Referentes literarios

Hoxe que empeza a campaña electoral é un día axeitado para falarmos de literatura. Xa postos, pois de literatura galega. Aproveito o convite da Asociación de Escritores en Lingua Galega para participar nunha grabación divulgativa e publico a primeira parte do texto grabado. Corresponde á pregunta: cales son os teus referentes literarios? Esta foi a resposta, máis ou menos…

A min tamén me gustaría coñecer eses referentes polos que preguntades, identificalos téndoos diante ou mesmo decatarme deles tempo despois. Non é doado. Preciso definir antes de nada o concepto de referente. Cavilo e decido: un referente literario é aquel a quen tes presente cando les o que escribiches. Sería unha sorte de lector ideal, algo así. Asumindo a descrición, atopo os meus referentes.

Cando escribo un parágrafo con pretensións poéticas, buscando o fondo agochado das palabras, penso nela, en Iolanda, a Castaño.

Cando pretendo escribir un texto lírico, pescudando na conciencia unha boa metáfora da realidade, penso en Manolo Rivas.

Cando escribo, ou procuro escribir, un conto vivo, rabuñando no cotián o alento inesperado, penso en Carlos Casares.

Cando escribo, ou tento escribir, unha historia transcendente artellando fío, conclusión e eternidade, penso en Xabier Alcalá.

E cando aspiro a construír un universo paralelo, a perderme nos lindes dun cosmos equívoco, enteiramente ambiguo, penso en Blanco Amor, don Eduardo.

Nun supremo exercicio de sincretismo, ese escritor miscelánea formado polos cinco literatos, sería o meu referente. Un que habería renunciar, voluntaria e conscientemente, ó estilo. Busco referencias que son esixencias, que son como as instrucións dun pai ou as dun mestre. Pero non quero, rexeito, o estilo de ninguén. Prefiro, se acaso, alguén sen estilo. O estilo condiciona, coarta, cohibe e mutila. Se o teu referente resulta ser alguén cun estilo único, estás morto, literariamente morto.

Un referente ha ser, ademais, o xurado do teu xuízo sumarísimo. Aquel que aprobe ou rexeite as túas ideas, primeiro, e despois as túas propostas, os teus bosquexos, as túas probas, os teus substantivos e adxectivos, os teus textos. Será aquela ou aquel que se acomode facilmente na túa mente, aquelas ou aqueles a quen poidas recorrer cando os precises e a quen poidas amolar cada vez que o desexes. Un referente ha ser alguén de quen te poidas sentir preto e que, coma un amigo íntimo, coma un irmán, coma un pano de papel, poidas usar e tirar en caso de necesidade.

A Castaño, o Manolo Rivas, Casares, Alcalá e Blanco Amor, velaí os meus referentes, xa que preguntades.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota