Consellos para un turista en Berlín

Por razóns que non veñen a conto, nos últimos tres anos visitei Berlín ata dez veces. Por moito que me resistira, a cidade gozou de demasiadas oportunidades para deixar pegada. Así que, aínda non sabendo se o sentimento caeu do lado do amor ou na banda do rencor, un foise afacendo a ruar polos seus distintos barrios e mesmo apreciar os seus, múltiples, hai que dicilo, highlights.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Berlín non é unha desas cidades que llelo poñan fácil aos turistas así que unha microguía elaborada por un tipo experimentado pode servos útil. Estas son as miñas recomendacións:

O primeiro a facer sería o chamado free tour. Sae da Porta de Brandenburgo e achega unha idea perfecta da cidade; os guías en castelán son moi bos. Convén reservar por Internet. A visita faise a pé, son como dúas horas a un ritmo tranquilo. Pásase por sitios emblemáticos como o memorial xudeu do holocausto, o Checkpoint Charlie ou Gendanmenmarkt, a praza das dúas catedrais onde tivo lugar a queima de libros dos nazis, por exemplo.

Visita os dous tramos de Muro que quedan en pé, moi distintos. Un, a chamada East Side Gallery, onde uns 200 artistas internacionais fixeron grafittis alegóricos da guerra. E o outro tramo, en Bernauerstrasse, que dá unha mellor idea do que foi aquilo. Sobe á torre, leva un minuto e completas a visión. O museo do Checkpoint Charlie amosa unha chea de intentos de salto do muro, tamén interesante.

Tirando para o oeste da Porta, Tiergarden, ao final do cal está a embaixada española e o Wansee, un lago urbano. Tamén hai un zoo no parque. Xusto a carón do lago, hai un restaurante onde paga a pena xantar un día.

Tirando para o leste, a gran avenida de Berlín, Under der Linden, desgrazadamente en obras.

A Illa dos museos, lindeira con Under der Linden e rodeada polo río Spree, é a parte máis monumental da cidade. Hai que ver cando menos o Pérgamo, que paga a pena, e no Neues Museum está Nefertiti, moi bonitiña. O resto deste, arqueoloxía exipcia. Os outros, para especialistas.

Non lonxe da illa, tedes a “cidade vella” de Berlín, pequena (o que se salvou dos bombardeos) pero feitiña, en torno á Igrexa de San Nicolás, de ladrillo vermello.

Para visitar o Reichstag, que está ao lado da Porta de Brandenburgo, convén reservar por Internet, aquí mismo.

Na Postdammer Platz, un fito do urbanismo contemporáneo, convén subir ata a taquilla dos cines e baixar polas escaleiras eléctricas pois desde elas vedes a perspectiva impresionante de cúpula. Mellor de noite.

Debes ir a Hackescher Market, unha zona comercial e con moita actividade. Visita o Hackescher Hoffe, os patios típicos da construción berlinesa, neste caso con arte e historia incorporados. Agradable para comer. Moi preto, tedes outra pequena galería ou calexa onde hai uns cines e veredes locais típicos da bohemia berlinesa; referencia: Dead Chickens.

Os búnkeres son outra visita de interese. A maioría son subterráneos, aquí mesmo o link. Hai un de superficie impresionante, agora convertido en galería de arte contemporáneo, a chamada Boros Collection. Coido que paga a pena tamén. De novo, convén reservar por Internet.

No barrio xudeu, a sinagoga é un edificio interesante, a fachada. Case en fronte, tes o que quedou dun gran edificio okupa que acaban de desaloxar hai uns meses.

E non me perdería Postdam dende logo. Chégase en metro. É unha vila típica centroeuropea do tempo das monarquías do XVIII. O palacio de Sanssouci ben vale unha parada.

Se queda tempo, Spandau, nas aforas, o palacio de Charlotembourg, o aeroporto de Tempelhof ou a Fundación Helmut Newton son outras opcións.

Deixa para o final Alexander Platz, unha das máis feas prazas do mundo, pero mítica, claro. Sobe o último día á torre de comunicación, servirache para repasar o plano de Berlín e todo o que viches.

Ata aquí. De nada.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota