O patriotismo de M.

M pasou en Barcelona tres anos estudando unha enxeñería. De catalán sabía tanto coma do occitano pero os problemas de comprensión remataron tras un mes de clase. Fixo bo caldo con aquela xente. Estas semanas atrás, pasou uns días nunha cidade británica visitando tres compañeiros. Foron engadíndose individuos ata chegar a formar un grupo de quince mozos, catorce cataláns máis ela. Sentira esa envexa que chamamos sa ó velos gozando dun sentimento común tan forte que, após dúas ou tres veces de estaren xuntos, semellaban proceder todos da mesma vila. Víanse unidos por unha cultura, afirmaba M, que era unha máis do grupo. Falaban catalán sen excepción, e M tamén.

M estivo saíndo uns meses cun mozo alemán. Dicía que todo era perfecto, que o rapaz atesouraba unhas cualidades magníficas, que non podería pedir máis. Pero faltaba o clic. Curiosamente, naquela cidade británica, descubriu que na súa relación botaba de menos a afinidade do colectivo (da nación?), esa comprensión por riba de climas e ambientes, ese sabérense irmán dende o principio por sentírense compatriotas. M descubriu o valor do patriotismo. Dun patriotismo non respecto da súa Patria senón doutra que llo fixo comprender. A ela, que sendo galega resúltalle estraña a lingua do País e que mesmo fala catalán nunha cidade británica.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota