Un inmenso baleiro

Os baleiros existen para ser tapados, non teñen outra función. Ás veces ninguén se decata deles porque, precisamente, non son doados de percibir. Trátase en realidade dunha cuestión de sentimento, sentirmos ou non esa falta. Unha perda nótase máis facilmente.

Cando naceu Vieiros, nin sequera sabiamos que o necesitabamos. Foi Lois, un tipo capaz de ver onde os demais seguimos cegos, quen albiscou o burato no esqueleto do País. Precisabamos un proxecto que nos identificase en Internet e así mesmo demandabamos un medio de información LIBRE, independente, construído e desenvolvido por, dende e para GALICIA. Iso é Vieiros, a estrela dixital que sinala a localización do noso País no universo da Internet. Apágase a estrela, xorde o buraco negro, o baleiro total que dalgunha maneira haberemos encher.

Resulta difícil de aceptar, que irremediablemente, para tristura e decepción infinitas de moitos, para alivio dalgúns, Vieiros, o único medio de información imprescindible, pecha. As circunstancias fican explicadas no seu derradeiro editorial. Este País retrocede e volve retroceder por mor de circunstancias desafortunadas. Algún día haberá cambiar a tendencia e nese momento procuraremos rescatar Vieiros.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota