O idioma do eucalipto

Nas oficinas, nas fábricas, nos campos, nas granxas, nos laboratorios, nos bares, nos museos, nin sequera nas universidades se fala do idioma. Na rúa, non preocupa a situación da lingua galega. O cidadán non ten opinión, non a precisa, nada máis mantén unha impresión: de que o debate, se o hai porque ata iso ignora, é cousa de intelectuais e que os políticos, sen distinción de cores, o utilizan para a cousa dos votos. Si, disque o panorama está mal, coma o resto, pero podía estar peor.

Nisto que nun restaurante véxome, por azar, arrodeado de xente nova, cada un de distinto lugar de procedencia. Falando algúns galego, castelán a maioría, sae o asunto a colación. Chégase a unha sorte de conclusión, a de que antes que nas cidades, o problema reside nas localidades medianas, Betanzos, Ribeira, Oleiros, Pontedeume, onde foi lingua principal e xa non o é. Quen cita a vila dos Andrade, conta a última vez que visitou as Fragas do Eume e o abraio que lle causou a masiva presenza do eucalipto nelas, dende a mesma entrada e ó longo de todo o percorrido. “Cada vez menos árbol autóctono –é dos que emprega o castelán, aderezado con frases curtas en galego– y más eucaliptos”, proclama. E axiña xorde a asimilación.

O eucalipto chega dende fóra impulsado por unha intervención do goberno de Madrid (a chamada Reserva Nacional Forestal, segundo creo recordar). Dende a primeira plantación, non fai máis ca espallarse ó calor dos beneficios rápidos e as axudas públicas, ó principio estatais e despois tamén autonómicas. Medra tal que colonia de ratos a costa de prados, soutos e carballeiras, empobrecendo a paisaxe, a flora e a fauna. Poderíase ter artellado un sistema de convivencia que permitise a súa explotación co respecto á hexemonía das especies propias pero non se fixo así. Agora, como recuperarmos os bosques de árbores autóctonas?

Los comentarios han sido cerrados para esta nota