A reforma laboral en min

Febreiro 17, 2012 · Posted in Economía ou finanzas 

Rajoy, e de Guindos, e a Fátima e toda esa cuadrilla, xa cazaron unha peza: onte deixei de estar no paro. Parabéns, poden borrar un da listaxe. E iso malia Montoro afirmar que a reforma non crearía emprego. Para que logo?! Mellor non respondan. A Cospedal chamou cínicos e irresponsables os críticos da reforma, a Cospedal, a dama de barro que axiña se converte en lama.

A súa reforma convenceume e agora son autónomo, ou emprendedor na linguaxe de hoxe en día. O concepto de emprendedor adoita asociarse á xente nova e aquí estou eu. Tampouco é que me convencesen pero vós disimulade. Eu xa tiña a intención de crear empresa e dotala dunha pequena estrutura consonte ás miñas posibilidades. Tiña o propósito de ofrecer contratos xustos, de facer participar os traballadores nos posibles beneficios, de integralos nun obxectivo común de progreso no seo da empresa, e de que esta medrase de modo que, co tempo, chegasemos a formar un grupo de xente satisfeito polo traballo desenvolvido e pola contorna de consideración e apoio mutuo creada entre todos. Iso tiña en mente, máis ou menos.

Pero este goberno fíxome recapacitar coa súa reforma e agora véxoo máis claro. E así, no canto de contratar licenciados novos, pedirei xente aínda ser carreira para ofrecerlles un posto en formación por 500 euros e deste xeito podo mercar 3×1. Ó cabo do ano, despedirei a maioría sen ningún tipo de indemnización e volverei ofrecer unha presada de contratos en formación. Tan logo os salarios cheguen a un nivel excesivo (nos meus cálculos capitalistas), deixarei caer uns meses a facturación, ou mellor: gardarei as facturas nun caixón para non contabilizalas durante ese tempo. Entón, podereilles rebaixar os soldos ó meu antollo e botar á rúa os empregados díscolos que non acepten a redución sumisamente. Por suposto, nada de compartirmos beneficios; xa o dixera Marx, as plusvalías para o capital.

É que eu, Sr. Rajoy e demais, pensaba que unha empresa funcionaba cando se creaba nela un ambiente propicio á participación e á dinámica de grupo, cando os traballadores eran considerados persoas intelixentes e con valores dignos de ser retribuídos, cando se recoñecía que o éxito, e así tamén o fracaso, era mérito -ou demérito- do colectivo, desa comunidade de intereses e vontades dirixidas cara a un obxectivo compartido. Así pensaba eu pero vostedes me quitaron a venda dos ollos e agora sei que non preciso colaboradores senón servos. E así todo me irá infinitamente mellor.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comments

2 Responses to “A reforma laboral en min”

  1. tomás on Febreiro 17th, 2012 9:13 p.m.

    Sembrado

  2. Tacho on Marzo 12th, 2012 2:41 p.m.

    Excelente! Verdaves coma puños!! Parabens!!
    Esta historia debería continuar…

Deixa unha resposta




Olark Livehelp