Literatura feminina, existe?

abril 28, 2009 · Publicado en Literatura xeral, literatura galega · 1 Comentario 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega está a organizar o II Encontro Cidade da Coruña baixo o título xenérico "Mulleres na literatura". Inaugurou o ciclo María Reimóndez, flanqueada para a ocasión por dúas mulleres admirables como son María Xosé Bravo e Mercedes Queixas. María deixou esa análise fonda que a caracteriza e que tantas veces desafía as convencións habituais na audiencia. Apunto as reflexións que me parecereon máis salientables.

En demasiados casos, as mulleres escritoras preséntanse como algo distinto: unha icona, unha curiosidade, unha excepción. A súa obra, antes ca literaria, pode ser, por exemplo, simbólica ou circunstancial. A maioría de escritoras de éxito no pasado foron esquecidas e mesmo resulta difícil, case imposible, facerse cos seus títulos. As creacións das mulleres deben franquear barreiras máis sólidas e desafiantes cás dos  homes, pois son homes quen domiñan o medio, o sector, o proceso... O xénero modula o subconsciente que actúa no momento da selección das obras, das publicacións, dos premios, das críticas. E unha muller vale por dez en literatura pois cando unha escritora acada o recoñecemento, semella multiplicarse a presenza feminina no ramo. Son acaso as mulleres escritoras un colectivo dentro do sector? Pregunta errada: quen preguntou algunha vez se forman os escritores homes un grupo homoxéneo?

Podemos coincidir con todo o en parte; eu na maioría. Por certo, o lema da súa charla: "Por min e polas miñas compañeiras. Visibilidades e invisibilidades das escritoras en Galicia."

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

TEMPOS NOVOS, información e coñecemento

abril 21, 2009 · Publicado en medios comunicación · 1 Comentario 

TEMPOS NOVOS foi fundada hai trece anos por 150 persoas de diversa extración política e ideolóxica. Naceu como conciencia crítica daqueles anos fraguianos no que as consignas do pensamento único campaban polos eidos culturais e sociais do País. Malia a oposición daquel  poder hexemónico, TEMPOS NOVOS foi acadando un merecido prestixio co cal tamén conseguiu un número apreciable de subscritores e o apoio dalgunhas empresas sensibles ás perspectivas alternativas.

Coa chegada do bipartito, TEMPOS NOVOS albiscou unha oportunidade para o desenvolvemento do proxecto e así reforzou a redacción e remodelou o formato e os contidos para tornala unha publicación aínda máis lexible e interesante sen perde-lo seu acento crítico.  Pero todo está agora sometido a riscos. A crise económica desincentivou a publicidade non institucional e o cambio de goberno reducirá, previsiblemente, a presenza institucional nos medios en galego. Xa que logo, TEMPOS NOVOS debe afrontar un período de serias dificultades.  A única maneira de resistir será elevando o número de subscritores ata os 2.000 dende os 1.500 actuais.

Atrévome a recomenda-la subscrición a TEMPOS NOVOS, tanto pola calidade do seu traballo, pola orixinalidade da súa proposta, polo rigor e versión crítica na análise da realidade e, hoxe máis ca nunca, pola necesidade de preservar as alternativas ó pensamento único. Este é o enderezo da revista, www.temposdixital.com e esta a ligazón para vos subscribir: subscricions@temposnovos.net.

Esperemos que TEMPOS NOVOS poida celebrar, cando menos, outros tantos anos coma os que leva vividos e poida seguir convertendo, como ata agora, a información en coñecemento.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Conselleiriña Vermella

abril 7, 2009 · Publicado en Política · Comentario 

Houbo nun tempo, nunha Bendita Terra, un Goberno malversador que quixo erguer unha grandiosa Cidade arteiramente dedicada á deusa Cultura. Nese Goberno tan malgastador había unha Conselleiriña Vermella que tiña un Esposo con exóticas e lonxanas amizades. E resultou que unha das amizades máis misteriosas do Esposo da Conselleiriña foi o Arquitecto principal de erguer tan esplendoroso monumento devotamente dedicado ao gran Mariscal. E durante un tempo os cartos buliron dun recuncho ó outro mentres a Cidade, tal que pirámide dos novos tempos, foi gañando altura e anchura, e o Arquitecto principal foi gañando en saldo corrente e, en fin, todo eran loas, ledicia e fartura. O tempo pasou e a pirámide non se rematou. O que si sucedeu é que aquela Conselleiriña Vermella converteuse na Gobernanta do Senado daquela Bendita Terra por mor das artes milagreiras de non se sabe que Meiga trampulleira. E así foi que, cando a súa entronización, mandou que soara o Himno Nacional, o cal soou principiando como principia, cunha pregunta en torno a uns Rumorosos na Costa Verdescente. E cando lle recoñeceron a súa santa ousadía, a outrora Conselleiriña Vermella houbo rectificar e manifestar que o da Nación só podería ser para o Himno das Hispanias. E así foi como dende aquela, a Conselleiriña Vermella foi volta a bautismar como Gobernanta Rojigualda.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A Mesa

abril 3, 2009 · Publicado en Lingua · Comentario 

A semana pasada, a Mesa pola Normalización Lingüística celebrou a súa Asemblea Xeral, a cal rematou cun acto de clausura no que Carlos Callón leu o seu discurso como presidente re-electo, nove persoas limos un manifesto en defensa da nosa lingua e, finalmente, cantamos postos en pé o Himno Galego. A Mesa está a facer un labor moi importante a prol do idioma galego e do seu tratamento xusto tanto nas institucións públicas como no sector privado. Esa presenza de seu en moitos ámbitos de actividade, esa a súa constancia e o seu propósito de visualiza-lo desleixo no que se atopa a nosa lingua, fíxolle gañar moitos e moi poderosos inimigos. Buscaremos tempo e lugar para falar cumpridamente da Mesa pola Normalización Lingüística. Polo momento, pensemos en defendérmo-la vixencia e necesidade do seu labor.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google