A pel de Almodóvar

O cine, como a literatura, ofrece os seus servizos para nos evadir da realidade. Cando esta, a realidade, se amosa máis nefasta, cine e literatura deberían medrar, prognostico eu. Descoñezo se ocorre. Nestes tempos, por exemplo, eu prefiro mil veces ler unha novela ca un xornal, ver unha película antes ca un noticiario (“o parte”, dicía meu pai).

Cando as cousas se torcen, a envexa aflora aínda con máis forza. Prefeririamos estar na pel de tantos outros! Na pel dos deportistas que gañan millóns de euros, na dos políticos da dereita que axiña gañarán novas cotas de poder, na dos cregos, bispos e cardinais que verán crecer a súa influencia, na dos directivos xubilados  das empresas en quebra…

Na intersección dos dous parágrafos anteriores atópase Almodóvar. Acaba de presentar “La piel que habito”, película que recibe máis atención có resto de películas españolas producidas este ano xuntas. Cóntanme que ata as Cantareiras de Ardebullo lle dedicaron un dos seus debates. Seica a Xunta de Galicia, que tanto recorta en Cultura, subvencionou a gravación. Será porque un recanto compostelán e o Pazo de Oca aparecen nalgunhas secuencias, irrecoñecibles para o espectador en calquera caso. Será por iso.

Sendo declarado admirador do cine de Almodóvar, vexo a súa capacidade creadora en clara recesión, tamén. Incluso a súa autoesixencia como profesional. As incoherencias de La piel que habito superan os límites máis xenerosos que un estea disposto a flexibilizar cando asiste a unha película do aclamado director español. O rocambolesco guión achega ata tres razóns transcendentes para un secuestro: a vinganza pola filla violada, a necesidade de recuperar a esposa morta tras un accidente de circulación e o obxectivo revolucionario de crear unha pel resistente ó lume e ás picadas dos insectos. Unha sorte de santísima trindade de motivos para un único secuestro verdadeiro. Despois, outras consideracións coma a esperpéntica escenificación do suposto ambiente científico ou a banalización necesaria do que sería o máis grande avance experimental da historia contemporánea da humanidade.

Así que finalmente, un sae da última peli de Almodóvar coa mesma sensación de crise existencial na que se desenvolve nos últimos meses, coa impresión de ter perdido miserablemente o tempo e con sete euros menos no peto. Un mal investimento.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota