A importancia de chamarse SPHENIA

Un nome pode ser simplemente un eco, un son, ou tamén pode significar algo. Sóame ben, dixeches, pero non sei o que significa, unha cuncha ou algo así. En efecto, un molusco. Daquela, significaría algo para unha empresa de biotecnoloxía, ou de investigación mariña, por exemplo, pero nada para unha de consultoría estratéxica, isto tal se pretende, modestamente.

Ou si, algo pode significar. Unión, dúas cunchas xuntas forman un molusco; unha soa cuncha, pasada polo forno, un primeiro prato.

Que pasa se partímo-la palabra? Tiven un profesor, Mr. Tristan, que nos aprendeu a diferenciar o son do S líquido e o da sílaba ES. Collía un termo, digamos “stupid”, e facíanos repetir a súa pronuncia alongando o S de máis a menos, sssssssssssssstupid, sssssssstupid, sssstupid, sstupid, stupid, stupid. Velaí a diferencia entre Ssssssssspain e Espain. Spain viría significar a dor da S, algo así. Ben, falabamos de partir Ssssssssphenia. Que podería significar –phenia. Seica entre a capacidade mental dun individuo e a súa personalidade, quizais a razón. Eis esquizofrenia, a razón fragmentada. Xa que logo, SPHENIA podería representar a razón colectiva, do S, a personalidade plural; incluso, a forza mental do grupo, podería…

Represente o que tal represente, temos rexistrado xa o .com (sphenia.com) inda que eu preferiría ter o .sp (sphenia.sp), talvez menos comercial (menos .com) pero máis incuestionable. Mesmo ese efecto subliminar, SP: servizo público.

En fin, a min gustábame máis COLATTERAL, xa o dixera, pero agora gústame máis SPHENIA. Por como soa e polo que significa: futuro.  

Los comentarios han sido cerrados para esta nota