80 anos daquel 18 de xullo

Estivo un día solleiro coa única gralla do desaxuste térmico, demasiado calor en terra, demasiado fría a auga. Un luns que mesmo semellaba fin de semana. Aqueloutro 18 de xullo si era sábado, seguramente tamén caloroso. Hoxe cúmprense 80 anos do chamado “Alzamiento Nacional”. Hai que ter mala idea, daren un golpe de Estado en pleno verán. E non poderían ter esperado o outono? Estes golpistas é que non as pensan. E por riba sáelles unha chambonada do carallo consecuencia da cal nada menos que tres anos de contenda fraticida. Xa o dixera o estadista británico, sangue, suor e bágoas. Cando menos no outono aforrarían boa parte do suor…

Meu pai tiña dez anos daquela. Contoume como viu o grande acontecemento da guerra en Cobas e Viveiro. Por aquelas datas, seu pai, o meu avó, finou por mor dunha doenza pulmonar. Cada vez que lembraba o pasamento, rompíaselle a voz e os ollos enchíanselle de bágoas. Como recoñecemento cara a aquel avó que non coñecín, contei eses episodios na miña novela Pallarega, que en realidade foi escrita como unha reinterpretación da vida de meu pai. Aínda que se trata maiormente de ficción, simula tan real que a súa publicación me causou a inimizade dunha parte da familia. Xa di Jorge Edwards que “o inimigo do novelista é a familia”.

Meu pai morreu o 9 de Xaneiro de 2008 após unha xeira encadeada de fallos médicos. Cada vez que o recordo, rómpeseme a voz e os ollos énchenseme de bágoas…

Los comentarios han sido cerrados para esta nota