imprescindible unha nova política de desenvolvemento do rural que potencie os cultivos autóctonos, optimice a estrutura das instalacións e propicie as sinerxias co sector industrial galego. Esa sería unha fórmula de progreso e futuro fronte á mesquiña solución ENCE + eucalipto que nada máis beneficia a uns poucos a costa da prosperidade de todo un país.

@pallarego

Últimos artículos / artigos

Las dobles lecturas de la economía

En Mundiario, publicado el 8 de enero. Va sobre las perspectivas de la economía mundial para 2016 tras la primera semana de fuertes turbulencias en las bolsas arrastradas por la debacle de Shanghai. Particularmente, no me parece representativo de lo que puede deparar la economía real en los próximos meses.

Una nueva política monetaria en Estados Unidos

También en Mundiario, publicado el 19 de diciembre pasado. A colación de la subida del tipo de interés de referencia por parte de la Reserva Federal tras años de política monetaria expansiva. Se temía la decisión aunque estaba más que descontada.

El margen de maniobra de los partidos

El 4 de diciembre, antes de las elecciones generales, en Mundiario, publicaba este artículo analizando las consecuencias que para la economía española tendría la aplicación de la política económica que implantase el partido o partidos que llegasen al gobierno.

Galicia sen industria

En Economía digital, o 28 de novembro. Facíamonos eco da agonía da Fábrica de Armas na Coruña, un caso que representaba o último exemplo da terrible crise industrial que padece a economía galega.

Feijóo 2016

En Galicia confidencial, en véspera da festividade dos Magos. Procuramos adiviñar as cuitas mentais nas que debe andar enleado Núñez Feijoo ao ver que os seus méritos acumulados no “goberno” de Galicia non lle van servir para auparse á presidencia do goberno español. Meu pobre!

 

Tempo Novo

Marea AtlánticaChegou o momento de reabrir A trenza. Estaba case decidido dende hai unhas semanas pero o de onte supuxo o empurrón que seica faltaba. Benvid@ a quen queira acompañar a segunda andaina deste blog que principia co artigo que hoxe publico en Galicia Confidencial baixo o título: Romper as cadeas do pasado. Entre todos.

Romper as cadeas do pasado

Alén das consecuencias inmediatas que propician os resultados das eleccións municipais en Galicia, enxérgase un efecto alborada de longo alcance.

Quen asista ao rito do botafumeiro na Catedral de Santiago, escoitará durante o voo do incensario unha sorte de cántico desafinado con letra nacionalcatólica que o transportará ao máis rancio daqueles tempos de sotana e tricornio. Se sobe despois aos tellados do colosal edificio, oirá o relato dunha guía que, fiel seguidora da historiografía oficial española, falará do “reino astur-leonés” e dos reis asturianos negando por omisión a existencia do Reino de Galicia (ou de Galicia e León) que era o vixente naqueles séculos.

Transcorreron corenta anos da morte do infausto xeneral nado en Ferrol mais semella que o seu legado aínda ten presenza, e non so nas instalacións clericais. O Parlamento e moitos dos concellos galegos aplican decote unha política ancorada na formulación xacobina do Estado e na posición sometida de Galicia, carente dunha conciencia propia e asimiladora dos designios impostos dende Madrid. É esta unha versión actualizada, se cadra amable, daquela concepción do vello réxime que perdura hoxe en día no exercicio dos gobernos liderados polo Partido Popular.

O País coñeceu múltiples proxectos de rexeneración, o piñeirismo e o intento de consolidación galeguista nos primeiros anos de democracia; o lapso do tripartito a finais dos 80; a agrupación das distintas correntes nacionalistas no BNG; o triunfo da alternativa de esquerdas nas eleccións de 2005. Mais todas as experiencias foron varridas por unha dereita que conta en Galicia cunha maquinaria poderosa e o apoio, ata agora impagable, dos medios de comunicación.

Dúas realidades irreconciliables, dúas faces dunha Galicia que semella partida en dous. Por unha banda, os que pretenden que nada mude nunca, que dispoñan os clans de sempre; os amigos da trapallada e a escuridade; os submisos antes as ordes chegadas da Meseta; os amantes da uniformidade; os usurpadores da cultura e idioma propios; os alentadores da emigración; os señores do eucalipto e a construción salvaxe; a besta que medra chuchando a enerxía da propia terra. Eses por unha banda.

Pola outra, temos quen non cala e demanda; quen amosa o orgullo dunha historia e dunha tradición; quen reivindica a vixencia dos valores endóxenos; quen confía nas propias capacidades para encarar un futuro de progreso; quen alenta a creatividade e a experimentación; quen fala e defende a lingua de noso; quen chama pola unión dos espíritos libres para empezar a reconstruír un País novo sen a renuncia das súas raíces.

Na disputa entre as dúas realidades, adoita prevalecer a primeira. Porque conforman un aparello rochoso que se retroalimenta. E tamén porque en fronte atoparon correntes non sempre converxentes, ou iniciativas esporádicas e temporais, ou alianzas que axiña se rompen: propostas, en síntese, que non callan.

As Mareas, na súa distinta configuración, toman a remuda en Concellos transcendentes ao tempo que marcan o camiño da unidade. Agora toca repasar as anteriores experiencias frustradas e demostrar que o amor ó País é o auténtico argumento da súa acción. Bos e xenerosos por unha Marea galega que sinale o comezo dos tempos novos. Iso ou a definitiva ancoraxe do presente no sinistro pasado.