Fuxida e esquecemento

Eu quería facer un apuntamento verbo do Valedor de Pobo pero a actualidade impón a súa disciplina. Evitemos confusións: refírome máis ben ó candidato a Defensor del Pueblo. Non ten nada que ver mais onte principiei a lectura de Obediencia, a novela de Antón Lopo. O comezo promete lucidez e cálculo rigoroso pero houben deixala a un lado. Semella unha contradición, como a de hai uns días. Dinme: tes unha historia interesante, unha narración minuciosa e máis unha prosa excelente, pero non a podemos publicar. O de Obediencia ten mellor explicación: resulta que marchamos mañá mesmo para Lombardía, Liguria e Piemonte (mestura de vacacións, fuxida e esquecemento). Gústanos levar lectura acaída e un relato futurista pouco encaixa na Italia clásica, mesmo cando abeirarémo-la cidade da moda e o deseño. Había tempo que non compartía un café con X. Repasamos os últimos meses e o candidato sae na conversa. Home ben informado, narra e non para. Algúns dos contos serían dura proba mesmo para os curados de espanto. Haberá alguén que incumpra con maior desvergonza os requisitos a esixirmos a un candidato a Valedor do Pobo? Así que marchas de vacacións. Pois si, ó noroeste de Italia. Lembra que en Bolzano vive T.

O taxista que me ha levar á de miña nai será, podería apostar, seareiro do candidato. Tan logo subo ó taxi, maniféstame o seu odio ó galego. O meu silencio prudente impélelle a razoar: débese a que o quixeron impoñer. O problema é de formación. Moito ollo: dío el, non eu. Por que no sirve para nada!, engade. O español si, e máis o inglés e o chinés. Pero sales de aquí, a cien quilómetros, y para qué sirve el gallego? Home, se cadra en Portugal, e mesmo en Brasil, alego. Eso es portugués, no gallego, se parecen pero no son lo mismo. O tipo saíunos perceptivo. Seica se fan mal as cousas… Quenda para os dezasete estados que conviven en España. Admiro o ben aprendidos que os teñen, esa memoria tan fiable e literal. Tranquilícese, home, que aínda imos ter un pinoque. Con que acerto escolle a dereita os seus votantes! Máis tino non cabe. A lección continúa pola banda dos funcionarios, uns 3 millóns computa en España contra un millón solitario en Alemaña. Engánase brutalmente pero calo, of course. E despois están os invasores. Non podo con el. Desculpe pero Alemaña é un Estado Federal composto, xa que logo, de Estados federalizados. E se o dos invasores (recordades aquela serie, “peligro, peligro, se acerca objeto no identificado”?) vai polos emigrantes, coido que Alemaña supón todo un paradigma (evito citarlle o caso evidente). Paradigma, si, un exemplo. Pero a cousa non lle é a mesma pois aquel vén sendo un país serio, e ante sentencia tan inapelable, pouca discusión queda. Aproveito os últimos metros para soltarlle: o problema non son as Autonomías senón a burbulla inmobiliaria e a especulación vergoñenta dun colectivo de empresarios e políticos, na súa meirande parte pertencente a un partido que se cadra lle soa. Por aguanta-la despedida sen chiar, déixolle 24 céntimos de propina. Por min, como se os inviste en accións da Nova Rumasa.

Miña nai recíbeme abraiada. Acaba de colgarlle o teléfono á súa amiga M., xa sabes, fillo, a que odia o galego. Hoxe toca 2×1, o odio á lingua debe de estar en oferta no Corte Inglés. M. atopou a pechadura atrancada e chamou á Garda Civil. Disque no edificio vive unha familia alugada, a única non propietaria, e coincide en que son venezolanos. Os dous fillos vanlles ó colexio e ó conservatorio, a ver de onde sacan o diñeiro para pagar eses gastos! Procuro matinar unha profesión axustada ó caso pero a miña nai resolve o misterio a seguir: pois de roubar, iso é o que lles dixo M. ós da Garda Civil. E como rematou? Na única maneira que podía rematar, marchando os gardas por onde entraran tras pedirlle a M. que cando os volvese chamar, conviría que tivese obtido antes algunha proba das súas acusacións. Thank God! Por un momento pensei que detiveran o venezolano. E a que hora pasa o autobús? En 5 minutos.

Houben esperar 20, mesmo deixei pasar catro ou cinco taxis, por non tenta-lo demo. Vendo a enxurrada que caía xa preto da casa, parei no Fnac a ver se daba parado. E viva o azar! Unhas horas antes lera un texto sobre Auschwitz que non entendera ó terminar coa seguinte frase en cursiva: Si esto es un hombre. Pescudando narrativa italiana, atopo La tregua de Primo Levi, a cal resulta ser parte da triloxía iniciada con Si esto es un hombre. Espero que a de Levi me guste máis cá de Benedetti. Continúo buscando para levar un reposto e que atopo? La amante de Bolzano, de Sandor Marai. En Bolzano, efectivamente, onde vive T. Ó cabo síntome preparado para fuxir e esquecer. A quen? Pois o taxista odiador de linguas minoritarias, o desvergoñado candidato a Valedor e a amiga da miña nai nostálxica dos tempos da Garda Civil… Deica a volta nunha semana.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota