Galego, lingua da liberdade

decembro 31, 2009 · Publicado en Lingua · 1 Comentario 

Pensaba rematar 2009 felicitando un senlleiro medio de comunicación en galego polo 25 aniversario cumprido este ano: A Peneira. Queda pendente para a seguinte anotación. Porque hoxe só se pode falar da actuación dese goberno que trata a cultura galega como se fose un fenómeno invasor e o idioma adoptado como se tivese nacido das entrañas desta Terra. Un goberno que volve recluír a lingua galega nos sotos do desleixo para satisfacción de protoburgueses e filoignorantes, dos clans urbanos criados no complexo de clase e a autonegación. E faino traizoando sen rodeos aquel argumento que, dicían, xustificaba o seu rexeitamento. Alegaban que o Decreto do galego no ensino rompía o consenso, que había que recuperar a harmonía e o acordo (suxiro repasar o premonitorio artigo publicado en Vieiros en Xullo do 2007, "O ensino, en galego", hoxe especialmente vixente). Pois ben, en 24 horas este goberno está conseguindo o meirande e máis meteórico índice de consenso en contra dunha proposta, feito tan meritorio como patético. Un consenso roto pola prensa madrileña que aplaude amplamente o xiro antigalego deste goberno; estarán satisfeitos, calcúlolle.

Alén da retórica, precísase unha actitude inquebrantable de defensa do noso idioma por parte de tódolos axentes sociais conscientes da transcendencia, actual e histórica, de contarmos cun código propio e único de comunicación.  A lingua galega é sinónimo de liberdade, a súa Historia representa o mellor exemplo de loita polos dereitos civís. Se o idioma galego segue presente na nosa sociedade, débese ó seu emprego masivo, libre e consciente durante séculos e nas peores condicións. 2009 remata como remata. 2010 ha ser, máis ca nunca, o ano da lingua galega. Porque, en contra do que leva aducindo arteiramente este goberno, galego é a lingua da liberdade, a que loita en inferioridade de condicións pola súa supervivencia. Por máis que a queiran fechar, haberá atopar o camiño para a súa liberación.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Mil Nadais máis…

decembro 25, 2009 · Publicado en Lingua · 1 Comentario 

Nestas datas propicias para os contos, velaí dous reais acontecidos no mesmo día da Noiteboa. Pola mañá, Libraría Nova Colón na rúa Olmos, dignísima sucesión da "vella" Colón na rúa Real. Señora con faciana de "teño que saír deste sitio con algo nas mans". Begoña co seu aceno típico "eu disposta a escoita-lo vostede veña a me dicir". E a señora que fala: "mira, yo vengo a comprar un libro para regalar a una chica que lee mucho, pero que no sea en gallego, eh". A clasificación fica clarísima dende o momento inicial. Begoña, que atesoura na súa cabeciña unha das maiores bases de datos literarias no País, procesa axiña e principia a expoñer distintas opcións, evidentemente todas elas en castelán. E a señora que lle contesta: "Ya, pero no serán en gallego." Begoña ignora cortesmente o comentario, algo que non fago eu xa fitando sen reparo a teimuda clienta. "Bien", volve tentalo Begoña, "le podría gustar tal vez...". E a señora que a interrompe sen máis: "porque ella lee mucho, entiendes, pero no en gallego." Unha reacción cirúrxica dá remate á transacción: "Llévese el último Planeta." "Pues si, me llevo el último Planeta."

Após o xantar, consulto mensaxes no correo electrónico. Media ducia sobre o asunto monográfico do día. O primeiro, o típico "Feliz Navidad para tí y para los tuyos en estas fechas entrañables a la espera de que..." Contesto: "Igualmente, Bo Nadal." Mentres olleo o resto, recibo rápida resposta. "Tú siempre erre que erre con el gallego." Penso en continuar cun "Ti sempre arre que arre co castelán", pero reprímome por cuestións que non veñen a conto. En troques, devólvolle: "Era a lingua de meu pai e estamos en Nadal."

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Mercado e idioma

decembro 21, 2009 · Publicado en Economía ou finanzas, Lingua · Comentario 

ecolinguaA pasada fin de semana, celebrouse en Vigo o I Simposium Internacional Ecolingua cuxo programa o acredita coma un dos exercicios reflexivos máis enriquecedores dos que se teñan celebrado sobre a materia no País. O venres falouse de Marketing e lingua, unha mesa redonda moderada por Antón Reixa e na que tiven a ocasión de participar canda senllos representantes de R e Gadisa. Debo dicir que me entusiasmou a presentación de R a cal deberían escoitar tódolos directivos das empresas galegas. A experiencia práctica de R demostra que a elección do galego como lingua vehicular, internamente e cara ó exterior, pode ser unha cuestión de identidade con elevado valor no mercado como elemento de diferenciación e proximidade. Antecedentes desta Mesa atópanse no último artigo en Vieiros, Beizóns GB, e un anterior en Xornal, Economía e idioma.

Marketing vén significando comunicación, o medio de traslada-la mensaxe da empresa. Por iso, a primeira decisión de Marketing haberá se-lo idioma no que expresa-la mensaxe. En Galicia, a elección será, a maioría das veces, galego, castelán ou bilingüe, inda que en dependendo dos obxectivos e circunstancias, mesmo se poida recorrer a outras linguas; velaí o uso do inglés con certa frecuencia, ou o italiano en restauración, por exemplo. Catro son os ámbitos de decisión: as comunicacións masivas (publicidade, sitio web...), as comunicacións individuais cos clientes (teléfono, correo, persoal...), o merchandising e a sinalética (nos puntos de venda, na etiquetaxe dos produtos...) e na dinámica interna e procedementos de traballo.

Mais se cadra, antes de implantaren un idioma ou outro nestas catro áreas, cómpra facer unha reflexión estratéxica. A empresa debe formularse unha dobre pregunta. Cara ó mercado galego: ¿representa Galicia un mercado importante na miña empresa como para deseñar unha estratexia propia de marketing e, en tal caso, considero a lingua galega un elemento positivo na distribución dos meus produtos e das miñas mensaxes? Unha empresa como Inditex, por exemplo, ou ben non considera Galicia un mercado relevante ou ben non entende que o galego sexa un factor positivo para a presentación da súa oferta. Cara ó mercado exterior, a pregunta sería distinta: ¿pode contribuí-la lingua galega a dota-los meus produtos dos atributos de autenticidade e confianza que desexo para eles? Exposto doutra maneira: ¿representa a lingua galega un elemento identificable da marca "made in Galicia"? O sector vitivinícola galego contestou de modo afirmativo esta cuestión e así emprega o idioma galego na maioría das súas etiquetas.

Tres casos singulares a salientar dunha maneira especialmente enfática. O xa comentado de R: se a maioría de empresas galegas funcionasen a semellanza desta compañía de telecomunicacións, a situación da lingua galega sería distinta. O segundo caso, o Foro Enrique Peinador, que desenvolve unha encomiable tarefa para "galeguizar galicia" a través do uso da lingua nas empresas galegas. E por último, Alimentos Amorodo; as declaracións  dunha das súas socias fundadoras servíronme para pecha-la miña intervención en Ecolingua: "Nós mandamos para Madrid etiquetado en galego e ninguén puxo atrancos. Apostamos por unha agricultura sostible e un produto de calidade e, da maneira que nos interesa que o medio ambiente se conserve, que é o patrimonio natural, pois o mesmo o patrimonio cultural que temos. É a nosa cultura, a nosa lingua. É unha cuestión cultural. Que o idioma galego se fale e non quede só relegado á administración e á literatura."

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Manuel, Henrique, Carlos, Xosé Luis, Abel e Caín

decembro 11, 2009 · Publicado en Lingua · 1 Comentario 

De entre tódalas lendas coñecidas, a de Abel e Caín resulta das máis atinadamente aplicables ó País. A parábola de tan bíblicos irmáns podería explica-las críticas e obxeccións que dende certos espazos se emiten respecto a Manuel Rivas, quen mañá sábado se converterá en membro da Real Academia Galega da Lingua. Parabéns ante todo. Méritos acumula Manuel dende ópticas ben diversas, sempre en grao extremo, superlativo: a sabidoría das súas propostas literarias, o manexo de teses e antíteses, o uso equilibrista de tropos, símiles e paradoxos, a investigación do comportamento humano e social... Os textos de Manuel Rivas son como metaformas, a mesma mensaxe definitiva lanzarían inda que fosen pintados no canto de escritos, esculpidos en troques de redactados. Léndoo -observándoo- albiscamos o que latexa no fondo da súa conciencia, que en boa parte é tamén a nosa.

Seica na RAG coincidirá con Ferrín, feliz coincidencia, feliz período novo, feliz contenda, feliz mensaxe metafórmica. Están condenados a entendérense, Xosé Luis e Manuel, polo ben da nosa lingua común, escrita, pintada e tallada, do noso idioma esencialmente gardado por aquela institución. Hanse levar ben igual que Carlos e Henrique, tan complementarios, tan necesarios ámbolos dous canda a nosa causa que está por riba, ten que estar, de personalismos e diferenzas de matiz ou carácter. Abondan -sobran- as liortas internas cando se comparten, se non os medios, si claramente os fins.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Asunción Antelo

decembro 8, 2009 · Publicado en Galicia diversa · Comentario 

DSC00085En 90 anos, Asunción Antelo a penas saíu tres veces de Segufe, nunca lonxe, ate Malpica, Pontevedra e San Andrés. Vive cos irmáns na mesma casa de labranza, agora ben humilde, na que naceron. Daría, a máis vella, ten 93 anos e anda a recuperarse dunha operación de cadeira. Foi a única que casou, para logo enviuvar: o home morreulle na Guerra Civil, asasina feroz que así mesmo segou a vida doutros oito homes da parroquia de Seavia á que pertence Segufe. Antonio e José completan o fogar familiar. Vivían do que todos na Galicia interior, dos froitos da facenda. Conservan unhas galiñas e aínda plantan fabas, ademais de patacas, unha obriga habitando, como habitan, terra de Coristanco.

Disque os vellos parécense entre si. Mais Asunción non é vella. Mantén a mirada brillante, o sorriso con intención, a palabra aguda e o orgullo galaico. Orgullo que, mesturado co seu infinito talento, trasladou á madeira de carballos, bieiteiros e castiñeiros, e así esculpiu fermosísimas pezas que son coma estampas vivas dun tempo que se lle escapa entre os dedos. Tamén utilizou o barro, “do País”, aclara, “e cocido en Buño”, para construír aldeas en miniatura, retratos colectivos, un portal de Belén e ata un campo da festa en plena acción. “Quen lle aprendeu?” “Naide e a ningún lado fun tampouco.”

DSC00087A “Rexubeira de Bergantiños” ela mesma se alcumou, non por laretas senón por escribir da xente, dos veciños, dos mártires, dos emigrantes. Asunción, artista sempre en negro, é ademais poeta. “Bendito sexa o crego / que bautizou Rosalía / que mesmo lle puxo á nena / o nome que merecía. /  Era rosiña do campo / raíña da primavera / era a flor máis fermosa / de Galicia, nosa terra.” Asunción Antelo non saíu de Segufe e escribiulle a Castelao, a Pondal, a Rosalía, a Bóveda, a Galicia enteira. Asunción, oleira, escultora, poetisa e, ante todo, galeguista. “Galeguistas do trinta e seis / que fostes asasinados, / coa Bandeira galega / non puidestes ser tapados.”

Se queredes coñecer a alma de Galicia, ide visitar a Asunción Antelo. Na aldea de Segufe a atoparedes vestida de negro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Falade miniñas, falade galego!

decembro 3, 2009 · Publicado en Lingua · 1 Comentario 

Un destes días, coincidín nun recinto de lecer cunha actriz galega noviña, de fala tenra e doce  feitura. Esa era a impresión que tirara de tela visto na TVG e tamén nunha obra de teatro na que participara. Estaba con quen semellaba o seu mozo, outrosí actor galego, posuidor el dun falar con acento propio ben modulado. Fun consciente de reproducir esa sensación asimétrica tópica de tales situacións e que abordei con simpatía, sen máis. Axiña levei unha decepción das que te deixan desacougado o resto do día. Eses dous mozos, vinte e tantos anos calcúlolles, con dominio total da lingua do País, empregando na intimidade da súa conversa a lingua adoptada. Non só fiquei decepcionado senón mesmo cabreado ó comprobar que nin sequera aqueles que viven do idioma son quen de defendelo. Lembrei tamén un par de coincidencias co showman favorito da TVG, e así leva dúas décadas cando menos, utilizando nun púlpito (era unha Primeira Comuñón) e nunha clínica odontolóxica (unha revisión dental da súa filla) o idioma castelán. Quen vai salva-lo idioma? Se cadra, Pondal, que escribiu isto:

Miniñas da Cruña,

de amabre despexo,

de falas graciosas

e pasos lixeiros,

deixa de Castela

os duros acentos:

Falade, miniñas,

Falade galego.

Cando é que vos oio,

a patria esquecendo,

falar esas duras

palabras de ferro,

non sei o que sufro,

non sei o que peno:

Falade miniñas,

Falade galego.

Mais cando falades

nos patrios acentos,

envoltos no voso

anxélico alento,

parece que escoito

un canto do ceo:

Falade miniñas,

Falade galego.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google