Outra vaca no millo

Os artigos de opinión dos xornais transcorren entre dúas liñas non sempre paralelas: a que marca a temperatura ambiental do País e a que sinala a ideoloxía predominante no periódico. Hai xornais máis ou menos coherentes igual que hai articulistas máis ou menos consecuentes. Dous días atrás presentabamos un libro no cal estas dúas variables, a coherencia do medio / a liña consecuente do colaborador, acadaron niveis máximos.

O libro leva por título “Outra vaca no millo” e correspóndese coa sección que Xosé Luís Sucasas cubriu no hibernado Vieiros durante setenta e cinco entregas. Canda Sucasas asóciase de socato a idea de retranca como humor para tempos tristes, retranca como substancia de supervivencia no medio do desalento, retranca que manca e asemade fai gozar. É a pluma (a tecla, máis ben) de Xosé Luís un arma recomendable para masoquistas, para lectores que saiban gozar co sufrimento e que poden sufrir cun aparente divertimento.

Redactamos para a contracapa de “Outra vaca no millo” o seguinte texto onde se resumen os riscos esenciais destes artigos que teñen moito de relato curto e aínda máis de crónica social da nosa Galicia contemporánea:

“José Luis Sucasas pertence á raza falsa e imprevisible dos economistas que escriben. Adoita elaborar os seus textos en clave, de modo que, para entendelos, é preciso superar un seminario previo de adestramento. O curso consta de tres leccións. Lección primeira, sobre o concepto de retranca: estudarase o estilo revirado e perverso aplicado normalmente nos artigos de José Luís. Lección segunda, sobre usos e costumes: importante para percibir a persoal visión do autor sobre este sitio distinto no cal acostuma localizar as súas colaboracións. E lección terceira, filosofía básica: existe o risco de le-los artigos de Sucasas coma meras descricións ou opinións arredor dun feito insignificante. Sería un erro maiúsculo; tales artigos supoñen un auténtico tratado de filosofía que axudará ó lector a sobrevivir neste curruncho atlántico (e cantábrico). Unha vez superado o seminario de adestramento, estarán preparados para gozar deste abraiante e irrepetible conxunto de artigos.”

Na presentación, ademais do autor e un servidor, participaron Moncho Vilar e Rafa Cuíña. Curiosamente, os tres coincidimos en subliñar o artigo “O inventor da apañadora de votos” como mellor demostración da xenialidade sucasiana. Tamén coincidimos en recomendar “Outra vaca no millo” como mellor xeito de descifrar a peculiar personalidade deste pobo singular.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota