Encontro na Feira

Unha Feira do Libro é, ante todo, unha feira. Unha feira, si, esa sorte de tradición medieval que implica levarmos o comercio á rúa, os feirantes expoñeren as súas mercadorías á vista dos viandantes, dos que rúan. Unha feira do libro, xa que logo, non é máis ca unha exposición pública de palabras para a súa venda, de palabras amoutadas, fiadas, grampadas e encadernadas.
Entre o 1 e o 10 de Agosto, a palabra encadernada (laica e encadernada) toma a rúa na Coruña. O día 1 de Agosto inaugúrase a Feira do Libro da Coruña nos Xardíns de Méndez Núñez. Unha Feira para o tópico, para tornarse punto de encontro entre os libreiros, os escritores e os lectores: a escrita, a lectura e, no medio, os intermediarios, claro!, os libreiros na rúa, os comerciantes da palabra (laica) na Feira.
Na Feira do Libro da Coruña xuntaranse 52 expositores (así os cualifican oficialmente), 14 editoriais e “máis de sesenta autores”, entre eles, este que escribe; a Feira do Libro da Coruña, ben se ve, é cousa seria, non porque asista este que escribe, senón porque xuntar 14 editoriais e 52 expositores de libros non está ao alcance de calquera…
O martes 5, de 7 a 8 do serán, tócame a quenda. Non sei o número da caseta pero entre 52 malo será que non nos atopemos. Falamos de algo serio, si, pero tampouco non convén esaxerar, que isto é pouco máis ca unha aldeíña evoluída. Así que, se vos presta, achegádevos á Feira. Chámano “firma (ou sinatura) de exemplares”. Eu volvo ao tópico; chamareino “encontro”.
Se queredes falar un anaco sobre A trenza, ou sobre libros, ou sobre feiras e feirantes, ou sobre Fenosas e Fadesas, ou mesmo sobre o poemario que Reixa presenta á mesma hora, aló me atoparedes. Nunha caseta calquera da Feira do Libro da Coruña. O martes, 5 de Agosto, ás 7 do serán.

4 Comentarios

  1. raul dijo

    15 de Setembro del 2008 a las 1:15 p.m.

    Escribo a miña opinión nesta noticia que ten cero comentarios. Primeiro, quero felicitar a editorial Ezaro por adentrarse no libro en galego. Non coñecía a editorial pero despois de enterarme un pouco, creo que pode ser unha boa competencia para as dous habituais e iso será bo para os que lemos a literatura galega. Despois, creo que a elección de A trenza foi un acerto completo porque a novela é magnífica e fóra dos temas típicos de sempre. É como aire fresco, unha novela de hoxe, chea de situacións actuais e toda moi ben engarzada, onde todo ten un motivo que se vai descubrindo páxina tras páxina. Está moi ben escrita e so espero que detrás de A trenza veñan outras.

  2. Marcelino Fernández Mallo dijo

    18 de Setembro del 2008 a las 4:26 p.m.

    Perdoa, Raúl, a demora na resposta; teño a impresión de que o mundo xirou estes días a máis revolucións do habitual. O teu comentario sobre a editorial paréceme moi pertinente. Eu tamén considero, xaora!, unha estupenda noticia a decisión de Ézaro de abordar unha colección de literatura galega pois entendo que o País precisa novos axentes con propostas alternativas que enriquezan e potencien a presenza da nosa cultura, e mesmo da nosa lingua, na dinámica social. As opinións verbo da novela supoñen, por suposto, un motivo de orgullo e unha motivación para continuar. Unha aperta,

  3. raul dijo

    20 de Setembro del 2008 a las 8:56 p.m.

    Dentro da novela, atopei algunhas seccións especialmente brillantes, como as visitas de Mario ao club, a experiencia do hospital militar, a relación coa psicóloga e o rollo ambiguo coa delegada, entre outros. Postos a poñer algunha pega, a casualidade do Atleti de Madrid é pouco creíble, polo menos así mo pareceu.

  4. Marcelino Fernández Mallo dijo

    25 de Setembro del 2008 a las 5:34 p.m.

    Pois quedándome coa última frase, quizais teñas razón, pode ser unha febra algo débil.

Comentarios RSS