A creación do libro galego

Tendo en conta que as catro editoras máis prolíficas hoxe en día en lingua galega se sitúan en Vigo e bisbarra (Xerais, Galaxia, A Nosa Terra e Rinoceronte), tenderíase a pensar que o berce do libro galego se habería localizar tamén na cidade olívica. A exposición “A Coruña na creación do libro galego” que organiza a Concellaría de Cultura na urbe herculina demostra que, no mundo das letras, as aparencias poden enganar igual que en calquera outro eido. A mostra conmemora o bicentenario da publicación do primeiro libro en galego o cal foi, para quen queira sabelo, “Proezas de Galicia”, editado polo coruñés Fernández e Neira en 1810 e no que relata distintos episodios da loita popular contra o exército de Napoleón. Segundo o guión da exposición, o primeiro éxito de vendas aconteceu en 1813 coa publicación de “Rogos de un escolar gallego á virxe do bo acerto”, o cal conseguiu chegar a tódalas aldeas; disque algunha das edicións superou os 10.000 exemplares.

No Salón do Concello pódese percorrer a historia completa da edición galega na Coruña. Algúns sorprenderanse ó comprobar como esta cidade, que dende moitas ámbitos semella renegar da lingua propia, acubillou o nacemento da Biblioteca Gallega da man de Martínez Salazar, ó coñecer que o primeiro Dicionario galego-castelán tamén se xestou na Coruña, por obra de Leandro Carré, ou ó lembrar a edición da revista Nós que acadou unha notable difusión grazas ó xenio de Anxel Casal, asasinado polos fascistas nos albores da Guerra Civil.

A exposición “A Coruña na creación do libro galego” representa un grolo de osíxeno para os coruñeses que vivimos na agonía que provoca a actitude do stablishment hexemónico na cidade e o seu permanente exercicio de automutilación. O dito, que se pasades polas proximidades de María Pita, non deixedes de visita-la mostra. Velaquí algunha outra información sobre ela.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota