Un defensor contra o defensor

Soa a broma, desas pesadas que che fan golsar no canto de rir. Mais temo que non o sexa. Cando estes se poñen de acordo, arrasan co que lles sae ó paso. Mesmo coa democracia, o poder do pobo. Lembraredes as dúas veces últimas: nunha, executaron o sector das Caixas; na outra, modificaron ó seu antollo a Lei de leis, a que se supón unha garantía de convivencia. É o vicio do bipartidismo, nós facemos o guiso ó noso gusto e a seguir, papámolo. E alá foron as Caixas, a Constitución e agora ata o “noso” Defensor. Porque eles non son pobo e dispoñen doutros recursos, tanto lles ten quen nos defenda a nós. Pero isto… isto é demasiado. 

Pregúntome como lles atacaría para que o propoñan defensor. Ou se lles prometería unha recualificación, ou a participación nun centro comercial, ou a pavimentación do seu camiño á casa, ou a concesión dunha minicentral térmica. Talvez, xuroulles conseguir unha bula papal, incluso unha reportaxe no máis importante xornal. Iso ou gomina gratis durante un ano enteiro. Pregúntome o que lles deberán aqueles, se cadra mesmo un goberno autonómico, e por que o aceptan estes, se tanto temen a súa perfidia.

Ben, que lles quede claro: eu escollo un defensor de oficio. Porque este… este xa sabemos a quen vai defender. 


Los comentarios han sido cerrados para esta nota