O recepcionista de Dubrovnik

Unha de lingua e viaxes…

Contesteille “fala vostede máis castelán ca eu croata, seguro”. E entón el respondeu que non había comparación, que “el castellano o español” era falado por 300 millóns de persoas mentres que o croata só por catro. E que a súa lingua servía para ben pouco. E aló me vedes, explicándolle ao recepcionista do hotel onde nos aloxamos en Dubrovnik, o valor capital do seu idioma.

Levabamos dez días percorrendo o país. Os primeiros catro ou cinco servíronnos para aprender a dicir Hvala, grazas. A partir de aí, xa nos lanzamos e fomos engadindo cando menos dous novos vocábulos por día:Molim, dobar dan, por favor, que tal; trg, stari grad, praza, centro cidade; vino, voda, pivo, viño, auga, cervexa. E cousas así. Escolliamos a comida no menú en inglés e procurabamos pedila a partir da equivalencia en croata. Sempre mal, naturalmente. Pouco a pouco fomos descubrindo que a maioría das palabras se acentúan na primeira sílaba. Tamén a pronuncia correcta de cada letra, incluso o significado dos tiles. Unha nova descuberta era unha satisfacción. A principal, volvermos experimentar o milagre da comunicación nunha lingua distinta a través da cal entendemos mellor a alma daquel pobo complexo.

Explicámoslle ao recepcionista que Croacia valería bastante menos de non ter un idioma propio, e que el mesmo como cidadán outrosí se depreciaría. Que na Iugoslavia federal impuxéranlles esa especie de esperanto eslavo que quixo ser o serbocroata pero que, unha vez independentes, cada nación recuperou o seu idioma propio e orixinal, o serbio, o croata, o esloveno… Non só como valor de identidade, sempre esencial, senón tamén como activo de diferenciación perante o resto do mundo. Por teren un idioma de seu, o planeta coñece a autenticidade dun pobo con características propias capaz de ofrecer unha perspectiva única e diferente. Velaí o valor desa lingua que falan catro millóns de persoas e que xa nunca se perderá. Fixen o que puiden pero creo que non o convencín. O home deunos un dos peores cuartos do hotel.

Artigo publicado en A Nosa Terra

Los comentarios han sido cerrados para esta nota