Lingua ou xogo de nenos?

Caso verídico: praza de Catro Camiños na cidade da Coruña, home novo que ve caer un cativo duns tres anos; o pequeno chora, o home achégase a tranquilizalo: e logo mancácheste? Veña home, que non che pasou nada, soamente unhas rabuñaduras pequechas… Nisto que aparece a nai e agradece as atencións ante o cal é contestada: non lle pasou nadiña, coido que simplemente se veu tirado no chan sen a súa nai. E esta muller que se dirixe ó fillo para dicirlle: fíjate, Carlitos, qué gracia, este chico habla como los Teletubbies.

A anécdota permite tirarmos conclusións valiosas: a primeira, en contra da doutrina Feijoo, os cativos de pre-escolar deben expoñerse á lingua galega para así poderen comprender os debuxos animados; segunda, que algunhas linguas, máis que para o mundo real, demostran valor no imaxinario; terceira, que a algúns castelánfalantes monolingües, o idioma galego resúltalles incluso simpático; e cuarta, que os galegofalantes xa temos disfrace para o próximo Entroido: todos de teletubbies!

Los comentarios han sido cerrados para esta nota