Obediencia, clave de futuro

Dende nenos entendemos a obediencia como unha clave para vivir en paz, incluso coma un xeito de obter doadas recompensas. Obediencia resulta tamén unha opción sen arestas, a posible solución á convivencia. Ser obediente implica ademais a ausencia de responsabilidade, o que suceda deberase ós designios de quen manda e non ás nosas accións. Cabe preguntarse se a obediencia será igualmente un valor de futuro.

Se lemos a novela de Antón Lopo con ese título, Obediencia, deduciremos que si, que será un dos piares da supervivencia no mundo proxectado do século XXII. Lopo trasládanos a un lonxano horizonte temporal inda que localizado nun espazo próximo e, sorprendentemente, pechado ó resto do mundo. Segundo a novela, o futuro será intensamente local. Cada territorio será quen de desenvolver capacidades poderosas e interaccións internas complexas e diversas. Na fallida República galega do século XXII reprodúcense as intrigas, pactos, confabulacións e loitas propias de todo un planeta do século XXI. O gran obxectivo é o control do destino, que se entende predicible a través de fórmulas matemáticas. O concepto do ser humano venceu as súas seculares limitacións e na fábula conviven individuos con fasquía humana e natureza alóctona. Os escenarios recrean combinacións inverosímiles froito da fecunda imaxinación do autor galego.

En 1949, George Orwell publicaba 1984, unha novela futurista plenamente vixente na que describe un país sumido en el totalitarismo da súa casta privilexiada e a miseria moral e material do resto da sociedade. Orwell, que deseña un escenario mundial baseado na ignorancia da prole e o control absoluto das ideas, as ansias e os comportamentos, é autor da frase “En tempos de engano universal, dicir a verdade convértese nun acto revolucionario“.

Obediencia, de Antón Lopo, é filla literaria de 1984. Mesmo podería considerarse unha continuación da novela de Orwell implantada nunha Galicia futura. Durante a súa lectura, tiven a impresión de o País que describía ter certas posibilidades de materializarse dentro de 100 ou 150 anos. E iso dende a convulsión permanente que habitamos en cada ámbito e nivel da actualidade. Recomendo a súa lectura tanto como exercicio de evasión como de reflexión sobre o modelo que imperará no mundo dentro de non tanto tempo.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota