Coleccionismo e educación

Versión en castellano

Durante anos mantiven e fixen medrar unha colección de moedas. Ben arquivadas en catros álbumes similares por fóra os das fotografías, convivían pezas antigas e novas, españolas e estranxeiras, de certo valor e sin valor ningún. Ata que un día decateime de que seguir acumulando moedas carecía de sentido. Pouco a pouco foi diminuindo a emoción que implicaba recibir ou mercar unha peza, observala tal que diamante durante un par de minutos e gardala naquelas fundas transparentes por ámbalas dúas caras. Coincidiu co tempo no que deixei de xogar ao monopoly, ao parchís ou ao tres en raia; co tempo no que deixei de xogar. E decateime de que para min coleccionar aqueles centos de moedas non pasara de ser unha especie de xogo.

O Museo do Prado inaugurou o pasado 4 de Abril a exposición “Tesoros de la Hispanic Society of America“, unha mostra da colección de arte español máis importante fóra de España. A Hispanic Society of America está formada polas pezas que dun xeito planificado xuntou o hispanista Archer Milton Huntington durante a primeira metade do século XX. A colección completa ocupa o edificio que este home construiu para a ocasión en Nova York, o cal foi inaugurado en 1908. En 50 anos, Huntington reuniu 18.000 obras de arte e 250.000 manuscritos. Alén da desmesura do proxecto, a súa obra merece o cualificativo de extraordinaria pola súa intención última: reivindicar a Historia, os valores e tradicións españolas no país que viña de tornarse a primeira potencia mundial.

E exposición do Prado pareceume marabillosa. Coido que ilustra con precisión a misión existencial que o rico filántropo se impuxo. Inclúe en particular varias series insólitas: unha, cos retratos dos intelectuais españois máis valorados por Huntington, a maioría pintados por Sorolla; outra, con óleos de escenas típicas extraídas de distintos lugares da Península; unha terceira, que inclúen cadros dos máis insignes pintores españoles, e por último, inda que en realidade é a máis completa e significativa, a serie de pezas ordenadas cronoloxicamente dispostas co obxectivo de ilustrar unha sorte de relato da Historia e Cultura españolas.

A certa distancia do Paseo del Prado, no extremo alto da rúa Serrano, atopamos o Museo Lázaro Galdiano. Lázaro Galdiano conseguiu fortuna mediante a súa ocupación como banqueiro e marchante de arte, así como principalmente por matrimonio. Dedicou boa parte de súa vida á loable función de educar e ilustrar á sociedade do seu tempo, o que tal fixo a través dun desinteresado labor editorial, científico e ensaístico, e da súa monumental e variada colección de arte. Lázaro foise movendo en función das traxedias que acontecían ao seu redor e así chegou a constituir, en realidade, tres coleccións: unha en Madrid ata 1936, a segunda en París entre o 36 e o 39, e a última en Nova York ata 1944. No Museo reúnense as tres coleccións co cal se configura unha exposición que chega a sobrecoller pola súa riqueza e profusión, con algunhas pezas dun valor extraordinario como, por exemplo, os distintos óleos de Goya. En total son preto de 13.000 pezas que se distribúen entre pintura, escultura, cerámica, xoiería, armería, moblería, numismática, marfiles, etc. O visitante corre o risco de emborrachar as súas neuronas con tal exhibición de beleza, enxeño e rigor coleccionista.

Archer Milton Huntington e José Lázaro Galdiano coinciden no seu propósito educador. O Marqués de Cerralbo semella ter seguido unha intención antes de ostentación que ilustradora. Tamén apaixonado coleccionista, este político e arqueólogo xuntou un magnífico conxunto de antiguedades e obras de arte que deixou convenientemente disposto no palacete no que residiu no centro de Madrid, preto da Praza de Oriente. O visitante recibe, dende a mesma entrada, o impacto mixto de circular por unha vivenda intacta do século XIX ao tempo que pode admirar valiosas obras de pintura, escultura, fotografía, medallas, reloxos (curiosa colección de reloxos misteriosos), e todo tipo de peza, sempre silandeira, que puidese engalanar unha residencia aristocrática daqueles tempos.

Os tres exemplos traídos a este post coinciden non so no frenético desexo pola acumulación de pezas fermosas de arte senón pola compartida intención dos seus promotores de transmitir coñecemento a través do seu afán coleccionista.

1 Comentario

  1. A trenza » Coleccionismo y educación dijo

    27 de Abril del 2017 a las 6:12 p.m.

    […] Versión en galego […]

Comentarios RSS