Quen viu Goa, non precisa ver Lisboa

A miña prezada colega Belén marchou para India en viaxe de recoñecemento. Sabedora de que atoparía un mundo distinto ó seu, a súa escusa perfecta foi ir coñece-la cativa á cal, dende a distancia, botaba unha man. Algo xa sospeitaba pero o acontecemento a sobrepasou. Seica India pertence ó grupo dos chamados BRIC, un dos países que canda Brasil, Rusia e China parecen sinalados para salva-la economía mundial dunha meirande depresión. Os economistas con voz nos medios occidentais afirman que ocupará en poucos anos un dos lugares privilexiados no ranking das economías máis fortes do planeta. India, gran consumidor de enerxía, reserva mundial do software, berce do novo cinema… Daquela, onde se meteu a Belén para ser testemuña de tanta miseria? Onde para regresar arrepiada do que aló viu e viviu?

Belén achega auténticos paradigmas de infrahumanidade: nenos que saen de buracos como ratos, mulleres afeitas ás malleiras brutais do home, rapaces sen escolarizar que soñan con ser médicos para salvar a nai, montes de lixo e entullo que son comunidades…  Mais tamén nos deixa outros exemplos, algún que nos toca ben fondo e que amosa a universalidade das linguas. Un home escóitaa falar galego e emociónase. É o idioma de seu pai e dos seus avós. De socato, Belén parece ter descuberto unha illa recóndita de fala galega. Axiña aprende o lema do lugar: “Quen viu Goa, non precisa ver Lisboa”. Explícao ben neste o seu correo…

O galego serviume para comunicarme en Panjim ou Panaji (Goa) –Pangim era o nome en portugués, tamén chamado Ponnje en Konnani, a lingua local que se fala extensamente- cos nativos descendentes de colonizadores portugueses, algúns levaban negocios de pequenas tendas, servían na hostalaría e todos manifestaban entusiasmo ao escoitarme falar en galego coa miña xente. A publicidade de Viño Porto e mesmo os nomes dos negocios tipo JOLHARIA Filhos Oliveira…en portugués chamábannos moito a atención.Mesmo as páxinas dos xornais onde figuraban os pasamentos eran de vellos con nome e apelido portugués… (semellaba que leramos un xornal en Lisboa), mágoa que as novas xeracións están a perder o portugués ao ir morrendo os avós e pais.

Mágoa de final, se cadra inevitable. Se queredes afondar na realidade de Goa, velaquí vos queda unha ligazón.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota