Temas de debate

Que me desculpen os damnificados pero case boto de menos a folga salvaxe dos controladores aéreos. Durante eses 3 ou 4 días, nada máis precisabamos para enche-lo caldeiro de contenda intelectual. O lixo xerado pola produción das nosas neuronas ía dereitiño cara ós aeroportos e a ningún outro asunto ou materia se lle daba paso. Pero chegaron Pepe Blanco e o novo vice e, coa axuda dos seus curmáns do exército español, acabaron dun mangueirazo co problema. E desta tal maneira, os nosos intelectos preparáronse para combater noutros campos de batalla.

Velaí a lingua, unha e mil veces, antes, hoxe e, queira Deus, tamén mañá. País sempre dividido en dúas partes, ás veces metades. Uns confiando, quizais candidamente, no modelo propio, nos códigos, capacidades, criterios e xeitos de noso; outros, apelando ós valores dunha contorna que consideran de rango superior e indivisible. As partes deixan de ser metades cando actúan os vasos comunicantes. E así como o PSdeG (en fórmula bipartita) perdeu as eleccións cando empezou a asumir a linguaxe do PP sobre o idioma, así nós (os desta metade) tamén perderemos o rumbo e, xa que logo, a contenda, no momento de adoptar os obxectivos tácticos aparentes da outra metade.

Seriamente: se propugnamos o bilingüismo, sexa harmónico, restitutivo ou ultrametamórfico, nunca superaremos a actual posición de inferioridade e diglosia. Unicamente mantendo unha posición compacta, coherente e colectiva a prol da hexemonía da lingua propia, poderemos aspirar ó bilingüismo real. A partir desa hipotética conquista, haberíase pensar en retos de maior alcance.

Outro logro importante dos controladores foi facer esquecer a situación económica. “Nunca antes, os medios de comunicación aplicaran ós mercados un tratamento de hit mediático coma o destes meses. A conxuntura económica analízase a partir de variables dos mercados financeiros, as decisións dos gobernos xustifícanse como resposta ou previsión da evolución dos devanditos mercados que son, ademais, o centro e guía da maioría dos faladoiros e debates. Semella que eses tales mercados fosen superestruturas que todo o ven, saben e controlan: unha nova relixión!” Esta reflexión, bastante obvia, forma parte da introdución do artigo “Marketbook”, retitulado “Faciana dos mercados“, que hoxe publicamos en Xornal. Tráfico aéreo, modelo lingüístico, economía e mercados, tres temas de debate que manteñen o noso intelecto en actividade. Xa o dicía Descartes…

Los comentarios han sido cerrados para esta nota