A hipocrisía das letras

Van corenta e nove e o vindeiro ano irán cincuenta, se ninguén o remedia. Asistín a algún acto de celebración do Día das Letras, co estómago baleiro afortunadamente. Doutro xeito, as ocas, rituais e, sobre todo, hipócritas palabras do rexedor coruñés teríanme feito trousar. O seu Concello, máis ca ignorar, despreza o idioma galego en cada acto administrativo, en cada declaración oficial, en cada cartel ou formulario, en cada carta que dirixe ós cidadáns. Pero o Día das Letras, o alcalde disfrázase de Curros para glosar poéticas louvanzas cara á “nosa lingua”.

Que dicir respecto do confeso aniquilador do idioma propio, ese que o utiliza como moeda de cambio na súa impúdica carreira cara ó goberno de Madrid? As tripas volven renxer pedindo permiso para golsar encol da alfombra de San Caetano. Feijóo lémbrame a Dimitrov, aquel ditador búlgaro que dirixira unhas claras indicacións ós escritores do seu país procurando canalizar a literatura nacional nunha dirección única. Feijóo fixo o seu intento nada máis ocupar a cadeira presidencial, por algo sería.

E o resto, pois coma tolos enchendo páxinas –web e das outras–, elaborando demorados obituarios e laudatios, editando ensaios e reportaxes especiais e convocando actos múltiples sobre un escritor ignorado ata entón e condenado a un segundo enterramento despois. Dito isto con todo o meu respecto e admiración cara ós homenaxeados, xaora, eles non teñen culpa de nada.

Non sería mellor para as nosas letras, lingua e literatura, dirixir esa desbordante enerxía cara ós libros –poucos– publicados este ano, cara ós autores galegos case sempre descoñecidos para o lector de Galicia? O futuro da nosa literatura descansa, ademais de na conservación das creacións pasadas, esencialmente sobre as obras do presente. A celebración do cincuenta aniversario podería ser unha ocasión óptima para darlle a isto das Letras o xiro que precisa.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota