Na capital da República

Da República das Letras, tal como cualificou Xoán Antón o espazo ocupado pola literatura dentro dunha colectividade. Xoán Antón chegaba de Barcelona, voando raso entrou na magnífica Libraría Couceiro de Santiago e compartiu con nós a súa visión –sempre analítica, perspicaz e culta– sobre A trenza. Xoán Antón Pérez Lema, eixo fundamental da conexión actual entre Goberno e sociedade, volve amosar a súa capacidade de entrega e amizade nunha intervención na que falou da galeguidade nun contexto de universalidade.
Quince minutos antes, Lois Rodríguez, fundador e editor de Vieiros, ofreceunos unha perspectiva persoal e, xa que logo, emotiva, sobre a novela. Coido que, moito mellor que resumir o contido das ben pensadas palabras de Lois, cómpre trasladar aquí os seus parágrafos centrais:
“En todas partes definiuse (A trenza) como unha novela social e éo, claramente: homes que se aproveitan das mulleres, que as enganan e explotan, que as ameazan, nenos separados dos pais, cregos e monxas, a lingua, os barrios, A Coruña, o país, os cárceres, lúmpen, ladróns, prostitución… Pero eu vina chea de achegas intimistas que nos van mergullando nas psicoloxías dos personaxes por medio da propia narración ou, repito no meu caso, na interacción entre o que o autor escribe e eu intúo.
A obra, ao igual que indica o acertado título, vainos levando de nó a nó da trenza. Imos de cruce en cruce, de casualidade en casualidade, e ás veces de fatalidade en fatalidade.
Hai amor, está a sorpresa terrorífica de non recoñecer a persoa que é a túa parella, descubrimos a perplexidade fronte ás reaccións non habituais dun mesmo, percíbese a teimosía enferma de crer que un acto nimio pode condicionar toda unha vida, asusta a fráxil parede entre a seguridade e a desestabilización psicolóxica do personaxe, mellor, de varios personaxes (quen non colleu medo de verse nesa situación?). Tamén está a superación, a afouteza, a seguridade recuperada, a constancia de que ninguén coñece máis a unha persoa que el ou ela mesma. E hai un final de tranquilidade morniña que dá o equilibrio.
En fin, é unha obra complexa, rica, con miserias e valentías que engancha e te vai levando de cadro en cadro en moitos intres coa respiración contida, agardando o seguinte lance. Ás veces, a mente vai máis rápido que as letras, e vas imaxinando os desenvolvementos, que logo non son e sorprenden e hai que reencaixar, hai que volver trenzar e a trenza que é cada vez máis longa, cada vez máis real, vai desacougando e facendo que teñas que lembrar para saber se o que imaxinaches tamén se trenzou ou forma parte da paranoia do personaxe. Así a lin eu.”
Así a leu Lois, o “pai da Internet galega”.

7 Comentarios

  1. Anonymous dijo

    8 de Outubro del 2008 a las 1:49 p.m.

    Que ben está o que di Lois Rodríguez, iso de que o lector vai imaxinando os desenvolvementos futuros para ter que reencaixalos despois cando non terminan como un esperaba. Escoitei que A trenza era unha homenaxe á muller, ás mulleres loitadoras. Estou de acordo pero sobre todo é unha homenaxe á LITERATURA, con maiúsculas. Conseguíchelo, amigo meu.
    M.

  2. Anonymous dijo

    6 de Novembro del 2008 a las 2:16 a.m.

    Disfrutei moito da súa lectura, que é o mellor que se pode dicir dunha novela, non? Disfrútase dende a primeira páxina á última.
    Un saúdo,
    Compostela

  3. Anonymous dijo

    10 de Novembro del 2008 a las 11:28 p.m.

    ¿É posible que unhas vidas anónimas que poderían ser as dos nosos veciños, curmáns, e mesmo alguén que estea sentado ó noso carón no café da esquina, poidan ter presa a nosa atención e esteamos desexando ver como se desenrola o seguinte capítulo? Si, ti fixéchelo posible, con esta novela de lectura sinxela, pero cargada de forza e dinamismo. Gustoume especialmente o xogo que fas cos personaxes:os que inicialmente parecen ser os protagonistas deixan de selo para abrírlle-lo paso a outros que parecían secundarios, e por outra banda os “relegados” convértense en protagonistas.O ben e o mal mesturan os papeis ¿quén è quén?
    Sorprendeume o final …contaches un intenso pero pequeno anaco das suas vidas… pero o mundo segue…
    Unha aperta
    “S”

  4. Marcelino Fernández Mallo dijo

    14 de Novembro del 2008 a las 9:30 a.m.

    A trenza vai medrando e, coas vosas particulares lecturas, vai reforzando os seus nós. Vidas anónimas, así é, as vidas de calquera de nós que poden virar, mesmo drasticamente, por un acontecemento casual ou incluso menor. Por iso ha variar o protagonismo dos personaxes, como ben dis. E así é, o mundo segue… Apertas

  5. Anonymous dijo

    27 de Novembro del 2008 a las 6:40 p.m.

    Carallo Marcelino que convenciches amigos para escribir no teu blogue. Pero eu non atopei ningunha razón para ler o libro. Tal vez o próximo, se o hai claro. Ramón, para ti Moncho

  6. Anonymous dijo

    27 de Novembro del 2008 a las 10:17 p.m.

    É unha boa regra de vida, observar e aprender de todo. Cada persona, cada película aportache algo…eu probaría a ler o libro. Dar opinións antes de tempo é precipitarse…é precipitarse é unha groseria,amigo.

  7. Marcelino Fernández Mallo dijo

    29 de Novembro del 2008 a las 7:35 p.m.

    Pois non creas que custou moito, Ramón (ou Moncho). Máis ben, convencéronse soíños. En fin, cada un é libre para escolle-las súas lecturas (igual que para expoñe-las súas opinións, non?)

Comentarios RSS