Matemática poética

No Brasil chaman samba á Física. Cren aprender Química cando beben, coitados!, caipirinha. Confunden as Matemáticas co fútbol: escuadras, diagonais, esféricos. No Brasil, ninguén sabe nada de Tecnoloxía. Porque no Brasil falan o portugués, que se desligou do galego por razóns familiares. E por iso é que están tan atrasados no Brasil. A súa lingua non lles dá para as Ciencias. Porque a súa lingua (por Deus, da mesma raigame cá nosa!) só lles serve para facer versos e cancións. A literatura…  Velaí Jorge Amado, Nélida Piñón, Eça de Queiroz! Pero onde se viu un científico brasileiro ou portugués? Onde un tecnólogo, un matemático, un químico expresando as súas fórmulas no vello romance, na fala lírica as ecuacións?

Veño dun recital poético bilingüe. “Haré un poema de la pura nada. / Tú y yo seremos los protagonistas. / Nuestro vacío, nuestras soledades / nin un solo instante compartidas, nuestro / mortal aburrimiento, la derrota / …” (Luís Alberto de Cuenca, Madrid, 1950). “Non te apiades de min, non, / Monarca de sete castelos, / De ollos coma coitelos, / Respecto xa che perdín. / Non sabe amor o que é amor / Nin señor o que é soldado /…” (Luísa Castro, Foz, 1966).

Veño dun recital matemático. A faciana de Iolanda é un exercicio trigonométrico. As metáforas, logaritmos neperianos. Como se dirá seno, coseno, tanxente e cotanxente en birmano? En que idioma pensaba Pitágoras? Será, tamén en galego, o cadrado da hipotenusa igual á suma dos cadrados dos catetos? Que dirá Arquímedes? Que dirá Pareto? Unha integral sen solución: a política! A segunda derivada da vontade popular: se cadra, a poesía (ou a matemática). En calquera caso, a idolatría! A ver, Mallo, un exemplo de función exponencial co límite tendendo ó infinito. A estupidez? A estupidez deste goberno? Moi probablemente.

E a lingua galega que serve para traducir a Kavafis, a Baudelaire, a Yeats… Que saberán eles de Matemáticas???

Los comentarios han sido cerrados para esta nota