Obra e autor

En La amante de Bolzano, novela de Sandor Marai, o Conde de Parma afirma: “a obra designa o autor, é igual ó seu autor”. Nunha memorable escena na que se enfronta ó namorado da súa esposa, o nobre propón non asinar nunca un escrito pois este, a través da súa forma, haberá abondar para identificar o autor. Malia non compartila en absoluto, a idea resulta suxestiva.

Veño de rematar Corazón tan blanco, de Javier Marías, unha novela que podería considerar –case– perfecta. Contén un breve parágrafo, de a penas catro ou cinco liñas, impropio do resto da obra, tal que fose introducido nela coma unha sabotaxe ou unha chanza. Luísa, a esposa do relator e protagonista, muller que se revela intelixente e espelida ó longo da narración, amósase despistada e ignorante nunha conversa sobre Batista, o ditador cubano. Mesmo sendo unha impresión efémera, maniféstase dun xeito aparatoso ó provocar unha brusca caída no nivel da novela, que axiña se recompón.

As dúbidas sobre a obra reprodúcense, non obstante, ó coñecer o labor periodístico de Javier Marías, o cal aparece de maneira repetida nas frecuentes digresións que elaboran os protagonistas ó longo do relato. Quero dicir que algúns deses textos encaixarían con naturalidade en calquera dos artigos do autor nas distintas publicacións nas que colabora. Peor: as reflexións de cada personaxe aseméllanse tanto entre elas como respecto ós artigos de Marías. Non hai maneira de desprenderse da sombra do escritor pois os seus personaxes pensan e falan como o faría el mesmo. Dalgún xeito, o estilo imponse por riba das circunstancias da historia.

Precisamente por non concordar co personaxe de Marai, entendo cada obra coma unha creación con caracteres propios, allea non só á realidade do lector senón tamén á do autor. O chamado estilo literario implica antes un condicionante cá un valor. Cada relato esixe unha forma distinta, posiblemente única. O gran narrador debe analizar previamente ó desenvolvemento da obra, a relación necesaria entre estilo e relato. E debe estudar cada personaxe ata dotalo dunha personalidade que esixa un modo particular de expresión; debe dotalos de vida non proxectarse neles. Cando os protagonistas dunha novela adoptan a linguaxe do autor, a obra perde credibilidade e valor. Opino.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota