Buenos Aires: crónica dunha Feira

Feria Buenos Aires

Pincha aquí si prefieres leer la versión en castellano

Se un quere experimentar a sensación de deixar algo atrás, que cruce o Atlántico en avión…

De Coruña a Bos Aires vía Londres, ruta contraditoria que demostra a mal resolta relación entre tarifas aéreas e distancia. En calquera caso, gañámoslle cinco horas á vida, que habiamos devolver no traxecto de volta, mellor non darmos conta delas. Na nosa mente estaba sobre todo a Feira do Libro, que prometía emocións fortes, e a presentación de El Danubio no pasa por Buenos Aires prevista para o día seguinte.

Pasamos a xornada revisitando a 9 de Julio, Corrientes, Pellegrini, a Praza de Mayo, Puerto Madero. Transcorreran oito anos dende a visita anterior e asaltounos a impresión do malpaso do tempo, de certa evolución da cidade cara ao abandono. Non poderiamos certificalo, son coñecidas as falcatruadas que adoita xogar a memoria. Unha grande manifestación mantiña a capital bloqueada. Protestaban contra as medidas correctoras de Macri. Algúns berran: “Vamos a volver” e amosan a faciana da Kirchner serigrafiada nunha tea branca. A UPCN, o sindicato peronista, amosa urxencia por recuperar o poder, hai quen afirma que a situación non se sostén nin seis meses. Pero un le, escoita, observa, e conclúe que Arxentina necesita repensar o seu pasado e darlle unha oportunidade ao seu futuro…

Por fin conseguimos pesos. Durante unhas horas, sospeitamos dunha orde secreta para boicotearen os nosos euros. Tras un longo e intricado procedemento, recibimos billetes de cen coa cara de Evita Perón, mito, símbolo e contradición. De novo esa sensación, o país chuchado polos seus dirixentes, o pobo como escusa e os vampiros sobrevoando a Casa Rosada. Cóntannos casos de corrupción tamén co novo goberno pero 24 horas son abondas para decatarnos de que Arxentina alcanzara un punto de non retorno o cal esixía un cambio radical de dirección.

Tomamos un taxi, logro principal do día. Dá voltas e reviravoltas tentando sortear os spin-offs da manifestación ata conseguir o seu obxectivo, que en realidade é o noso: as instalacións da Rural. Neste centro de expiación do agro reconvertido, celébrase a Feira Internacional do Libro de Buenos Aires. Son as seis da tarde e atopamos o inmenso recinto ateigado de xente. Buscamos directamente o pavillón amarelo e, dentro del, o stand da Xunta de Galicia. Embárganos a decepción, o ánimo encollido a medida que nos internamos. Hai librarías cunha instalación máis vistosa e mellor emprazada. Diríase que Santiago de Compostela, cidade convidada, a penas esperta interese. Pronto confirmamos que boa parte da responsabilidade recae na discreta organización; non da Feira, obviamente, senón do stand. Un escritor galego coméntanos: “parece que vimos pedindo perdón”.

Bos Aires 2.16Non faremos sangue pero trátase dunha grande oportunidade perdida. Comprobámolo ese día, venres 29, e tamén despois, o sábado e mailo domingo. Algún autor da terra atopouse con media ducia de persoas e o resto, cadeiras baleiras. Algunhas autoras, en parella, ante unha ducia de asistentes contándonos a nós. Do naufraxio habemos salvar a Mariela e Gisela, que amosaron un encomiable entusiasmo e un compromiso a proba de bombas na difusión das actividades do stand. Grazas a elas, auténticas embaixadoras de Galicia na capital arxentina, pola súa inestimable contribución.

De volta no hotel, case medianoite, e aparece o noso grande amigo chileno Carlos Plass, que tomou  un avión urxente dende Santiago de Chile para asistir á presentación de mañá. Chega cun dobre agasallo imprevisto: dúas novelas dedicadas pola escritora Carla Guelfenbein. Resistímonos a deitarnos ata non ter actualizado cada recuncho das nosas vidas. Ben adornada, a súa daría para novela tamén. Sábado xa e o almorzo prolóngase ata case a hora de comer. Decidimos camiñar e continuar falando, máis ou menos na dirección da Feira. A presentación será ás 19.00 horas pero queremos chegar con folgura. Non sei como demo fixemos que faltan dez minutos nada máis e fronte a nós toneladas de xente imposibilítannos o avance. Mesmo sumidos naquela agonía pola demora inxustificada, decidimos tirar unhas fotos, tal imaxe non se podía perder. Hordas de persoas acudiran á chamada da literatura, a cousa évos para emocionar, pero nós naquel momento maldicíamos o extraordinario nivel de resposta.

Coma sempre, o tempo fai gala da súa condición de relativo. Aínda dispuxemos duns instantes para acougar, saudar a Mariela e Gisela, e intercambiar puntos de vista previos con Xavier Alcalá. El presentou o acto coa súa mestría habitual e eu larguei emocionado a miña exposición prevista (que aquí deixo por se a queredes consultar). Iniciamos con media entrada e rematamos rozando o cheo. Un par de intervencións do público, unha sobre o personaxe –aquel mozo que quería ser arxentino–, outra sobre fonética comparada; ábrese un movido debate que a todos nos congratula, esa é a miña impresión; algúns exemplares asinados, algunhas fotos, e asunto pechado. Nótome ao cabo un chisco desinchado, xusto o contrario doutras ocasións.

Bos Aires 1.16O domingo á mañá, nova Feira, ou Mercado, o de artesanía e antigüidades de San Telmo. Artesanía = Cultura, lemos nun cartel e non poderiamos concordar en maior medida. Pola tarde regresamos á FILBBAA, Alcalá presenta a súa novela Al sur del mundo, Alén da desventura no orixinal en galego. Confirmamos as impresións das anteriores xornadas, a Feira resulta un evento sobre todo de lectores, con xentes nun completo intervalo de idade levando libros mesmo en carretillas. Trala presentación, tomámoslle algo e rematamos con apertas fondas e sentidas, felices de ter compartido esta inesquecible fin de semana en Buenos Aires, capital da Arxentina. Ao día seguinte tirábamos para Córdoba.

1 Comentario

  1. A trenza » Buenos Aires: crónica de una Feria dijo

    18 de Maio del 2016 a las 9:20 p.m.

    […] Preme aquí se prefires a versión en galego […]

Comentarios RSS