Corazonada Río 2016

setembro 28, 2009 · Publicado en Política · 4 Comentarios 

O día despois de un millón de madrileños concentrárense na Praza Cibeles para manifesta-la súa corazonada a prol de Madrid 2016, eu, administrador único desta modesta bitácora en Internet, publico a miña corazonada de que será Río de Janeiro a cidade escollida para celebra-los Xogos Olímpicos dentro de seis anos. O cal, falemos claro, propiciará a miña ledicia e satisfacción. Primeiro, porque vai sendo tempo de América do Sur organizar un evento coma este. Segundo, porque Lula da Silva me cae moito mellor que Ruíz Gallardón, non digamos xa se o colocamos a carón de Esperanza Aguirre. En terceiro lugar, porque o efecto inducido sobre Brasil será moi superior en termos relativos ó que se podería conseguir nas outras sociedades candidatas, notablemente máis desenvolvidas. Cuarto, porque o gasto que supoñen unhas Olimpiadas é considerable, o Estado español non está para ese tipo de festa e, de gastar na capital, menos quedará para a periferia. Por último, o de Madrid non me gusta nadiña porque xa estou imaxinando a zarzuela patrioteira que se montaría para presentar España con esa mirada excluínte e birolla por centrípeta propia de quen máis interese está a poñer na contenda. E porque estou seguro que, de haber algún día a posibilidade dunha candidatura Compostela 2100, poñamos por caso, non creo que a actitude por aquelas latitudes do centro fose ser de grande entusiasmo, precisamente.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Peces rojos

setembro 20, 2009 · Publicado en Literatura xeral, Política · Comentario 

"Peces rojos en la lluvia", co subtítulo "Una historia cubana de la Revolución", é unha magnífica novela escrita polo cubano fillo de galegos Manuel Sánchez Dalama. A novela baséase na propia experiencia vital do autor a cal inclúe a súa estadía na prisión de La Cabaña condenado por negarse a asasinar unha familia indefensa en Angola, actitude considerada contraria ó espírito do revolucionario. "Peces rojos en la lluvia" resulta unha lectura de enorme interese, en especial pola descrición dos procesos de convulsión persoal e social que propiciou o castrismo. O personaxe principal pasa duns inicios de adhesión incondicional a un estado de cuestionamento de moitas das decisións ó entender que esmagan dereitos e liberdades persoais sobre a xustificación dun ambiguo e superior criterio colectivo. Deben salientarse de maneira específica dous episodios: en primeiro lugar cando, trala nacionalización das grandes empresas, o goberno cubano emprende a confiscación dos pequenos negocios, artéllase unha campaña de difamacións por todo o País cualificando de "viles explotadores" ós pequenos comerciantes, modestos e honrados, que conseguiran defender os seus establecementos coa única ferramenta do traballo; o segundo destes episodios salientables ten lugar en 1980, cando un grupo de cubanos solicitan asilo na Embaixada de Perú. Ante a marea de peticións que se producen a seguir, os Estados Unidos ofrécense a recibir a todos aqueles cubanos que desexen saír da Illa. O goberno de Fidel reacciona metendo nos barcos a presidiarios, marxinais e, en xeral, cidadáns "pouco afectos" á Revolución. Recorrendo de novo ás tácticas da calumnia, os Comité de Defensa van seleccionando as persoas a expulsar, que son calificadas de "escoria". Non hai marxe para os matices: ou ben es revolucionario incondicional ou ben es escoria.

"Peces rojos en la lluvia" representa un veraz testemuño dun réxime que principiou sendo unha liberación e terminou convertendo o país nunha prisión, tanto física como, sobre todo, mental. Un libro, por outra banda, sincero, reflexivo e ben escrito. Porén, non o busquedes nas librarías: "Peces rojos en la lluvia" houbo ser autoeditado. Novos misterios do mundo editorial!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Marcha pola lingua

setembro 16, 2009 · Publicado en Lingua · Comentario 

Ás veces dan ganas de renderse, de esquecelo todo, ignoralo todo, dobra-lo xeonllo e asumi-la desaparición dos nosos riscos culturais e da nosa lingua. Dan ganas de tombarse no plácido colchón do sucursalismo e a submisión e asumi-la estratexia dos, chamémolos, “asimilados” que puxan a prol de calquera manifestación que arrecenda a español mentres turran en contra daquilo que cheire a galego. Entón, cando máis o necesitas, aparece xente como María R. capaz de imaxinar proxectos esperanzadores, de mobilizar vontades e conciencias, de organizar accións sobre a base da concordia, da comunicación e da verdade. E coa entrega e xenerosidade duns poucos como único recurso, consegue levar a cabo esta marabillosa iniciativa, convers-ando.

Trátase dunha marcha pola lingua. Con moita xente nova que mira adiante, cara ó futuro. En aperta fraterna, en convivencia co medio, en sabor a paz. Paso a paso, man con man, golpe a golpe. Conversando co destino, fan camiño ó andar. As súas pegadas, as súas palabras e nada máis.

Outras plataformas xurdiron nos últimos meses. Publicaron manifestos, editaron blogues e deseñaron logotipos. Convers-ando fixo algo máis. Convers-ando xa marcha.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Despedida e peche

setembro 9, 2009 · Publicado en medios comunicación · 3 Comentarios 


xenerica_mp1Como cada mércores destes últimos tres anos, recibín ó longo da mañá unha chamada da Radio Galega. Non era Isabel, como adoito, senón Josefina, seica a secretaria da nova directora da canle pública do País. Tampouco non se trataba de confirmar a participación no Faladoiro do xoves, senón de me agradecer a colaboración desenvolvida durante este tempo. Ben, é unha maneira de facelo como outra calquera.

Ante esta lexítima decisión da RG, quizais esperable dende hai varios meses, non me cabe máis que trasladar unha xeira de sinceros agradecementos, os cales gustaríame facer públicos mesmo inda que sexa a través deste medio que, de tan persoal, resulta case privado (en ocasións coma esta decátase un da utilidade das bitácoras virtuais). Mencionarei en primeiro lugar a Isabel –ou Sabela– Vázquez, sutil e intelixente directora do “Informativo primeira hora” durante estes anos. En segundo lugar, a Isabel Rodríguez, eficiente produtora. E a Xosé Manuel Pérez, ate hai pouco xefe ecuánime dos informativos. Tamén, por suposto, a Chus Castro, delegada na Coruña e magnífica anfitriona. E a Alfonso Arias, atento sempre ó perfecto funcionamento das instalacións.

É unha obriga e un pracer amentar igualmente os compañeiros cos que tiven a honra de compartir espazo, tanto, por suposto, con aqueles de próximo parecer como, se cadra especialmente, respecto dos que amosaron maiores ou máis frecuentes diferencias. Entre os colaboradores habituais en distintas etapas, velaí Alberto Pena, Pedro Arias, Lois Pardo ou Alfonso Cabaleiro. Algo máis esporádicos foron os encontros con Fernando Ojea, Julián Fernández, Domingo Bello Janeiro, Marcelino Agís ou, ultimamente, Cristóbal Atienza. Noutras casos, coma os de Mª Antonia Iglesias, Manolo Bragado ou Alberte Meixide, as coincidencias apenas se produciron en dúas ou tres ocasións.

Podo afirmar que, na práctica totalidade dos programas, o debate beneficiouse da honestidade intelectual dos participantes, da fértil pluralidade das súas posicións e da neutralidade dos rectores do faladoiro, entendido este como escenario propicio para a presentación de ópticas e perspectivas distintas dunha mesma realidade. Neste sentido, entendo que o labor feito serviu para enriquecer a análise dos problemas colectivos e fortalecer as teses que nos deben conducir, eito a eito, cara ás súas solucións.

Só espero que a nova andaina da Radio Galega sexa respectuosa con tales principios e mesmo pretenda a súa potenciación a prol dunha maior contribución dos medios de comunicación públicos ó progreso e á concordia deste País ó que agora chaman “comunidade”; e que nin Radio nin Televisión se dobren ante posibles tentacións conducentes á mutilación do espírito crítico e á difusión das opinións dispostas nunha soa dirección.

Grazas de novo e ate sempre.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Nacionalismo anfibio

setembro 3, 2009 · Publicado en Política · 2 Comentarios 

Se unha sección determinada dun equipo de traballo pretende construír un barco e outra sección proxecta un automóbil, o máis probable é que terminen fabricando un coche anfibio con dificultades para circular por terra e con escasa habilidade para navegar por mar. Así que, antes de seguir teimando no coche anfibio, ese tal equipo debería dividirse para poder producir, os uns, un automóbil disposto a percorrer grandes distancias e, os outros, un barco capaz de suca-los mares tal que un cetáceo. Máis ca nada, para ámbolos dous non embarrancar.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google