Cuba na literatura galega

Sobre Cuba en FerrolEntre os días 13 e 15 de novembro, celebrouse no senlleiro Ateneo Ferrolán o Congreso Ferrol-Cuba-Galiza: Historias Comúns. Na derradeira sesión, tiven a honra de compartir mesa redonda con Xavier Alcalá para falarmos sobre a presenza de Cuba na literatura galega. A nosa conclusión foi común: a presenza é minúscula se a comparamos co material inxente que pon á nosa disposición o moito acontecido.

Eu mencionei repetidamente Gallego, a novela de Miguel Barnet e propuxen que, non sendo galega senón cubana, a adoptásemos para o noso sistema literario. Barnet, etnógrafo e home fundamental da cultura cubana, escribiu o mellor relato sobre o paso dos galegos na Illa caribeña. Mencionei tamén Pallarega, claro! A miña novela percorre o ciclo completo do emigrante: aldea (Pallarega), tempo de transición (Morgade, Madrid), travesía (no Marqués de Comillas), anos no lonxe (La Habana) e regreso (A Coruña). Pallarega fai un retrato dun caso concreto que desbota a melancolía e a miseria para celebrar a loita por unha existencia pletórica allea no posible ás condicións da contorna.

libros_2500A presenza de galegos en Cuba remóntase á propia fundación de La Habana. Durante séculos, os galegos fomos utilizados para poboar a terra colonizada sendo tratados en demasiadas ocasións como escravos. Así o confirma o ensaio Galegos da Habana elaborado por Ángela Oramas e publicado por Sotelo Blanco en 2005. Contra o final do século XIX, empeza a formarse unha conciencia de galeguidade que non fará máis que medrar ata a Revolución castrista. 1880 é un ano importante: edítase en La Habana o Follas Novas de Rosalía (“Galicia está probe i á Habana me vou, ¡Adeus, adeus prendas do meu corazón!”).

Deste tempo habemos citar a Ramón Armada Teixeiro, fundador con Lugrís Freire de A Gaita Gallega, primeira publicación da emigración en galego. Armada escribiu a obra de teatro Non máis emigración recollendo parte da realidade dos galegos no século XIX, a cal constituíu a primeira obra en galego representada fóra de Galicia. Deixounos tamén o poemario Caldo de Grelos no que esmiuzou esa particular ligazón entre Cuba e Galicia.

Durante as primeiras décadas do século XX, a presenza galega, aínda ben precaria, aumenta notablemente. Calcúlase que son arredor de 200.000 os galegos chegados durante ese tempo á Illa. A revista Galicia que se edita en La Habana (son máis de 60 as publicacións que chega a crear a colectividade galega) afirma en 1915: “Por onde queira que un viaxa sempre atopa un galego. Hainos traballando no campo, na fábrica, no taller, na oficina, na cátedra, na bodega… hainos en todas partes”.

Sobre esta etapa, haberemos mencionar a novela póstuma A nova vida de Lois Tobío que localiza a súa historia en torno ao final dos anos 30. Habemos subliñar, por suposto, a Ramón Cabanillas, o poeta da raza, que na Habana publica No desterro (1913); a Antón Vilar Ponte que crea a obra de teatro Almas mortas (1922); ou a Xosé Francisco Lesta Meis que publica a novela Estebo (1927). Inda que sexa narrativa en castelán, débese citar igualmente a novela La Gallega (1927) do polémico periodista e escritor cubano Jesús Masdeu, que relata a malfadada experiencia dunha emigrada a principios do século.

Os anos 40-50 supoñen o desenvolvemento de Cuba, ou máis ben de La Habana, da man dos clans ianquis que converten a capital caribeña nunha sorte de casino e cabaret, cando non de prostíbulo. Nesta etapa encádrase Pallarega e a maior parte da obra de Neira Vilas, máis crónica ca novela, entre a que cómpre subliñar os tres tomos de Memoria da Emigración. Cun carácter máis atemporal debemos incluir nesta selección de obras da literatura galega con Cuba de argumento, o Habana flash de Xavier Alcalá mentres que en Verde oliva o mesmo autor describe a aventura dunha galega que se quixo integrar no exército rebelde.

Mesmo admitindo a posibilidade de ter esquecido algún título que trate a relación entre cubanía e galeguidade, coido que a obra existente nada ten que ver coa realidade acumulada. Miles e miles de galegos construíron as súas vidas nesta illa do Caribe. Uns 200 loitaron a prol da independencia de Cuba; houbo galegos no asalto ao cuartel Moncada, na Serra Maestra onde algúns perderon a vida; houbo os que entraron con Fidel en Santiago de Cuba e con Cienfuegos e o Ché Guevara en La Habana; ademais dos irmáns Castro, outros cabecillas da Revolución eran fillos de galegos, como Frank Pais ou Manuel Piñeiro, o comandante Barbarroja a quen Fidel chamaba El Gallego. En fin, moito a contar que a literatura galega, polo momento, prefire sen embargo ignorar.

 

 

 

 

Los comentarios han sido cerrados para esta nota