Tralas eleccións

Unha semana tampouco non dá para moito inda que nese tempo si poden albiscarse os efectos duns resultados electorais. Para min a consecuencia transcendente é que a economía española amosa por fin sinais esperanzadores. Iso cando menos afirmaba o suplemento dominical de El Mundo que caeu, non recordo por que estraño feitizo, nas miñas mans. Para o subitamente magnánimo xornal madrileño –e moi, moi español– a economía que 24 horas antes se asomaba perigosamente ó abismo, descubrira ate dez motivos sólidos e asentados para pensar nunca factible recuperación inmediata. E todo por obra e arte das eleccións, supoño eu, pois doutra maneira non se entendería tan estentóreo cambio de opinión.

Outro efecto: non hai tantas coma cincuenta e unha españas pero si cando menos dúas. Sempre foi así, nobreza e campesiñado, pobo e caciques, turnistas e alternativos, monárquicos e republicanos, dereitas e esquerdas, vítimas e verdugos, xacobinos e progresistas. Tras estas eleccións, emerxen dous novos grupos enfrontados: os indignados e os indignantes, aqueles saciados de tanto abuso, manipulación, capitalismo incontrolado e política de medio pelo, e aqueloutros instalados felizmente na ignominia. Eses dous grupos e ademais os vascos, lanzados cara á independencia. Tras eles virán os cataláns. Os galegos? Non, os galegos seguiremos apoiando os indignantes.

Unha semana dá tamén para troca-la perspectiva sobre os líderes saíntes, e onde antes había un Zapatero ensumido e apaiolado, agora temos un gobernante a quen a Historia fará xustiza; e onde antes se vía un Pepe Blanco iletrado e paspallán, agora enxergamos un político coherente con sentido do Estado. Non se libra o político lugués da ecuanimidade daquel xornal amentado, e cando o resto da prensa informaba sobre a súa retirada da dirección do PSOE, El Mundo subliñaba o feito de conserva-la acta de deputado mantendo así a inmunidade parlamentaria: ricas as variantes que nos achegan os medios.

E a semana aclarou de vez cal será a oposición dominante a Rajoy nun espectro político tan fragmentado. O auténtico líder –ou lideresa– da oposición será Esperanza Aguirre. Nin un día de tregua lle concedeu ó presidente in pectore. Que calculado tiña o movemento a política madrileña, iso é planificación e o demais son trapalladas. E que ben leccionados mantén os seus mariachis, todos eles caladiños, coas mans nos petos, ata a comandanta ordena-la destitución de Granados, o home en Madrid de Rajoy.

Un par de liñas para Feijóo, non merece máis: o presidente do goberno galego (cantas veces esquece o seu posto e función!) declarou que aquel era o día para o cal tanto traballara… Sen comentarios. Días despois, demostrando esa calidade visionaria que o caracteriza, anuncia os buracos que atopará Rajoy… Sen comentarios bis.

Deixamos para o final o noso BNG, ese partido ou grupo de partidos ancorado no post-franquismo, empeñado en mante-los vellos logos e os termos que unicamente eles utilizan, ninguén máis no País, e anicándose e xibarizándose convocatoria tras convocatoria para ledicia dunha bancada cada día máis insignificante. Recordo cando o BNG era a opción da mocidade, cando aspiraba a formar grupo propio no Congreso, cando o obxectivo non baixaba do 20% dos votos. Hoxe, satisfeitos co exiguo 10% inda sabendo que está tan preto da nada. Houbo durante algún tempo un degoiro en Galicia que hoxe, tralas pasadas eleccións, se confirma quimérico, inalcanzable…

Los comentarios han sido cerrados para esta nota