Pallarega

Febreiro 27, 2012 · Posted in literatura galega 

Teño nas mans un dos primeiros exemplares. Pallarega levounos sete anos ou, máis ben, foi principiada hai sete anos. A referencia é sinxela: meu pai aínda transitaba confiado encol da faz desta terra. Falo en plural porque as novelas, contra a opinión popular, resultan un traballo colectivo. O autor que non o recoñeza é un narcisista e un egocéntrico, o cal parecen termos iguais sen selo. 

Se calquera novela representa un exercicio de equilibrio entre realidade e fición, en Pallarega ámbolos dous conceptos mestúranse con tal intensidade que a historia termina sendo unha sorte de verdade imaxinada. E nin o autor pode finalmente distinguir un personaxe creado pola súa mente daqueles tomados prestados da realidade. E se calquera novela representa tamén un exercicio de saudade (as futuristas revelan a saudade do presente), en Pallarega ese sentimento adquire unha dimensión tanxible que vai modelando boa parte da narración. 

Pallarega é o relato dunha traxectoria vital en tempos presididos enteiramente pola incerteza e a vulnerabilidade dos elementos, tempos nos que a épica persoal se transportaba en mercantes que cruzaban océanos e se revalidaba entre homes dispostos a transformar a sociedade. Así o explica a propia contracapa do libro; por certo, magnífico traballo da editorial Toxosoutos: 

Nicolás Traseira pasará á historia da literatura galega. El é o principal protagonista de Pallarega, unha novela que mestura os ingredientes das grandes obras cunha asombrosa naturalidade. Personaxes heteroxéneos e matizables van aparecendo en escenarios diversos e propiciando, con frecuencia, situacións inesquecibles. A ironía, o humor, a intriga e unha ben medida sensibilidade, intercálanse ó longo deste relato que principia nun lugar da montaña luguesa durante os anos previos á contenda civil. Nicolás ábrese ó mundo en Madrid, onde coñece a España franquista e as liortas internas do réxime. Esas mesmas leas fanlle regresar. Aínda sen necesidade que o apreme, emigra a La Habana onde experimenta en carne propia un cóctel de traballo duro, diversión sen freo e a corrupción dun goberno vendido ás mafias gringas. Novamente debe retornar. O microcosmos endogámico e clerical que atopa na súa vila fai que tampouco non acougue nela… 

Permitídeme esta despedida: a lectura de Pallarega provee dunha perspectiva que posiblemente nos sirva para relativizar, nunha medida necesaria, a realidade actual. 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comments

5 Responses to “Pallarega”

  1. RICHARD on Febreiro 27th, 2012 5:18 p.m.

    E EIQUÍ A TEMOS CUNHA PRECIOSA FOTO DE PORTADA…………..MOITA SORTE PARENTE, SAUDIÑOS

  2. Nicanor on Febreiro 27th, 2012 9:32 p.m.

    Xa iba sendo hora dunha nova aportación a nosa literatura pola túa parte. Teño moitas ganas de leelo

  3. Xabier on Febreiro 28th, 2012 9:07 p.m.

    Para cando a presentación en Compostela?

    Unha aperta

  4. Marcelino F. on Febreiro 28th, 2012 11:06 p.m.

    Pois acaban de me confirmar casualmente que o día 22 de Marzo na libraría Couceiro. Vémonos. Aperta forte,

  5. Rosalía on Marzo 19th, 2012 4:59 p.m.

    Xa rematei.. e fico namorada de Nicolas, un vividor encantador e divertido que toda muller desexaría coñecer…Afortunada Aurora….
    Por certo, hai algo de ti en Nicolas?? Coido que sí. Penso que él vive en ti.
    Apertas Marcelino.

Deixa unha resposta




Olark Livehelp