A cuarta forza

Pensamento único, bipartidismo, terceira vía, cuarta forza. A política non deixa de ser unha sorte de escaleira imposible de ascender. Iso deben de pensar os líderes do nacionalismo galego. Segundo o CIS, entre 1997 e 2009, o sentimento nacionalista en Galicia pasou do 33 ó 15%. Entre 2005 e 2009, os galegos en degoiro dunha autonomía maior, pasaron do 26 ó 16%, dez puntos perdidos en catro anos. Os soberanistas seica representan o 2% da poboación. Cifras de sentimento político con reflexo nítido nos resultados electorais: grosso modo, 50% de tendencia de voto cara ó PP, 35% para o PSOE, 15% (ben optimista) para o BNG.

A realidade semellaba esixir un cambio radical de rumbo na fronte nacionalista, e xa vimos. As expectativas ante as vindeiras eleccións galegas son negras. O futuro chámase 1989, 5 deputados. E isto malia o desgoberno popular e o desnortamento socialista. No nacionalismo pinta aínda peor: desolación con síntomas de deshonra. Ante un tal panorama, ou renovación quimérica ou cuarta forza, non queda outra. Asumir riscos ante a alternativa máis arriscada, a da inacción, a que sempre leva ó fracaso.

Con escisión ou sen ela, a cuarta forza é unha necesidade vital para o País. Unha cuarta forza que poña en evidencia o sucursalismo reaccionario do PP, a deriva indecisa do PSOE e o enquistamento desesperante do BNG. Unha cuarta forza co discurso centrado en Galicia e capaz dun diagnóstico, estratexia e deseño propios. Unha cuarta forza que abrolle de raíces sólidas e sostibles. Unha cuarta forza pragmática, dialogante e con vocación transformadora. Unha cuarta forza que poña en valor os factores endóxenos do País –produtividade do sector primario, medio ambiente, talento innovador, cultura e idioma– e os integre nas tendencias de desenvolvemento global. Unha cuarta forza cunha política de comunicación directa que a conecte dende o primeiro momento ós sectores esenciais da economía e da sociedade galega. Unha cuarta forza con vontade de gobernar. E, finalmente, unha cuarta forza que empregue a linguaxe que falan os galegos reais de hoxe e non os utópicos dun outrora imaxinado.

Repasando os cadros dirixentes dos tres partidos nos últimos anos e mesmo identificando algúns afiliados sen responsabilidades, atópanse persoas de alta valía descolocadas en cadansúas organizacións. Os astros conflúen e solicitan a toma dunha valente determinación ó alcance daqueles homes, daquelas mulleres, con sentimento de País por riba de siglas e intereses de partido. O tempo esixe coraxe e visión. Con tales vimbios haberíase artellar esa cuarta forza por tantos degoirada. 

Artigo publicado en Galicia Confidencial

Los comentarios han sido cerrados para esta nota