O textil galego en apuros

A empresa coruñesa de confección Caramelo atópase en proceso de liquidación. Antes tamén quebraran Antonio Pernas, a ferrolá Unicén, a ordense Viriato, a boirense Jealfer (que tenta agora renacer) ou as lalinenses Toypes e Montoto. Outras empresas galegas do sector téxtil estiveran a piques de pechar as portas, como Selmark ou Guerral, mentres que firmas tan acreditadas como Adolfo Domínguez, Kina Fernández, Roberto Verino ou Alba Conde viviron (e algunha segue a vivir) momentos extremadamente delicados. 

No artigo que vimos de publicar en Economía digital “Os restos do textil galego” preguntámonos: “Por que hai quince anos si e hoxe non? É que as marcas Inditex barren con todo? É que o modelo, se hai un identificable, peca de erros estratéxicos insalvables? É que as equivocacións tácticas e de xestión son contaxiosas? Cal é a razón da desfeita?”

Seica unha desas razóns son os custos de distribución que implica a creazón dunha rede de tendas de marca propia. Disque dispara o efecto imaxe e incrementa o cota do mercado. Mais de que serve se afoga as finanzas das empresas? Entón é cando un apela ao espírito da cooperación, que tende a aforrar custos ao tempo que potencia a implantación no mercado. Non sería posible unha alianza entre as máis senlleiras firmas galegas de moda para lanzar unha estratexia conxunta de comercialización? Sería tan disparatado crear unha rede de tendas multimarca onde se ofrecesen as roupas de, poñamos, Adolfo Domínguez, Alba Conde, Antonio Pernas, Bimba e Lola, Caramelo, Florentino, Kina Fernández, Roberto Verino e Viriato?

Velaquí queda a proposta, que a ninguén con capacidade de manobra chegará seguramente. E velaquí deixo de novo ligazón ao texto do artigo xa citado: “Os restos do textil galego“.

 

Los comentarios han sido cerrados para esta nota