Achegarte, real ou imaxinario?

Igual ca fixemos na anterior edición, saudamos a feira Achegarte 2011 con ledicia e co mesmo ou superior agradecemento cara ós organizadores. Non pode ser doutra maneira tendo en conta o esforzo que esixe esta gran festa cultural, a amplitude e diversidade da oferta, o acerto de contidos e formatos e maila imaxinación aplicada para compensar os recursos escasos. Celébrase o sábado 2 e o domingo 3 de abril na Coruña. Asistide, permanecede, participade.

A literatura é parte esencial da cultura dun País, quen o pode poñer en dúbida? Ante a noticia de onte que confirmaba a importante caída da publicación de obra en galego, hoxe deume por comprobar a edición de narrativa de autores galegos durante o primeiro trimestre. Podedes comprobalo no portal de cultura galega, velaquí a ligazón: no catálogo de 42 libros editados polo sistema literario do País en 2011 ata hoxe, figura unha soa novela dun escritor galego!! Hai outras tres obras de narrativa pero son traducións de escritores foráneos. Daquela que eu pregunte se Achegarte é real ou imaxinario, se consiste en promocionar un sector e unha creatividade ou non pasa de ser un soño e mailos estertores dunha industria que puido transcender pero no intento quedou…

Un dato: Cataluña publica cada ano arredor de 1.000 títulos de narrativa contemporánea de autores catalanes. Xa o comentabamos nun artigo en 2008. E aínda hai quen afirma que en Galicia, que este ano nin chegará ós 20, se publica demasiado…

Los comentarios han sido cerrados para esta nota