Por que nace unha novela

Estou preparando a presentación de Pallarega para esta tarde en Santiago (por se queres achegarte: Libraría Couceiro, 20.00 horas) e andei a pensar na razón pola que naceu a novela. Se cadra ten o seu interese. Isto é o que levo escrito: 

Coido que como a maioría nacen da observación da realidade. Neste caso, a realidade é a dunha xeración admirable, a nacida entre os anos 20 e 40, que houberon medrar e, por tanto, formarse nunha contorna mutilante e dogmática, unha contorna dirixida a crear seres submisos e babecos, ignorantes e parviolos, incapaces de decidir por si mesmos e de explotar calquera sinal de talento que agochasen no seu interior. Iso fan as ditaduras ao cabo. Lembrade os ollos dos cidadáns da Europa do Este antes da caída do Muro. Pois ben, esa xeración en Galicia, posiblemente outrosí noutras partes de España, demostrou unha valentía, unha capacidade de loita e resistencia, unha habilidade para o emprendemento, unha flexibilidade, unha iniciativa e un talento, que xa lles gustaría ás xeracións que a seguiron. Esta é a razón última da existencia de Pallarega, coido eu.

E xa que logo, Pallarega pode ser tamén un canto á saudade. Quizais sexa este un sentimento en decadencia pero, se o pensamos ben, calquera novela é un exercicio de saudade. E neste caso, ese sentimento tanxibilízase ata chegar a formar parte esencial do transcurso da historia. Pero ollo que non estamos a falar dunha saudade en absoluto melancólica senón máis ben analítica e incluso activa a partir da cal o protagonista tira conclusións de cara ao futuro. Pallarega sería, dalgún xeito, a posta en valor da saudade. Talvez sexa este o segundo elemento motriz da novela.

E posiblemente haxa un terceiro factor primixenio cal é a relatividade das conxunturas. Pallarega desenvólvese entre os anos 1934 e 1959, aproximadamente, un cuarto de século do máis convulso e do máis ateigado de riscos e incerteza. Nese ambiente, os protagonistas son capaces de sobrevivir sen queixa, nin sensación de traxedia (agás os anos fatídicos da contenda civil, naturalmente), sen impresión de ter sido desfavorecidos pola Historia. Inda que poida soar demagóxico, a novela proxecta unha diferenza notable respecto do tempo actual: daquela non se coñecían os conceptos de competencia ou rivalidade e si os de colaboración e fraternidade. Con tódolos matices que queirades pero eu créoo así.

Por todo isto nace Pallarega, posiblemente, ou quizais por outros motivos totalmente distintos. En realidade, un nunca sabe como xurde unha historia. Un día ten unha idea, fai un esquema, busca algo de información, tenta escribir uns borranchos sobre un papel, míraos a ver se adquiren movemento, se deles se pode extraer un relato fascinante, e ao día seguinte se sorprende absolutamente obsesionado por ese relato que nada máis son unhas febles liñas descontinuas. 

 

Los comentarios han sido cerrados para esta nota