ENCE e o eucalipto maldito

É sabido que o goberno en funcións do Partido Popular prorrogou outros 60 anos a concesión a ENCE na ría de Pontevedra. A decisión, que supón unhas implicacións transcendentais para o desenvolvemento do rural galego, tómase por un goberno en funcións que ten as súas competencias limitadas e que recorre a unha artimaña administrativa para adoptala.

O eucalipto provoca a perda de nutrientes do solo e, xa que logo, a diminución da súa fertilidade. Propicia ademais a mineralización da materia orgánica; altos niveis de erosión sobre todo as plantacións en pendente; redución da dispoñibilidade de auga; abrupta limitación da biodiversidade; elevada vulnerabilidade ao lume; radical deterioro da paisaxe e, como agravante dos factores anteriores, un carácter invasor que potencia a súa expansión incontrolada.

De todo isto e con certo detalle falamos no artigo desta ligazón publicado en Galicia Confidencial: Ence, política miseria

O efecto da invasión do eucalipto é un factor máis da política (ou anti-política) implantada nas últimas décadas no rural galego polos gobernos do Partido Popular, concretamente ao consonte dos seus sectores agrario e forestal. A consecuencia, que atinxe tamén ao agroalimentario, é unha estrutura caduca e miniaturizada destes sectores básicos para a economía galega. Algúns datos ao respecto pódense comprobar no artigo seguinte publicado en Economía digital: Agro miniaturizado

A invasión do eucalipto so provoca o deterioro nefasto da paisaxe e a miseria para o agro galego. Resulta imprescindible unha nova política de desenvolvemento do rural que potencie os cultivos autóctonos, optimice a estrutura das instalacións e propicie as sinerxias co sector industrial galego. Esa sería unha fórmula de progreso e futuro fronte á mesquiña solución ENCE + eucalipto que nada máis beneficia a uns poucos a costa da prosperidade de todo un país.

@pallarego

Los comentarios han sido cerrados para esta nota